domingo, 30 de decembro de 2012

TRIUNFO BOIRENSE NO 3 X 3 SÉNIOR ORGANIZADO POLO C.V. NOIA:

"Razo Top Secas" campión do 3x3 en Noia
Como cada ano por estas datas os veciños do C.V. Noia organizan un torneo de 3x3 no que participan afeccionados a este deporte de diversas idades. Ismael Martínez, Daniel Agra, Andrés Martínez, Miguel Vázquez, Diego Romero, Emma Ordóñez, Ana Bugallo, Lois Vázquez, Fran Dieste, Rubén Martínez ou Iván Souto foron algúns dos representantes dos nosos no evento. Entre os boirenses desprazados ó polideportivo Alonso Rodríguez cabe destacar a actuación do equipo "Razo Top Secas" formado por Jesús Vázquez e Adrián Armental que compartindo conxunto cun vello coñecido do noso club, o lousamiano Germán Romero, conseguiron alzarse co triunfo final seguindo, deste xeito, coa tradición de triunfos boirenses nesta cita (Emilio Palacio, Daniel Eiras, Narciso Abalo, Adrián Alves, Victor Regos, etc).

domingo, 23 de decembro de 2012

DERROTAS DAS INFANTÍS E CADETES E VITORIA DAS XUVENÍS:

LICEO A 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(25-4, 25-9, 25-3)-(Liga galega infantil feminina)

Derrota das infantís en terras herculinas
Derrota en tres sets e menos dunha hora de xogo das rapazas que dirixe Emilio Palacio en terras coruñesas. Pereceron as boirenses ante a potencia do servicio herculino que, rotación tras rotación, desmantelaba a recepción do Navales Chicolino para conseguir amplas rendas no luminoso e deixar os tanteadores moi desequilibrados. Esta situación fixo estragos na moral das nosas, que vían como a as locais puntuaban sen oposición e se achegaban á vitoria final. O servicio boirense non foi tampouco o doutras citas. A inseguridade das nosas cativas dende os 9 metros permitía unha cómoda construcción das liceístas para atopar puntos fáciles. Con esta derrota as infantís ocupan o 11º posto na táboa clasificatoria, igualadas coa Escola Municipal Ourense-Dompa. Polo Navales Chicolino xogaron: Emma, Lea, Marta, Lía, Paula e Irea. Tamén xogaron Ada, Luciana, Laura Olveira e Laura Piñeiro.

LICEO 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 25-9, 25-17)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes tampouco conseguen conquistar A Coruña
A segunda mala nova na mañá do sábado chegaba da man do equipo cadete feminino que, ó igual que as infantís, caían pola vía rápida no colexio Liceo La Paz. Comezaba o encontro con igualdade e intercambio de golpes entre ámbolos dous conxuntos. Este equilibrio romperíase máis alá da metade do parcial onde, con empate a 16 no tanteador, o servicio local marcou as diferencias e deixou o primeiro xogo en peto coruñés. No segundo as dúbidas do desenlace do primeiro set persistían entre as nosas. Este factor, sumado á excelente capacidade en servicio das locais ocasionaban o abultado da derrota parcia. No terceiro o xogo branquiazul mellorou pero a positiva inercia das herculinas foi suficiente para pechar o encontro e deixar os dous puntos da vitoria na Coruña. As cadetes pechan a clasificación da liga galega igualadas co Voleibol Dumbría (13 puntos). Polo Ingeniería Trazos xogaron: Emma, Ana, Lea, Claudia, Sara, Antía e Ángela (líbero). Agardando unha oportunidade estaban as infantís Paula, Irea e Lía.

IES DE AMES 0-3 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 23-25, 18-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

Ana volve a ser importante coas xuvenís trala súa lesión
Chegaba, na tarde do sábado, a ansiada vitoria do equipo xuvenil feminino logo dunhas semanas onde os resultados non estaban a acompañar ás de Emilio Palacio e Narciso Abalo. As nosas mostráronse serias ó resolver os sets nos momentos quentes dos mesmos e demostrando que paseniño van recuperando o nivel do inicio de campaña. A aportación de Emma Ordóñez, Melissa Novoa e Ana Bugallo en ataque foi vital para que os dous puntos viaxaran cara terras barbanzanas. Especial mención merece a pequena das Bugallo que, trala súa lesión de nocello, semella estar recuperando as sensacións previas a este percance. Con este triunfo O Secreto rompe a igualdade que tiña na táboa clasificatoria co conxunto amiense, situándose cunha vitoria máis que as de Quico Bouza. Por O Secreto xogaron: Sara Bugallo, Emma, Ana, Melissa, Antía, Alejandra e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Sheila Pouso, Isa e Andrea Davila.

