xoves, 29 de setembro de 2011

CONVOCATORIA DA ASAMBLEA XERAL DE ABONADOS:


Pola presente convócaseche á Asemblea xeral ordinaria que terá lugar o vindeiro venres30 de Setembro, a partires das 20:00 horas ,en primeira convocatoriae ás 20:30 horas en segunda no local que nos cede o Concello de Boiro na Cachadacoa seguinte orde do dia :

                   1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
                   2.- Memoria económica e deportiva da tempada  10/11.
                   3.- Planificación tempada 11/12.
                   4.- Renovación da Secretaría.
                   5.-Rogos e preguntas.



NOTA!: recordade que tódolos adestramentos do venres están cancelados para facilitar deste xeito a afluencia de todo o mundo a dito compromiso. Agardamos a túa asistencia!

mércores, 28 de setembro de 2011

AMIGABLES PARA ESTE SÁBADO:

O vindeiro sábado 1 de outubro os equipos xuvenil masculino e filial masculino terán a volta dos partidos amigables que disputaron a pasada fin de semana en Noia. Os encontros comezarán as 17:00h tendo como protagonistas a ámbolos dous equipos xuvenís. A continuación será o turno dos maiores a partires das 18:30 aproximadamente.


Estreamos a temporada como locais

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - CV NOIA
(Xuvenil masculino) - (PM de Barraña,17:00h)

REDESYL BOIRO VOLEIBOL - CV NOIA
(2ª Div. Masculina) - (PM de Barraña, 18:30)

domingo, 25 de setembro de 2011

Doblete de vitorias na visita a Noia:

No día de onte os nosos equipos xuvenil e filial masculino viaxaban á vila noiesa para medirse en sendos amigables de preparación para as competicións autonómicas que comezan o vindeiro 8 de outubro.

CV NOIA 0-3 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 13-25, 22-25)-(Xuvenil masculino)
Trillizos Boiro VB 2011-2012
Cómoda vitoria dos xuvenís do Boiro Voleibol na súa estrea nesta nova andaina que os levarán unha vez máis á liga galega. Acertados en recepción, moi ordeados en defensa e cun efeciente ataque da man, sobre todo, do central Martín Herrera e do receptor Dani Sieira conseguiron anotarse con comodidade os dous primeiros parciais. No derradeiro terceiro set ámbolos equipos cometeron erros non forzados propios da pretemporada e levaron o tanteador a un axustado 22-25 que finalmente caeu de saco visitante polo acerto na dirección dos colocadores boirenses. Queda moito traballo aínda por facer, e nas vindeiras datas agardamos minimizar erros para chegar na mellor forma posible ó día do debut en Lugo ante o EMEVE. Polo Trillizos xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Abel Sánchez, Dani Sieira, Martín Herrera, Alfonso Rey e Arsenio Santos (Líbero). Tamén xogaron Ismael Martínez, Xián Pérez, Miguel Lorenzo, Adrián Outeiral e Lois Vázquez.

CV NOIA 2-3 BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 25-16, 9-25, 25-19, 16-18)-(Senior masculino)
Xavier Sarille ataca
Axustada vitoria do equipo filial masculino que dirixe Felipe García ante un rival da súa mesma categoría. Con moitos aspectos do xogo aínda por pulir presentábase en Noia o cadro filial do Boiro Voleibol mostrando nos inicios do encontro un forte K1. Aproveitando para efectuar múltiples sustitucións e variantes no xogo o equipo viviu diferentes situacións complicadas que deberá afrontar en vindeiros encontros. Boa pedra de toque para valorar o nivel de conxunto e ver en acción ás novas pezas como son Dani García, Pablo Suárez, Felipe Resúa ou Andrés Martínez. Polo Boiro Voleibol xogaron: Andrés García, Roberto Rodríguez "Tito", Alén García, Xavier Sarille, Martín Herrera, Pablo Suárez e Adrián Armental (Líbero). Como reservas actuaron Felipe Resúa, Dani García, Diego Romero, Diego Alcalde e Juan "Mande".

