sábado, 9 de novembro de 2013

VITORIA POR 3-2 DO NÁUTICO NA SUPERLIGA 2 NUNHA CACHADA ATEIGADA:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-2 CVLEGANÉS.COM
(20-25, 23-25, 25-27, 25-22, 15-12)-(Superliga 2 Masculina)

A Cachada vibrou co xogo dos seus
O noso primeiro equipo masculino segue a escribir con letras de ouro a súa travesía pola categoría de prata do voleibol español. Coa baixa por lesión de Jesús Vázquez, nunha Cachada ata a bandeira e cunha afección volcada co seu equipo conseguiron os de Emilio Palacio a súa segunda vitoria consecutiva nesta Superliga 2 Masculina. Na fronte, o cvleganés.com presentaba as súas credenciais da man do receptor Manuel De Amo (21 puntos), do central Juan Villaescusa e do oposto Ramsés Ballesteros, MVP e máximo anotador na 1ª xornada da SM-2. A igualdade foi a tónica do encontro ó longo dos seus 5 sets. Tan só os errores privaron ó Náutico de comezar mandando no encontro, nun primeiro set que se anotaron os madrileños froito das imprecisións dos locais e no que os nosos se mantiveron por diante ata o segundo tempo técnico. O segundo parcial foi de clara cor branquiazul. Apoiados nunha gran recepción e na maxistral dirección de Iván Souto conseguiron os nosos mandar na manga de comezo a fin. No terceiro a igualdade foi máxima. Os dous equipos utilizaban o seu servicio como unha arma de destrucción masiva que facía que o dominio fose alterno. Tan só no desenlace de set puideron os leganenses deixar atrás ós de Boiro, cunha actuación moi destacada do altísimo central Juan Villaescusa que se mostrou imparable en labores ofensivas. A balanza persisitiría equilibrada no 4º xogo. Os ataques, ó igual que no resto do choque, superaban claramente ás defensas. Foi nos momentos quentes, onde se gañan os sets, cando unha xeira espectacular do oposto boirense Narciso Abalo dende a liña de saque perforaba a recepción madrileña, forzando deste xeito o tie-break e dando a posibilidade de seguir pelexando polos 2 puntos en xogo. Desta forma se chegaba ó set definivo. A tensión palpábase no ambiente, mais os nosos non se amilanaron e saíron ó terreo de xogo convencidos de conseguir o triunfo. Era o momento do todo ou nada e os madrileños comezaron máis atinados. Moi precisos en saque e contundentes en bloqueo chegaban por diante (5-8) ó cambio de campo. Foi neste momento cando o bloqueo-defensa boirense marcou a diferencia. Mario Iglesias, paciente buscando a súa oportunidade en bloqueo, fortificou a rede e parou unha e outra vez ós atacantes visitantes que xa non conseguirían facer dubidar ó Náutico de que esta vitoria se quedaba na Cachada. Consulta a estadística do encontro aquí. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Cristóbal Álvarez, Gustavo Romero, Mario Iglesias, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Ismael Martínez, Fran Dieste, Manuel Pérez, Miguel Vázquez e Antón Pérez.


FISIO. CINESIA A-SOLUCIÓNS NOIA 3-0 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-18, 25-19, 25-8)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

Derrota do filial na cancha do actual campión
Plagado de baixas viaxaba o equipo filial a Noia para disputar o derbi comarcal correspondente á 5ª xornada da 2ª División Autonómica. Adrián Armental e Diego Romero por motivos persoais e os xuvenís Fran Dieste e Ismael Martínez por estar presentes na convocatoria do equipo de Superliga 2 non puideron formar por parte do Redesyl. Malia o abultado do resultado a actuación dos nosos non foi de todo negativa tendo en conta a xuventude do equipo que saltou ó Alonso Rodríguez. Os noieses aproveitaron á perfección os erros disfrazados de toque de rede dos boirenses para pechar os sets que, ata ese momento, permanecían en táboas. A mellor cara dos nosos puidose ver no segundo set, onde da man de Xian Pérez conseguían plantar batalla a un equipo máis veterano e que faría valer o seu maior poderío ofensivo. Redesyl: Daniel V., Pablo R., Xian P., Adrián G., Lois V., Óscar R. e Felipe R. (líbero). Como reservas estaban Jorge D., Félix R., Juan O. e Dani G.

GALITRANS VIAJES EMBAJADOR UDC - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-15, 25-14, 25-7)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

Traballo e unión para volver ó bo xogo, ánimo
Contundente derrota a sufrida na visita ó Polideportivo Universitario de Elviña onde agardaba o actual campión desta 2ª División. As numerosas e importantes baixas lastraron ás pupilas de Mario Iglesias, incapaces de facer fronte ó ritmo de xogo das coruñesas en ningunha fase do partido. Continuas imprecisións na construcción e falta de mordente ofensiva foron os ingredientes dunha merecida derrota nesta mañá de domingo. Cabe destacar a brillante actuación en saque das herculinas na terceira manga, facendo un dano irreparable na recepción e no espíritu das nosas. A vindeira semana visítanos o actual líder, o Caldaria Voleyourense. Polo JEALSA xogaron: Sara B., Mariana D., Andrea B., Alejandra G., Paula R., Verónica C. e María T. (líbero). Carla O., Sheila P., Ana B. e Katy S. ocuparon o banco de suplentes.