xoves, 20 de decembro de 2012

ESTE SÁBADO 3 ENCONTROS NA XORNADA PREVIA ÁS VACACIÓNS DO NADAL:

LICEO - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(10:00h, Colexio Liceo la Paz)-(Liga galega cadete feminina)

LICEO A - NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(11:20h, Colexio Liceo la Paz)-(Liga galega infantil feminina)

IES DE AMES - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(18:00h, PM Bertamiráns)-(Liga galega xuvenil feminina)

martes, 18 de decembro de 2012

PABLO BUGALLO NO SEPTETO IDEAL DA 10ª XORNADA DA SUPERLIGA:

O boirense Pablo Bugallo entre os mellores da SVM
O boirense Pablo Bugallo, central no CMA Soria e internacional coa selección española júnior, foi elixido no septeto ideal da máxima competición de clubes a nivel nacional nesta 10ª xornada. Os sorianos doblegaban ó CV Andorra en tres sets (12-25, 14-25, 20-25) para seguir no 3º posto da SVM e manter a pelexa polo título cos todopoderosos Unicaja Almería e CAI Voleibol Teruel. O equipo do Principado vía como o central de 1.96m saído da canteira do Boiro Voleibol conseguía materializar 8 puntos, 4 deles de ataque e outros 4 de punto directo de bloqueo, estatística que o convirte no mellor bloqueador da xornada. En nome de toda a familia do noso club queremos felicitar a Pablo polo seu saber facer, desexándolle un futuro repleto de éxitos co seu clube e, por que non, coa selección española absoluta. ¡Parabéns!

domingo, 16 de decembro de 2012

VITORIA DO NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL E LIDERATO NO REGRESO Á CACHADA:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 SALUS VOLEIBOL OVIEDO
(25-12, 26-24, 24-26, 25-20)-(1ªDivisión nacional masculina)

O Náutico suma 3 puntos e álzase ó liderato da 1ª Nacional
Vitoria do primeiro equipo masculino no seu regreso á Cachada ante un novísimo conxunto como é o que presentaron os asturianos do Salus Voleibol Oviedo. O encontro estivo marcado polas imprecisións dos xogadores locais, que non conseguían achegarse á intensidade que acostuman. Comezaba o choque igualado. A apatía do Náutico propiciaba que os visitantes medraran na súa confianza e, aferrándose á inspiración dun dos seus receptores, puxeran puntualmente en apretos ós nosos. Chegado o ecuador do xogo os de Emilio Palacio apretaron o acelerador para conseguir unha renda que sería definitiva. Lonxe de baixar os brazos, os ovetenses persistiron con fé no seu plan de xogo e aproveitando os múltiples erros non forzados do Náutico chegaron con posibilidades de triunfo ata o final do parcial onde a contundencia do ataque local foi demasiado para o Salus. O terceiro foi un calco do anterior pero cun desenlace distinto. O Náutico seguía sen atopar fluidez no seu xogo, situación que non desaproveitaron os visitantes para chegar a final de set con opcións e anotarse o tanto tras dous erros no ataque branquiazul. No cuarto set os nosos saíron cos 3 puntos en mente mais o xogo non mellorou demasiado. Coa intención de non deixar escapar ningún punto da Cachada saltaron os de Emilio Palacio ó terreo de xogo e, cunha maior solidez que en momentos anteriores, pecharon un encontro no que o preparador local repartiu minutos entre tódolos seus xogadores. Cabe destacar as actuacións de Antón Pérez e Xavier Sarille, habituais nas aliñacións do equipo filial e destacados no encontro do primeiro equipo co que saíron de inicio. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Emilio Palacio, Xavier Sarille, Cristóbal Álvarez, Antón Pérez, Mario Iglesias e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Rubén Taibo, Miguel Vázquez, Manuel Pérez, Jesús Vázquez e Gustavo Romero.

NARÓN VOLEA 3-2 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(19-25, 24-26, 25-13, 25-15, 15-10)-(2ª División autonómica masculina)

O Redesyl cae pola mínima con 4 xuvenís titulares
Axustadísima derrota do equipo filial nunha xornada na que contaban coas baixas de Xavier S. e Antón P. por convocatoria co primeiro equipo e de Alén G. por lesión. O encontro arrancaba cos locais marchando 3-4 puntos en cabeza. Tan só no final de set puideron os nosos remontar e tomar a iniciativa no tanteador xeral do encontro. No segundo set o Redesyl desaparecía. Un parcial inicial de 12-1 poñía prácticamente imposible a reacción branquiazul pero o tino dende a liña de saque do xuvenil Fran Dieste achegaba ó seus no luminoso e facía posible a remontada boirense. Cun favorable 2-0 a actuación dos nosos empeorou. Moitas imprecisións en varias facetas do xogo permitían a reacción local e o empate. No tie-break a defensa naronense marcou a diferencia e deixou a vitoria en Ferrolterra. Polo Redesyl xogaron: Ismael Martínez, Diego Romero, Xian Pérez, Adrián Armental, Fran Dieste, Miguel Lorenzo e Adrián Gatbache (líbero). Tamén xogaron Andrés Martínez e Juan Outeiral.