xoves, 22 de setembro de 2011

APRÁZASE O A ESTREA DO NÁUTICO BOIRO VB:

A estrea en competición oficial do primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol que estaba prevista para esta sábado 24 de setembro debe esperar. O partido que enfrentaba ós pupilos de Emilio Palacio contra o FC Bertamiráns correspondente á 2ª fase da Copa Xunta de Galicia demorarase a unha data aínda por confirmar. Mentres, os boirenses continúan coa preparación para a defensa do título obtido na 1ª División nacional, que comezarán o vindeiro 29 de outubro en León ante o AULE.


mércores, 21 de setembro de 2011

PRIMEIROS PARTIDOS DE PREPARACIÓN:

O vindeiro sábado 24 os nosos equipos xuvenil masculino que disputrará a vindeira edición da liga galega e filial masculino que milita na 2ª división autonómica terán sendos encontros de preparación para poñerse a punto para as súas respectivas competicións ligueiras que dan o pistoletazo de saída o día 8 de outubro. O rival de ámbolos dous será o CV Noia e os horarios serán os seguintes:

CV NOIA-BOIRO VOLEIBOL
(Xuvenil masculino)(16:00h, Polideportivo Alonso Rodríguez)

CV NOIA-BOIRO VOLEIBOL
(2ª Div. Masculino)(17:30h, Polideportivo Alonso Rodríguez)

domingo, 18 de setembro de 2011

CALENDARIOS DAS COMPETICIÓNS AUTONÓMICAS:

No día de onte a FGVB fixo públicos os calendarios de competición das seguintes competicións autonómicas:


venres, 16 de setembro de 2011

NOVO TÉCNICO PARA O EQUIPO FILIAL:

Felipe García
O equipo filial masculino estrea preparador para esta nova temporada 2011-2012. Trátase do pobrense Felipe García que chega á dirección técnica do Boiro Voleibol con moita ilusión e coa esperanza de dar unha base sólida ó equipo. Cabe destacar que Felipe portou a elástica branca e azul do primeiro equipo durante varias temporadas demostrando en todas elas un traballo e un compromiso cos seus compañeiros excepcional. O ex-central terá o gusto de dirixir a un conxunto de xogadores moi novo e con moita progresión no que se poderán ver algunhas caras novas como as do colocador santiagués Dani García ou a do central noiés Pablo Suárez. Esta xuventude terá o respaldo axeitado a través de xogadores consagrados e contrastados tal e como o colocador boirense Andrés Martínez ou o oposto da Pobra do Caramiñal Ignacio Cibeira "Frigu" que pasarán a ocupar praza no equipo filial tras moitos anos de servicio ó primeiro equipo. Moita sorte para todos nesta nova andaina.

martes, 30 de agosto de 2011

Acordo de patrocinio co CN BOIRO:

Xa está aquí o novo patrocinador do primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol, recente campión da 1ª división do voleibol nacional. Trátase do Club Náutico de Boiro que coincidindo coa súa apertura e presentación ó público participa co noso ambicioso proxecto de seguir medrando como equipo e, por suposto, como entidade. Con este acordo, a xunta directiva do noso club mostrase enormemente agradecida e satisfeita xa que supón un apoio serio e comprometido que esperamos prolongar máis alá desta temporada 2011-2012. Desta maneira o nome do equipo será Náutico Boiro Voleibol e a publicidade aparecerá no noso sitio web así como nas prendas de xogo e nas pancartas a pé de pista cando os nosos equipos actúen como locais. Moitas gracias por colaborar co voleibol boirense.

luns, 29 de agosto de 2011

FIN DAS ED 2011 DE VOLEI PRAIA

Na mañá de hoxe tivo lugar a última sesión no areal de Barraña das escolas deportivas de volei praia xestionadas polo Boiro Voleibol. Deste xeito báixase o telón a un exitoso verán en canto a afluencia de novas promesas do voleibol da nosa vila. Agardamos con impaciencia o comezo dunha nova edición con maior repercusión, si cabe. Moitas gracias a tódolos participantes por facer que a familia siga medrando, ata o ano que vén.

