luns, 4 de novembro de 2013

A PRIMEIRA VITORIA DO NÁUTICO EN SM-2, PROTAGONISTA DA XORNADA:

FC BARCELONA 2-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-23, 25-20, 23-25, 17-25, 12-15)-(Superliga 2 Masculina)

Destacadísima actuación de Cristóbal  en Barcelona
O 3 de novembro do 2013 será recordado por todos nós como o día no que o Náutico conseguíu a súa primeira vitoria na Superliga 2. Nunha praza esixente e ante un complicadísimo rival lograron os de Emilio Palacio estrear o seu casilleiro particular de vitorias nesta categoría de prata do volei español. Custoulles ós boirenses coller o pulso ó choque e as circunstancias non axudaban en absoluto. Escasos minutos despois do arranque Narciso Abalo tiña que abandoar a cancha do Parc Esportiu de Llobregat por unhas molestias no seu nocello. A pesar de todo a igualdade non abandoaría o luminoso ata ben avanzado o parcial onde o altísimo bloqueo catalán marcaba a diferencia e fortificaba o seu campo para poñerse por diante no encontro. A flamante fichaxe do FC Barcelona procedente do Vikingos de Miranda, o central venezolano Carlos Vegas, mailo seu compañeiro de posición Jordi Marcé (ex-Voleibol Andorra) tomaban as rendas do seu equipo mostrándose imparables na rede. No segundo set os boirenses tomaban a iniciativa chegando por diante ós dous primeiros tempos técnicos (7-8 e 15-16). Foi neste momento cando os erros condeaban ós branquiazuis, que chegaron a mandar no luminoso por 18-20, poñendo no marcador un 2-0 que semellaba definitivo. Nada máis lonxe da realidade. Os boirenses conxuráronse entre set e set e volveron ó terreo de xogo dispostos a revertir a situación. Como si de maxia se tratase o xogo dos nosos encheuse de alegría e pundonor. Froito dunha melloría extraordinaria en saque e cun estelar Cristóbal Álvarez (13 puntos) conseguiron os de Boiro o punto de inflexión desexado. Os altos centrais cataláns xa non puntuaban con facilidade e pouco a pouco o ritmo da maquinaria branquiazul foi demasiado para un FC Barcelona que nada puido facer ante o aluvión galego. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez, Emilio Palacio, Mario Iglesias e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Jesús Vázquez, Antón Pérez, Gustavo Romero e Miguel Vázquez.

CVAA LLARS MUNDET 3-1 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 23-25, 25-18, 25-22)-(Superliga 2 Masculina)

Sergi Arranz (nº8) coa camisola do CAI VB Teruel
Duro rival o que se atopou na tarde do sábado o Náutico en terras catalanas. Dirixidos de maneira maxistral polo colocador internacional Sergi Arranz (ex do CAI Teruel) conseguiron os de Tony Alemany doblegar a un combativo Náutico que puido traer unha recompensa maior. O hándicap foi a recepción, totalmente condicionada pola escasa altura do polideportivo. O equipo local utilizou un saque en potencia que unha e outra vez tocaba o teito da instalación. A pesar da baixa de Emilio Palacio os barbanzáns estiveron moi preto de forzar o tie-break, apoiándose en un inspirado Mario Iglesias. Destacar a excelente actuación do receptor local Victor Tey (ex Club Vigo Voleibol) que conseguiu 14 tantos que axudaron a que o seu equipo se quedase cos 3 puntos da vitoria. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Cristóbal Álvarez, Gustavo Romero, Jesús Vázquez, Mario Iglesias e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Manuel Pérez, Miguel Vázquez e Antón Pérez.