CALASANCIAS CORUÑA 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(25-12, 25-13, 25-12)-(Liga galega infantil feminina)

As dificultades na construcción do xogo condean ás nosas
Como é norma xeral nos encontros con rapazas e rapaces destas idades o servicio representa a mellor arma para tentar superar ó rival e facilitar as outras vertentes do xogo. Pois ben, este encontro non foi unha excepción. A maior efectividade do servicio coruñes facía que as boirenses non tiveran opción de vitoria en ningún treito do choque. No momento que as nosas xogadoras podían facer fronte ó servicio do Calasancias era a mala toma de decisións en colocación e ataque a que causaba as dificultades no xogo do Navales Chicolino. A construcción era dificultosa e tan só podían as nosas enviar en forma de free-ball as pelotas a campo herculino. As locais non dubidaron en aproveitaron á perfección os agasallos das nosas. Con este tropezo as infantís ocupan o 11º posto na liga galega, igualadas coa escola municipal de Ourense-Dompa. Polo Navales Chicolino xogaron: Irea, Miriam, Paula, Marta, Lea e Lía. Como reservas figuraban Vera, Luciana, Laura Olveira e Laura Piñeiro.

CALASANCIAS CORUÑA 3-1 REYCA BOIRO VOLEIBOL
(30-28, 25-15, 22-25, 25-13)-(Liga galega infantil masculina)

O Reyca mellora en bloqueo e planta cara en Coruña
Coa baixa dos dous xogadores máis veteranos do equipo (Rubi e Darío) se presentaban os de Adrián Alves no Colexio de Calasancias para tentar traer os dous puntos da vitoria cara Boiro. O primeiro parcial foi igualadísimo. Os herculinos dominaban na primeira metade do mesmo pero o Reyca, capitaneado por Daniel Olveira e Álvaro Pérez en facetas ofensivas conseguía remontar e achegarse moito á vitoria parcial. Tras desperdiciar catro balóns de set os locais poñíanse por diante no tanteador xeral. A eficacia en servicio marcaría o destino do encontro. Os boirenses, que rendiron moi por debaixo do seu nivel nesta faceta, vían como o Calasancias se levaban sen adornos o encontro. Destacable a aportación tamén de Pablo Nieto no 3º set, conseguindo dous puntos directos de bloqueo que serían vitais para o triunfo parcial dos seus. Polo Reyca xogaban: Pablo, Dani, Christopher, Álvaro, Gabriel e Jorge. Tamén xogaron Manu e Álex.

CALASANCIAS CORUÑA 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-16, 25-16, 25-15)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes pagan coa derrota os seus alto e baixos
Clara derrota a do equipo cadete feminino nun encontro no que en todo momento se xogou a remolque froito dunha recepción desafinada. Nos tres sets que durou o choque padeceuse dos mesmos males. Moitas dificultades nos arranques e melloría paulatina baseándose nos servicios de Emma Ordóñez e Ana Bugallo e na defensa de segunda liña, que permitía andar o camiño que non se podía nun inicio. As reaccións eran parciais e non permitían épicas remontadas co que as herculinas non tiveron demasiados problemas para pechar o encontro en case unha hora de xogo. Cabe destacar os minutos de xogo que o preparador boirense dou ás infantís, que pouco a pouco van collendo experiencia e ritmo de xogo. Con esta derrota as boirenses seguen pechando a clasificación desta competición autonómica empatadas a puntos co Voleibol Dumbría. Polo Ingeniería Trazos xogou: Emma, Ana, Lea, Antía, Sara, Claudia e Irea (líbero). Tamén xogaron as infantís Lía, Paula e Marta.