¡Ata o ano que vén!

martes, 23 de agosto de 2011

Xente do Boiro Voleibol, A. Armental "Naranxo":

Adrián Armental: “O Redesyl somos moito de emocións, estando ben, podemos gañar a calquera equipo da Liga”

Adrián Armental
Adrián Armental -O Naranxo-, xogador do Redesyl, aínda non sabía do “asunto” este das entrevistas, e a miña chamada colleuno por sorpresa. “O que, entrevista?”. Pero finalmente accedeu e apareceu disposto a falar. O seu paso polo volei divídese en dúas etapas, na primeira chegou a debutar co equipo de Primeira, e trás un parón, volveu o ano pasado como titular do equipo filial. Valora a seriedade do traballo actual do Club, e a caña para exprimir ben as potencialidades de todo o mundo: “Seriedade e dar caña. Está demostrado, os mellores adestradores dan unha caña impresionante. Son tipos serios, e aparte, están a cañón.” E todo isto, á par do bo ambiente e colegueo que invade o voleibol boirense. De feito, non só fala dos compañeiros cos que comparte pista, tamén fixo especial fincapé en ter presentes a todos os caídos por lesións, que aínda que non xoguen, fan parte da familia: “Falo, por exemplo, de Iago Lóstrego e de Felipe Pobra, hainos que ter ben en conta, dous fenómenos”.

-(Charo) O teu paso polo volei divídese en dúas etapas.
-(Adrián) Sí, a primeira empezaría con 17 anos ou así.

-Como empezaches?
-Pola praia.

-Que raro...
-(risas) Si, case todo dios empeza pola praia porque hai colegueo. En pista hai máis rivalidade: por exemplo, eu hoxe xogo contra calquera chaval de Ourense, e cando está enfrente, o teu equipo vai contra o del. E vas alá, xogas e veste; non hai máis trato. Pero na praia non; valo ver, vas charlar, tomar algo...

-Porque deixaches a primeira vez?
-Acumulouseme un pouco todo, estou traballando, na banda, na charanga... E de feito non era para volver, pero o proxecto nestes últimos anos está a ser moi bo, antes non había a seriedade que hai hoxe en día. Lévase un par de anos con un traballo moi bo. E iso tamén me atraiu para volver. Iso  motiva para facer as cousas ben e que veña máis xente.

-Hai orgullo Redesyl ou aspirades a xogar no Hipescar?
-Sempre se aspira a máis. Sempre. Pero para aspirar hai que gañar primeiro con isto. Despois xa se verá; os mellores irán para arriba e os demais quedarán en baixo, traballando.

-Que pasou este ano, que todo o mundo apostaba por vós, e ao final non se chegou aos resultados esperados?
-Faltábanos cohesión como conxunto. Individualmente penso que somos bastante bos dentro do nivel de segunda. No que fallamos foi en compactar o grupo. Tamén somos moito de emocións, cando estamos ben, estamos moi ben e podemos gañar a calquera equipo da liga, pero aos cinco minutos estamos fatal, e xa nada.

-E que tal vos levades entre vós? Non é problema de que haxa piques?
-Non, non, ese non é o problema. Nós levámonos moi ben. Eu lévome particularmente ben, por exemplo con Diego Romero, xogando e fóra do volei. E con Diego Alcalde, tamén. Levámonos moi ben todos.

-E cos equipos contrarios?
-Aí si que se intenta picar para baixar a moral ao contrario. Eu polo menos. Cando lle fas unha acción boa, sempre te lle encaras un pouco, en plan, “toma, aí che vai”. O que máis e o que menos intenta facer ruído cada vez que hai algo bo.