ZALAETA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-18, 25-17, 25-12)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

A derrota deixa ás nosas 6ª con 6 puntos
Tropezo do primeiro equipo feminino na súa saída ó Pavillón do Barrio das Flores para medirse ó Zalaeta coruñés. As de Mario Iglesias, que padecían a lesión de hombro de María Triñanes, non conseguiron tomarlle o pulso ó choque e caeron en tres sets ante un equipo que agora nos iguala na clasificación con dúas vitorias. A potencia do servicio coruñés fería de gravidade a construcción das nosas que pasaron serios apuros en tarefas de recepción e imposibilitaban unha ordeada dirección por parte da colocadora Carla Otero. A incertidume en bloqueo-defensa creada polo ataque herculino facía que as nosas non atopasen a maneira de frear en case que ningún momento do choque as ofensivas rivais, poñendo en bandexa a vitoria por 3-0 para o equipo filial da Superliga 2 coruñés. Polo JEALSA xogaron: Carla O., Mariana D., Rebeca G., Ana B., Alejandra G., Andrea B. e Paula R. (líbero). Como suplentes estaban Sheila P., María T., Katy S.

VOLEIBOL DUMBRÍA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 15-25, 25-27)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Fran e Óscar bloquean a un dos receptores dumbrienses
Terceira vitoria nesta LGXM para os rapaces de Adrián Alves que, a falta de xogar contra os equipos máis fortes da categoría, ocupan a 1ª praza. O encontro comezaba con claro dominio branquiazul. Xian Pérez e Fran Dieste eran os baluartes sobre os que se apoiaban os nosos para romper a defensa local que, ademais, pagaba moi caros os erros no seu servicio. O segundo set seguíu polos mesmos derroteiros. Agora era o Lois Vázquez o que se sumaba á misión ofensiva do JEALSA para poñerse 0-2 no que parecía ser un encontro plácido para os nosos. Non foi así, os locais melloraron durante o terceiro parcial e fixeron suar ós nosos para conseguir o triunfo. A manga, que a posteriori sería a derradeira, tan só podería resolverse nos intres finais da mesma onde de novo o ataque boirense superaba á defensa rival e poñía a salvo os dous puntos. Polo JEALSA: Ismael M., Fran D., Xian P., Adrián G., Óscar R. e Lois V. Como reservas estaban Daniel V., Pablo R., Dani G e Félix R.

ZALAETA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-10, 25-20, 25-18)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

Esperanzadora intrusión de Lea G. no equipo xuvenil
Clara derrota do equipo xuvenil feminino na súa visita á cancha dun dos galos desta LGXF. O servicio local foi o faro que guiou ás coruñesas hacia a vitoria.  O primeiro parcial, de clara cor herculina, serviu para mostrar a peor cara das nosas que se viron superadas con claridade polos servicios do Zalaeta. De aquí en adiante a cousa mellorou e a receptora Ana Bugallo encargouse de pagar coa mesma moeda. A base de potentes saques melloraba exponencialmente o posicionamento defensivo das nosas que, ata ben avanzado os sets, plantaban batalla no tanteador. Nos puntos decisivos a entrada da colocadora e oposta titular do equipo local distanciaba ás boirenses da vitoria parcial, quedando deste xeito destinadas a caer pola vía rápida. Como nota positiva queda a excelente actuación da colocadora cadete Lea Gatbache no seu debut como titular co equipo xuvenil. Polo JEALSA xogaron: Lea G., Katy S., Ana B., Sara C., Antía S., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Como reservas Sara B. e Isa G. agardaban a súa oportunidade.

VOLEIBOL DUMBRÍA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-12, 25-9)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Pablo ataca un zaguero ante a atenta mirada do equipo
Derrota en tres sets do equipo cadete masculino na cancha do claro favorito para dominar esta LGCM. A diferencia de físico existente entre ámbolos dous equipos quedou patente xa dende o arranque do choque onde o JEALSA facía malabares para poder deter ós atacantes de Dumbría. Tan só durante o primeiro parcial puideron os de Adrián Alves seguir o ritmo dos locais, que non pasaron apuros para poñerse por diante no luminoso froito dun potente saque e dun efectivo ataque. A partires de aquí o camiño aplanouse para os amigos do Voleibol Dumbría. A inexperiencia dos nosos  nesta categoría tan esixente facíalles cometer erros nos que non adoitan caer. Non cabe dúbida de este que non vai ser un ano fácil nesta categoría, pero os froitos recolleranse no futuro xa que este equipo seguirá xogando nesta liga dentro de dúas tempadas. Ánimo rapaces, a seguir traballando. Polo JEALSA xogaron: Rubén Martínez, Darío Outeiral, Daniel Olveira, Pablo Nieto, Christopher Rodríguez e Gabriel Seijas. Como reservas estaban Antón Vidal, Álex Velo e Pablo Dieste.