FISIO. CINESIA A-SOLUCIÓNS NOIA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13-25, 8-25, 23-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

Serio encontro das xuvenís no derbi rexional
Vitoria incontestable do equipo xuvenil feminino no seu derbi particular en terras noiesas. O poderío das nosas dende a liña de saque foi chave. Cando non se conseguía punto directo o servicio branquiazul debilitaba fortemente a construcción local. Este foi o guión das dúas primeiras mangas, pechadas sen concesións por parte dun serio JEALSA. No terceiro set a intensidade visitante decaeu levemente. A falta de ritmo froito de diversas sustitucións levou a manga a un igualado 22-22 pero o saber facer das nosas superaría o ímpetu das locais por reducir distancias e prolongar o encontro. Tras este triunfo as de Mario Iglesias ocupan a 7ª praza da LGXF empatadas a puntos co CV Pontevedra e co IES de Ames. O vindeiro sábado o 4º clasificado, o Voleyourense, visita A Cachada. JEALSA: Sara B., Katy S., Ana B., Isa G., Antía S., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Lea G., Sara O. e Nuria R.

FISIO. CINESIA A-SOLUCIÓNS NOIA 2-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 23-25, 23-25, 25-12, 13-15)-(Liga Galega Cadete Feminina)

Paula V. recibe ante a atenta mirada de Ana B.
Vitoria no tie-break que lles sirve ás cadetes que dirixe Emilio Palacio para instalarse na zona media da táboa clasificatoria desta LGCF. A igualdade ó longo das cinco mangas foi máxima. As nosas, que viron como o seu adestrador repartía minutos de xogo entre tódalas integrantes do equipo, apoiáronse no brazo dereito da pequena dos Bugallo para intentar levar a iniciativa do xogo. Ana non defraudou e foi o canón que bombardeou unha e outra vez o terreo do xogo noiés, convertindo en punto case que casa balón que atacaba. Á destacada actuación da receptora boirense uníuse a mestría na dirección, unha vez máis, de Lea Gatbache. A colocadora do JEALSA seleccionou en todo momento as mellores opcións para as nosas que, tras este triunfo, prepararán con maior tranquilidade o choque da vindeira semana ante o Voleyourense. Polo JEALSA xogaron: Lea G., Paula V., Ana B., Sara T., Laura P., e Irea T. (líbero). Laura S., Ada V., Marta S. e Laura O. completaban a convocatoria.

FISIO. CINESIA A-SOLUCIÓNS NOIA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-20, 25-23, 25-11)-(Liga Galega Infantil Feminina)

Marta S. recibe un balón no encontro do sábado
Quinta derrota da temporada para o equipo infantil feminino nun encontro que ben puido ter un desenlace distinto. A igualdade era o elemento protagonista nos dous primeiros sets, con alternancia de dominio para boirenses e noiesas que vían como a eficacia dende a liña de saque decantaría a balanza do choque. As locais, moito máis atinadas en servicio nos momentos decisivos das dúas primeiras mangas poñerían unha lousa enorme sobre a moral do Jealsa a base de presión co seu saque. O desconcerto instalábase no xogo das nosas froito dese 2-0 en contra. As imprecisións afloraban e o preparador boirense moveu pezas pero a renda local xa era demasiado para un equipo sen marxe de reacción. A vindeira semana visitan A Cachada as ourensás do CVO Divina Pastora nunha oportunidade inmellorable para estrearse nesta 2013-2014 ante un conxunto que conta por derrotas os seus partidos. Polo JEALSA xogaron: Ada V, Paula V., Lía V., Laura O., Marta S. e Sara T. Como suplentes estaban Marta C., Luciana V., Verónica P. e Irea T.

3 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Que espectáculo de grada... Xogar na Cachada é moi moi especial. Esperemos que esta vitoria sirva para enganchar aínda máis ó público boirense. Gracias.

Esto non para compis, parqué e ferro!

¡¡¡FORZA BOIRO VB!!!

Jesus_pivot dixo...

Noraboa pola gran victoria, aficción increbile, apoiando todo o rato pero eu non aguanto outro partido na grada. Oxala os equipos que veñan de fora vexan sempre A Cachada coma onte. Eu asegurolle a toda a xente que anima o equipo que imos fora xogar e non hai nadie nas gradas por eso e tan especial xogar en Boiro.

Bo traballo "tronquitos".

Adrián Alves dixo...

Xa me esquecía...

Os meus candidatos desta semana para o #7idealBoiroVoleibol son Emilio (central) e María (líbero)