CALASANCIAS CORUÑA 3-1 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 26-24, 25-14, 25-22)-(Liga galega xuvenil feminina)

O Secreto perde contra si mesmo na Coruña
O xuvenil feminino foi vítima das pantasmas que lle arrebataron a confianza semanas atrás. Comezaron as de Emilio Palacio mandando en Calasancias. O servicio branquiazul facía estragos na recepción herculina cunha Emma Ordóñez que levaba o timón do bombardeiro boirense. As locais pouco podían facer ante o empuxe das nosas que unha e outra vez atopaban a maneira de puntuar sobre a defensa coruñesa. Deste xeito o primeiro caía en peto barbanzano. Foi a partires da segunda metade do segundo set onde se produxo o punto de inflexión no xogo de O Secreto. O servicio e o ataque xa non eran nocivos, a recepción caía en picado e as coruñesas distanciábanse paseniño. Incapaces de reaccionar caían as nosas ante o bloqueo-defensa do Calasancias, que se defendeu como gato panza arriba ante as ofensivas boirenses. Por O Secreto xogaron: Sara, Emma, Ana, Meli, Katy, Alejandra e Sheila Outeiral (líbero). Tamén participaron Claudia, Antía, Andrea, Sheila Pouso e Isa.

xoves, 13 de decembro de 2012

ADESTRAMENTOS DESTE XOVES CANCELADOS POR MAL ESTADO DA PISTA:

A condensación no Polideportivo Municipal de Barraña foi a gran protagonista desta tarde de xoves na que os técnicos do Boiro Voleibol se viron obrigados a suspender os adestramentos dos seus equipos polas pésimas condicións que presentaba o firme da instalación. As fortes precipitacións convertiron o terreo de xogo nunha pista de patinaxe que podía poñer en perigo a integridade dos nosos deportistas, cousa que non podemos consentir. Aproveitando a tirada deste blog queremos pedir desculpas a tódolos pais e nais d@s nen@s afectad@s por este imprevisto. A continuación podedes ver unha pequena mostra.

mércores, 12 de decembro de 2012

ENCONTROS DA XORNADA NA QUE O NÁUTICO BOIRO VB REGRESA Á CACHADA:

SÁBADO 15:

NARÓN VOLEA - REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(18:00h, P. Campo da Serra)-(2ª División autonómica masculina)

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL - SALUS VOLEIBOL OVIEDO
(18:00h, A Cachada)-(1ª División nacional masculina)

DOMINGO 16:

CALASANCIAS CORUÑA - NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(11:00h, Calasancias)-(Liga galega infantil feminina)

CALASANCIAS CORUÑA - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(11:00h, Calasancias)-(Liga galega xuvenil feminina)

CALASANCIAS CORUÑA - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, Calasancias)-(Liga galega cadete feminina)

CALASANCIAS CORUÑA - REYCA BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, Calasancias)-(Liga galega infantil masculina)


venres, 7 de decembro de 2012

OS RESULTADOS NON ACOMPAÑAN ÓS NOSOS EQUIPOS NA PONTE DE DECEMBRO:

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL 0-3 EMEVE
(4-25, 12-25, 5-25)-(Liga galega infantil feminina)

Lea pelexa por un balón durante o encontro fronte o EMEVE
Nada puideron facer as infantís que dirixe Emilio Palacio ante un fortísimo rival. O servicio bastáballes ás visitantes para desarbolar por completo o xogo do Navales Chicolino. Cunha disposición táctica máis avanzada que as nosas, as lucenses puntuaban con facilidade froito dunha maior experiencia e dominio de cada faceta do xogo. Certo é que no segundo parcial as nosas mostraron o que parecía ser unha reacción. Neste treito as máis pequenas do Boiro Voleibol melloraron a súa movilidade e por conseguinte a recepción. O servicio local conseguía desestabilizar por primeira vez ás visitantes pero a situación volvía a ser controlada polo EMEVE para pechar o encontro en apenas unha hora. A vindeira semana agarda Calasancias Coruña, 6º clasificado desta competición autonómica. Polo Navales Chicholino xogaban: Lea, Marta, Ada, Celia, Miriam e Paula. Tamén o facían Lía, Carla, Laura Piñeiro, Luciana e Vera.

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 1-3 EMEVE
(15-25, 15-25, 25-15, 26-28)-(Liga galega cadete feminina)