CLUB VIGO VOLEIBOL 2-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-21, 22-25, 19-25, 25-18, 8-15)-(Liga Galega Cadete Feminina)

Ana Bugallo e Paula Vázquez destacadas en Vigo
A primeira vitoria para as cadetes fíxose agardar pero chegou ó fin. Tras 5 igualados sets e moita pelexa as de Emilio Palacio conseguían volver a terras barbanzás con dous puntos que lle permiten escalar ata a 7ª praza da LGCF. Foi un encontro de dominios alternos froito dun saque que era efectivo a rachas para unhas ou para outras e que dependendo do tramo do encontro no que se estivera significaba triunfo dun ou doutro conxunto. Ana Bugallo e Paula Vázquez, destacadas en facetas ofensivas foron as pezas do puzzle boirense que mellor entenderon o guión do partido. A regularidade en ataque, exceptuando tramos do 4º set no que a intensidade baixou considerablemente, foi a chave para poder desarbolar a un Club Vigo Voleibol que vía como o JEALSA se levaba da súa cancha un tie-break que vale ouro. Polo JEALSA xogaron: Paula V., Lea G., Sara, Laura P., Lía V. e Irea T. (líbero). Como reserva, agardando unha oportunidade estaba a infantil Marta S.

MANUELA RIAL MOUZO 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 25-16, 26-24)-(Liga Galega Infantil Feminina)

Paula destacou en facetas de colocación e ataque
Derrota en tres sets do infantil feminino ante un equipo que, ata o momento, estaba igualado coas nosas na táboa clasificatoria da LGIF. O servicio, como é habitual en encontros entre equipos destas idades, foi determinante á hora de decidir que equipo levaría o peso do choque. As de Dumbría estiveron moito máis atinadas dende os 9 metros, conseguindo deste xeito puntos que non acadaban a través de outras fórmulas. O nerviosismo e precipitación das nosas levábanas a cometer erros tras envíos de balóns fáciles do equipo rival, que tras unha sucesión de imprecisións case sempre remataban en punto gratis para o Manuela Rial Mouzo. A vindeira semana chega o derbi no que visitaremos o Polideportivo Alonso Rodríguez para medirnos ó Fisioterapia Cinesia A-Solucións Noia. Polo JEALSA xogaron: Ada V., Paula V., Lía V., Laura O., Marta S. e Sara T. Irea T., Verónica P., Laura L., Marta C. e Luciana V.

4 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Chegou a primeira... Pero como cita o proverbio toda vitoria se converte en derrota si non é o comezo dunha nova loita. A preparar duramente o partido desta fin de semana, que ademais é diante do noso público.

Vou a propoñer para o 7 ideal desta semana a Cristóbal, tremendo recital contra o Barça amigo.

P.D.: non esquezades as vosas suxerencias. Aínda quedan posicións por cubrir! ;)


¡FORZA BOIRO VOLEIBOL!

Andrés "Araña" dixo...

Grande esa victoria contra el FC.Barcelona y la de los juves en Dumbría. A seguir trabajando los demás. Pena las infantiles que se van viendo cositas. Pronto saldrán no lo dudéis. Yo propongo a Fran y Lois, a Gabriel y a Irea.

Jesus_pivot dixo...

Grande equipo. Eu só podo falar dos partidos desta fin de semana que se xogaron en Barcelona, son os únicos que vin e vivin, propoño a Ivan, Mario, Chicho, ademais do diablo claro esta.

Unknown dixo...

Gran victoria chavales!! xa lle collemos o ritmo a esto, ahora a mellorar e a seguir de aquí para arriba...Eu propoño coma todos a Cristobal, gran partido pirata!!!!