luns, 19 de novembro de 2012

RESULTADOS DA XORNADA, O NÁUTICO VOLTA COS TRES PUNTOS DE MADRID:

VOLEYOURENSE 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-4, 25-13)-(Liga galega infantil feminina)

A recepción boirense non foi a de outros días
Derrota do equipo infantil feminino no seu desprazamento á cidade das burgas para medirse ó Voleyourense na mañá do sábado. O encontro comezaba moi igualado onde ambos equipos tentaban facerse co dominio do mesmo baseando o seu xogo no servicio. As táboas permanecían ata o punto 16 onde as ourensás apretaban os dentes e aproveitaban os erros das nosas en recepción para pechar o parcial ó seu favor cun axustado 25-22. No segundo as boirenses baixaban os brazos. A construcción non existía e nas contadas ocasións que se conseguía o esférico retornaba a campo barbanzano en forma de punto sen que as locais tivesen que arriscar o máis mínimo. No terceiro o servicio do Voleyourense seguía incomodando tremendamente a recepción do Navales Chicolino que botaba de menos os puntos da súa xogadora máis veterana que causaba baixa para este encontro, Emma Ordóñez. Polo Navales Chicolino Boiro Voleibol xogaron: Lea, Irea, Marta, Lía, Laura Olveira e Miriam. Tamén xogaron Laura Piñeiro, Ada, Paula, Vera e Luciana.

VOLEYOURENSE 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-9, 25-19, 25-4)-(Liga galega cadete feminina)

Non todo foron malas novas en Ourense, Ana volveu ás canchas
Partido moi complicado o que se lles presentaba ás de Emilio Palacio nesta visita ás líderes da liga galega cadete na mañá do sábado. As ourensás non sufriron para levar o peso do xogo en case que todo o encontro. Tan só nun treito do segundo parcial o Ingeniería Trazos parecía reaccionar froito da presión que exercía dende os 9 metros o servicio de Ana Bugallo, que volvía ás canchas tralo seu esguince de nocello. A construcción foi a asignatura pendente das boirenses na súa visita ó Paco Paz, convertindo en pesadelo o potente saque das locais e impedindo que a ansiada reacción chegara antes do punto local número 25 no terceiro xogo. Semana de duro traballo se presenta para as cadetes que o vindeiro sábado recibirán a un sempre batallador en categorías inferiores, o Xuvenil Teis de Vigo. Moito ánimo e a traballar. Polo Ingeniería Trazos xogaban: Ana, Emma, Lea, Claudia, Antía, Sara e Irea (líbero). Tamén xogaban Zoila, Lía, Paula e Marta

VOLEYOURENSE 3-0 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(25-11, 25-20, 25-17)-(Liga galega xuvenil feminina)

As xuvenís caen no Paco Paz nun encontro apático pola súa parte
Derrota en tres sets do xuvenil feminino no madrugón do pasado sábado. As sensacións no arranque do choque vislumbraban un duro encontro para as de Emilio Palacio e Narciso Abalo que en ningún momento do primeiro parcial conseguían explotar o seu potencial. A apatía convertíase en continuos erros non forzados deixando en bandexa o triunfo parcial para as de Ourense. No segundo set O Secreto mellorou. A reaparición da receptora Ana Bugallo e o carácter en ataque de Emma Ordóñez aupaba ás boirenses para meterse na pelexa. Como se da chispa dun fósforo se tratase o efecto apenas durou uns intres, tempo insuficiente para que as dúbidas se instaurasen nas do Paco Paz. As malas sensacións persisitían no 3º e as boirenses nada podían facer para evitar a derrota pola vía rápida. Por O Secreto xogaban: Sara, Andrea Davila, Isa, Emma, Katy, Alejandra e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Sheila Pouso, Claudia, Antía e Ana.

COLLADO VILLALBA 0-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 18-25, 23-25)-(1ª División nacional masculina)

O Náutico recupera sensacións en terras madrileñas
O Náutico viaxaba a Madrid coa intención de recuperar as boas sensacións no seu xogo tralo tropezo da semana pasada en Valladolid. A empresa non se presentaba nada sinxela. Ó outro lado da rede había un equipo motivadísimo por enfrontarse ó actual campión da categoría. Os villalbinos contaban cun forte poderío físico que tiña no ataque a súa mellor baza e que facía presaxiar unha dura estancia dos nosos no Enrique Blas. Os primeiros compases do choque eran de tanteo mutuo. Os de Emilio Palacio afinaban o servicio e os locais tentaban de impoñer o seu xogo baseándose na contundencia dos seus ataques de banda. Con esta canción se chegaba ó 7-7. Foi aquí onde o Náutico atopou a senda para lograr a vitoria. O servicio branquiazul comezou a danar a recepción madrileña e o traballo en bloqueo-defensa permitía abrir unha ferida que se traducía en cómodas rendas no luminoso. Especial mención tamén merece a construcción dos nosos no día de onte. De sobresaínte se podería calificar a recepción boirense que permitía ó colocador Iván Souto combinar con claridade o seu xogo de ataque e desordear completamente o entramado defensivo de Collado Villalba. O segundo e terceiros parciais foron un calco. Acerto en K2 do Náutico gracias a un extraordinario servicio e puntualidade británica no cambio apoiándose sempre nunha moi boa recepción. Tan só nos últimos puntos do terceiro parcial os locais se achegaban no luminoso aproveitando un baixón na intensidade dos nosos, pero a reacción foi insuficiente e Cristóbal Álvarez pechaba o encontro cun ataque por sorpresa desde zona 6. Polo Náutico xogaba: Iván Souto, Narciso Abalo, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez, Mario Iglesias, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Rubén Taibo, Jesús Vázquez, Antón Pérez, Gustavo Romero e Miguel Vázquez.

5 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Rapazas, agora máis que nunca hai que arrimar o hombro e traballar, traballar e traballar. Todos sabemos do potencial que tendes. A dalo todo nos adestramentos e os froitos non tardarán en chegar. Dicilo é fácil, facelo non tanto así que a currar, é o único camiño.

Noraboa ós meus compañeiros polo partido do domingo en Madrid. Aínda nos queda moito por mellorar e defectos que pulir así que ó toro.

P.D: coidado con Stravinsky! ;-)

¡¡¡FORZA BOIRO VB!!!

Anónimo dixo...

PFFFF!!!

Jesus_pivot dixo...

Gran partido equipo, realmente bueno, jugasteis realmente bien, no dejasteis opción a que reaccionase Collado Villaba.Chapó.

Narciso dixo...

Foi porque lle subimos a rede. Pensaban que eran os Xogos Galaico-durienses XDDDDD

Gus dixo...

Esta semana toca ximnasio!!!
1º Para que non nos pase coma o gato ninja!!!! jajaja
2º o viernes... jeje


Arriba chicas! A traballar!
Paciencia, xa chegarán as vitorias... SEGURO!!!