Gran encontro das de Emilio Palacio malia a derrota
Boas sensacións as que nos deixou o encontro correspondente á liga galega cadete feminina na visita que nos brindou masivamente o EMEVE de Lugo. O encontro comezaba coas nosas despistadas. A presión exercida polo saque visitante condicionaba totalmente o traballo da colocadora boirense. O bo posicionamento defensivo e a efectividade na contra era suficiente para que as lucenses se situasen cun claro 2-0 no luminoso. Chegados a este punto o Ingeniería Trazos mudou de rumbo e puxo en perigo as opcións de vitoria visitantes. Devolendo a pelota ó tellado do EMEVE, agora eran as nosas as que atopaban no seu servicio o antídoto contra o xogo contrario e se levaban o terceiro con suma comodidade. O cuarto foi unha batalla moi igualada. Ámbolos dous conxuntos se castigaban dende a liña dos 9 metros e a maior efectividade visitante impedíu coñecer cál sería o desenlace do choque de ter chegado éste ó tie-break. Polo Ingeniería Trazos xogaban: Claudia, Ana, Emma, Sara, Antía, Lea e Ángela (líbero). Tamén xogaban Marta, Lía e Paula.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 EMEVE
(13-25, 13-25, 11-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

Melissa Novoa ataca un zaguero no encontro do xoves
Caía en tres sets o equipo xuvenil feminino ante a contundencia dun sempre combativo nestas categorías, o EMEVE. As lucenses, que contan nas súas filas con xogadoras que tamén forman nas aliñacións do seu equipo senior de Superliga 2 non deron opción ás de Emilio Palacio e Narciso Abalo nun encontro no que a versátil xogadora infantil Emma Ordóñez volveu a ser a colocadora das branquiazuis, suplindo deste xeito a baixa por lesión de Sara Bugallo. O Secreto non podía contrarrestar a velocidade no ataque lugués por tódolos carrís e sufría o saber facer das visitantes nesta faceta onde destacaba Sara Folgueira, xogadora que recentemente foi chamada polo seleccionador español xuvenil para formar co combinado nacional estas navidades. As boirenses mostraron unha melloría tanxible en defensa, posicionándose con destreza en segunda liña para manter en xogo algúns balóns impensables tempo atrás e que no futuro servirán para puntuar ante rivales desta entidade. Por momentos, o servicio de Emma Ordóñez e Ana Bugallo convertíuse na mellor arma das locais facendo dubidar a recepción das lucenses e eliminando opcións de ataque na elección da súa colocadora. A vindeira semana agarda Calasancias Coruña, rival empatado a puntos coas boirenses na táboa clasificatoria no que seguramente sexa un encontro non apto para cardíacos. Ánimo rapazas, hai que voltar a atoparse coa vitoria. Por O Secreto xogaron: Emma Ordóñez, Katy Sampedro, Melissa Novoa, Ana Bugallo, Alejandra Galbán, Isa Gómez e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaban Sheila Pouso, Andrea Davila e Antía Sampedro.

REYCA BOIRO VOLEIBOL 1-3 EMEVE
(11-25, 16-25, 26-24, 17-25)-(Liga galega infantil masculina)

A pesar da derrota, o Reyca xogou coma un equipo
Derrota dos rapaces que dirixe Adrián Alves nun encontro no que os visitantes decantaron a balanza dende a liña de saque. A tensión dominaba ós nosos nos momentos iniciais, mostrando un nerviosismo que lles impedía enlazar accións de bo xogo. No segundo o Reyca mellorou. Da man do pequeno dos Martínez os infantís conseguiron tomarlle o pulso ó encontro. Unha xeira incrible de servicios deron a vitoria parcial ó EMEVE para colocarse 2-0 no tanteador. No terceiro puidemos ver a mellor cara dos máis pequenos da sección masculina do club. Xogando con descaro e sen presión os boirenses puxeron contra as cordas ós da cidade da muralla levando a cabo un set no que as emocións levantaron dos asentos ós que presenciaban o encontro. Tras recurtar distancias, o Reyca vía como o EMEVE se entonaba. De novo, bombardeando a recepción barbanzana, conseguían os luguesas amplas rendas no tanteador que farían imposible a reacción dos nosos. Polo Reyca xogaron: Rubi, Darío, Pablo, Jorge, Dani e Álvaro. Tamén xogaron Álex, Christopher, Gabriel e Manu.

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 2-3 EMEVE
(26-24, 26-24, 16-25, 17-25, 12-15)-(Liga galega xuvenil masculina)