-Tes algún xogador referencial?
-Chicho é un xefe. Daslle unha pelota na man e é unha pasada. Ademais agora está con chavalitos pequenos na praia e é moi bo. Trae todo moi ben preparado e máis fala ben. Eu espero que acabe adestrando algún equipo.
Iago tamén é un crack, agora está lesionado, pero hai que telo presente.A primeira vez que me levou a adestrar ese tipo botei na cama tronzado dous días. É un fenómeno, e tense desvivivo por isto.

“A primeira vez que Iago me levou adestrar, botei na cama tronzado dous días”

-Tes feito máis deportes, a parte do volei?
-Si, estiven uns meses en boxeo. É totalmente distinto, pero si que é importante, en ambos os dous, ter os brazos longos. Tamén en que son dous deportes que os ves e non che atraen moito, pero xógalos e é unha pasada.

-Notaches diferenza entre un deporte individual ou en equipo, a forza do grupo?
-Si, pero realmente iso foi o que faltou no equipo, e o que habería que mellorar. Cando un estaba ben estabamos todos, pero cando estabamos mal tamén estabamos todos, e hai que intentar ir cara a meta de estar sempre ben no campo, tirar uns polos outros. A verdade é que é complicado, xa se traballou, e inténtase mellorar, pero non se sabe ben como.

-Daquela, como ides enfrentar a temporada que vén?
-O mellor que se poida desde logo. Oxalá saia ben, oxalá. A ver, por agora aínda tampouco está moi claro o equipo que vai ser, hai que escoller o equipo, ver quen queda, quen non...

-Que é o que máis valoras do club?
-O club ten algo especial, o trato, o bo rollo. Mira, Emilio, que xogou en equipos grandes, cando chegou aquí xa dixo que isto era especial, hai algo na xente que che obriga a quedar aquí e pasalo ben. Xa poderás gañar ou perder, pero bótanse moitas risas, pásase moi ben. Inténtase gañar, pero disfrútase sempre.

 “Xa poderás gañar ou perder, pero bótanse moitas risas”

-E do seguemento da afección, que opinas?
-En Primeira é moi bo, axudou moito xogar aquí todos os partidos na casa, porque antes xogábase en Ribeira, e iso estaba máis apartado, aparte ás aforas de Ribeira. Os equipos xa están sempre na grada. Agora, deberíase atraer xente que non sexa de volei, e neste sentido este ano foi o récord, houbo bantante apoio.

-Será por non ser un deporte maioritario?
-Aquí non, pero o volei é o deporte que máis fichas ten no mundo. Por exemplo, en Sudamérica hai moitísimos equipos. En Polonia é o deporte estrela. En Italia: fútbol, motos, coches e tamén o volei; os estadios énchense. Aquí non nos damos conta tanto porque estamos con fútbol, fútbol, fútbol. E os cartos van todos para o futbol.

-Segues as ligas superiores?
-Eu non moito, de vez en cando miras un partido de superliga, algún video... Pero non é como no futbol, non hai esa febre de mirar tres partidos seguidos. Deberíase seguir máis. E que con iso tamén hai unha mentalidade bastante chunga, a xente pensa que é aburrido. Pero unha vez que o probas, sabes o que é.  A min gústame o deporte, vexo bolei, vexo baloncesto, tenis... De feito hoxe en día penso que o canal que máis miro é teledeporte.
Charo López

luns, 22 de agosto de 2011

VITORIA BOIRENSE EN CABÍO NO CBVP 2011:

As boirenses María Triñanes e Rebeca González acadaron o 1º posto na última proba desta XI edición do CBVP celebrada na vila de Pobra do Caramiñal. Ante multitude de afeccionados conseguiron este meritorio triunfo tendo por rivais á parella favorita do Volei praia Vigo Luci Paz e Kinga Maculewicz. Parabéns para as nosas rapazas.

As rapazas "Supersandwich" en acción