A presión e a relaxación condean ó Trillizos en Barraña
Dura derrota a sufrida polo equipo xuvenil masculino nun encontro que se puxo moi de cara no momento que os nosos se situaron dous sets a favor no luminoso. O encontro, para o que os nosos contaban coas baixas de Daniel Vázquez e Alfonso Rey, comezaba moi igualado. Moitas imprecisións por ambos bandos mantiñan a pelexa equilibrada ata os puntos finais do primeiro set onde o tino en ataque do receptor boirense Xian Pérez poñía a salvo a vitoria parcial para o Trillizos. As sensacións persistían durante o segundo set. Os branquiazuis dominaban o xogo baseándose no seu ataque polas bandas e os lucenses pouco podían facer en defensa ante a contundencia dos remates dos nosos. Deste xeito chegábase ó punto de inflexión da tarde. Con 2-0 no tanteador xeral a presión de vitoria instaurouse no subconsciente dos locais, que pouco a pouco comezou a darlle vida ó EMEVE. A inseguridade dos de Adrián Alves viña dada por un ataque que agora xa non atopaba o firme do polideportivo municipal de Barraña. O EMEVE mellorou exponencialmente en defensa e a presión boirense por derrotar a un rival directo pola pelexa para o play-off foi demasiado para deixar os dous puntos da vitoria na nosa terra. Só queda seguir traballando e pelexando por un obxectivo cuxas opcións seguen intactas e para as cales os xuvenís dependen de eles mesmos. Polo Trillizos xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Xian Pérez, Dani Sieira, Óscar Refojo, Lois Vázquez e Abel Sánchez (líbero). Esperando unha oportunidade atopábanse Adrián Gatbache, Daniel Gey e o cadete Antón Sánchez.

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 1-3 EMEVE B
(20-25, 25-23, 14-25, 12-25)-(2ª División autonómica masculina)

O Redesyl padece as consecuencias dunha irregular recepción
Clara e merecida vitoria do EMEVE na súa visita ó municipal de Barraña. Os boirenses mostraron unha das peores caras do ano nun encontro no que as imprecisións impedían ó Redesyl plantar batalla. A recepción segue a ser unha das asignaturas pendentes, e o xoves, non foi excepción. Tan só a partires da metade do segundo set os nosos mostraron uns minutos de bo xogo. O gran protagonista deste treito do encontro foi o bloqueo, faceta onde destacaron Antón Pérez e Diego Romero. Co empate no luminoso (1-1) o Redesyl desapareciu da pista. O escaso ritmo de xogo local e o excelente rendemento defensivo poñíanlle en bandexa de prata os tres puntos ó EMEVE. Con esta derrota o Redesyl atópase na 7ª praza, empatado co seu próximo rival, o Narón Volea. Polo Redesyl xogaron: Ismael Martínez, Diego Romero, Alén García, Xavier Sarille, Miguel Lorenzo, Antón Pérez e o xuvenil Adrián Gatbache no seu debut como líbero en categoría senior. Como reservas estaban Andrés Martínez, Fran Dieste, Lois Vázquez, Adrián Armental e Juan Outeiral.

mércores, 5 de decembro de 2012

MAÑÁ XOVES DÍA 6 DE DECEMBRO VISITAN BARRAÑA OS EQUIPOS DO EMEVE:

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL - EMEVE
(10:00h, PM Barraña)-(Liga galega cadete feminina)

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL - EMEVE
(11:30h, PM Barraña)-(Liga galega infantil feminina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - EMEVE
(11:30h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil feminina)

REYCA BOIRO VOLEIBOL - EMEVE
(16:00h, PM Barraña)-(Liga galega infantil masculina)

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - EMEVE
(16:00h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil masculina)

REDESYL BOIRO VOLEIBOL - EMEVE
(18:00h, PM Barraña)-(2ª División autonómica masculina)

domingo, 2 de decembro de 2012

RESULTADOS NA XORNADA NA QUE O NÁUTICO TRAE OS 3 PUNTOS DE BURGOS:

BURGAS VOLEI 1-3 REYCA BOIRO VOLEIBOL
(9-25, 26-24, 21-25, 24-26)-(Liga galega infantil masculina)

Excelente actuación en servicio de Pablo Nieto no Paco Paz
Vitoria do equipo infantil masculino que dirixe Adrián Alves en terras ourensás no madrugón que os máis pequenos tiveron que realizar para xogar ás 9:30h no Paco Paz. Comezaba o encontro cun Reyca sólido, baseándose nun servicio moi estable que imposibilitaba a construcción local e que disparaba ós branquiazuis no luminoso. Rubén Martínez foi o puñal que unha e outra vez se adentraba na recepción do Burgas e salvagardaba a vitoria parcial para os seus. No segundo os locais melloraron, sobre todo en facetas defensivas. Pablo Nieto e Daniel Olveira, inspirados en ataque ata o momento, xa non atopaban o firme no terreo ourensá. Despois de dispor de 3 pelotas de set para colocarse cun claro 0-2 os locais aproveitaron os erros dos nosos para empatar o choque e deixar no aire o futuro do mesmo. No terceiro os nosos cativos recuperaban a iniciativa. Darío Outeiral e Pablo Nieto bombardeaban dende os 9 metros ó Burgas permitindo ós boirenses mostrar a mellor cara da tempada en tarefas defensivas. No cuarto e derradeiro o nerviosismo volvía ó seo do Reyca. O medo a perder o conseguido atenazaba ós nosos un pouco pero logo dunha intensa pelexa conseguían pechar o set e o encontro demostrando a progresión do conxunto nas últimas semanas. Polo Reyca xogaron: Rubén, Pablo, Darío, Daniel, Christopher e Álvaro. Tamén o fixeron Jorge, Álex, Gabriel e Manu.

BURGAS VOLEI 3-1 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-15, 25-21, 20-25, 25-21)-(Liga galega xuvenil masculina)

O Trillizos planta cara en Ourense
Derrota dos de Adrián Alves na cancha dun rival directo na pelexa polos 3º e 4º postos que dan dereito a disputar o play-off. O encontro comezaba igualado. Ámbolos dous conxuntos mantiñan un pulso ata ben avanzado o set onde algunha imprecisión do Trillizos dende a liña de saque e en recepción enchía de confianza ós locais para disparalos no luminoso e deixar o triunfo parcial en peto ourensá. A medida que pasaban os puntos os nosos melloraban, sobre todo en ataque. Da man dos seus atacantes de banda (Xian, Fran e Dani Sieira) o Trillizos complicaba a defensa local e conseguía apretar o desenlace do segundo que, de novo, se decidía nos últimos compases cando os nosos baixaron o listón a partir do 19-19. O terceiro foi de dominio boirense dende o seu inicio. Ós potentes atacantes de banda uníase agora Lois Vázquez, que mostrando un gran compromiso co seu equipo, desempeñou un gran encontro no posto de central materializando en punto o 100% dos balóns que tocaba. No cuarto o servicio dos locais marcou a diferencia. Os nosos non baixaron os brazos pero a maior experiencia dos do Paco Paz desequilibraría unha balanza pola que os nosos pelexaron ata o final. Polo Trillizos xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Xian Pérez, Dani Sieira, Lois Vázquez, Daniel Gey e Abel Sánchez (líbero). Tamén xogaron Óscar Refojo e Adrián Gatbache.

BURGAS VOLEI 3-0 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-12, 25-18, 25-18)-(2ª División autonómica masculina)

O Redesyl traballará para volver ó bo xogo
Derrota e malas sensacións é o equipaxe co que retornou ó Barbanza o equipo filial masculino nesta expedición multitudinaria dos nosos equipos á cidade das Burgas. En ningún momento do encontro o equipo estivo á altura das esixencias do mesmo. Os ourensás superaban en tódalas facetas ós nosos que probablemente mostraron a peor cara da temporada. As imprecisións en servicio e recepción e a excesiva bondade dos nosos ataques permitía un plácido tránsito dos locais nun encontro sen historia. A defensa ourensá desactivaba o predecible ataque boirense e facía medrar a confianza dos locais no seu xogo para pechar a contenda pola vía rápida. Polo Redesyl xogaban: Ismael Martínez, Fran Dieste, Miguel Lorenzo, Antón Pérez, Alén García, Adrián Armental e Abel Sánchez (líbero). Tamén o fixeron Andrés Martínez, Diego Romero, Xian Pérez e Juan Outeiral.


UNIVERSIDADE DE BURGOS 1-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 22-25, 21-25, 18-25)-(1ª División nacional masculina)

A expedición adicou os 3 puntos a Narciso. ¡O 8 é teu!
Importantísimo triunfo do noso primeiro equipo masculino en terras burgalesas sobrepoñéndose ós múltiples contratempos de última hora e doblegando ó UBu nunha cancha que, históricamente, é un fortín moi difícil de asaltar para os equipos visitantes. Ás baixas de Cristóbal Álvarez e Rubén Taibo por motivos laborais uníase a do oposto Narciso Abalo que no adestramento do venres sufriu unha caída que lle fracturou o peroné e o apartará das canchas os próximos meses. Con estas malas novas presentábase un encontro de vital importancia no que os boirenses pretendían dar un paso adiante e encaramarse ós postos altos desta 1ª división. Comezaba o choque cun tanteo mutuo no que os ataques superaban ás defensas ata ben avanzado o set. No ecuador do mesmo o servicio branquiazul comezou a subir de nivel e danar a recepción local. Foi neste momento cando os nosos abriron ferida nun UBu que non atopaba a maneira de superar o bloqueo boirense no que as figuras de Mario Iglesias e Emilio Palacio facían sombra ós atacantes castelás. No segundo xogo os locais melloraron. Os de Emilio Palacio, atenazados, cometían numerosísimos erros que daban ás ós universitarios e apoucaban o xogo do Náutico que viaxaba a remolque na travesía deste parcial. No terceiro as boas sensacións voltaban. Comandados por un inspirado Iván Souto os boirenses volvían a tomar a iniciativa do xogo. O servicio barbanzano facía tremer os brazos dos burgaleses. Éstes víanse na obriga de enviar múltiples "free-ball" que os boirenses materializaban en tanto por medio dunha conexión extraordinaria entre o noso colocador Iván e os centrais. No cuarto a tónica continuaba. Presión do Náutico dende a liña de saque, efectividade no complexo bloqueo-defensa e ataques incandescentes dos nosos por tódalas vías aproveitando a incertidume creada pola mestría do armador no altísimo bloqueo do UBu. Deste xeito chegaba un triunfo conseguido nuns momentos moi complicados e que demostra que o Náutico é un equipo con maiúsculas. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Emilio Palacio, Jesús Vázquez, Mario Iglesias, Manuel Pérez, Gustavo Romero e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Miguel Vázquez e Xavier Sarille.

AD A PINGUELA 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(25-13, 25-9, 25-13)-(Liga galega infantil feminina)

Durísimo rival se encontraron as boirenses en Monforte
Encontro sen historia o que disputou o noso equipo infantil feminino en terras monfortinas. As locais, cunha capacidade atlética evidentemente superior á das novas xogadoras boirenses, non pasaron apuros para quedarse cos dous puntos da vitoria. O potente servicio local só permitía ó Navales Chicolino pasar "free-ball" a terreo contrario, o contundente ataque da AD A Pinguela faría o resto. O modus operandi das monfortinas incluía unha alta asunción de risco no servicio, vía pola cal as nosas conseguían gran parte dos puntos que reflexaban no luminoso aproveitando os erros non forzados cometidos polas xogadoras locais. Toca pensar xa na vindeira xornada, na que nos visita o potente EMEVE e teremos de novo un durísimo encontro ante as que , na actualidade, lideran a liga galega infantil feminina. Moito ánimo e a traballar rapazas. Polo Navales Chicolino xogaron: Irea, Marta, Ada, Celia, Paula e Miriam. Como reservas estaban Lía, Carla, Laura Olveira, Laura Piñeiro, Luciana e Vera.


AD A PINGUELA 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(26-24, 25-19, 25-16)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes deron guerra
O do cadete feminino foi o encontro máis axustado da xornada matutina do domingo na que a sección feminina do Boiro Voleibol se desprazaba a Monforte de Lemos para medirse á AD A Pinguela. O encontro comezaba cun set de infarto. Ana Bugallo e Emma Ordóñez mantiñan a flote as aspiracións do Ingeniería Trazos que chegou incluso a dispor de dúas oportunidades para pechar o set ó seu favor. Na parte inicial do segundo parcial o servicio dunha das xogadoras monfortinas abreu unha ferida no tanteador que as boirenses xa non poderían contrarrestar. No terceiro os ánimos das nosas decaeron froito da impotencia que transmitía o traballo sen resultados obtidos ata o momento. Esto non o desaproveitaron as locais que non tremeron para pechar o encontro en tres sets. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Claudia, Lea, Antía, Sara, Ana, Emma e Ángela (libero). Agardando a súa oportunidade estaban Irea, Marta, Paula, Lía e Ada.

AD A PINGUELA 3-0 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(25-10, 25-14, 25-9)-(Liga galega xuvenil feminina)

O bloqueo boirense sobrevive á derrota de O Secreto
Clara derrota a sufrida polo equipo xuvenil feminino a mans dunha AD A Pinguela que utilizou o servicio para condicionar totalmente o xogo de O Secreto. O tino das monfortinas nesta faceta puidose apreciar dende o arranque, onde as locais apuraban ata o último centímetro da pista cada saque efectuado. A recepción boirense pouco podía facer para sobrepoñerse ós acontecementos e a pesar do saber facer de Emma Ordóñez na súa estrea como colocadora caía a vitoria de bando local en apenas unha hora de xogo. Cabe destacar  a actuación do bloqueo boirense, demostrando melloría respecto a semanas anteriores e complicando con intermitencia o ataque rival. O vindeiro xoves visitará Barraña un óso duro de roer, o EMEVÉ, actual líder da competición. Ánimo rapazas. Por O Secreto xogaban: Emma Ordóñez, Melissa Novoa, Ana Bugallo, Alejandra Galbán, Katy Sampedro, Isa Gómez e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Antía Sampedro, Claudia Pinaque, Lea Gatbache e Sheila Pouso