domingo, 17 de novembro de 2013

RESULTADOS DUNHA XORNADA CHEA DE LUCES E SOMBRAS:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 1-3 CDV TEXTIL SANTANDERINA
(25-19, 17-25, 27-29, 20-25)-(Superliga 2 Masculina)

Triple bloqueo do Náutico no encontro do sábado
Axustada derrota do primeiro equipo masculino ante un dos equipos fortes desta categoría de prata do volei español. Os cántabros presentaron as súas credenciais na Cachada avalados por xogadores dunha calidade contrastada tales como o central brasileiro Elvis de Oliveira, ex-compañeiro de Pablo Bugallo no CMA Numancia de Soria; o oposto internacional júnior Fran Calzón ou o colocador Pablo Cabrera, antigo xogador do Caravaca murciano da Superliga. O encontro arrancaba co Náutico moi atinado. O altísimo nivel de servicio que estaban a mostrar os de Emilio Palacio impedía que os potentes atacantes visitantes entrasen en escea. Froito desta situación o bloqueo-defensa branquiazul tomou as rendas do set para pechalo con relativa comodidade. Non foi así na segunda manga. A intensidade no xogo dos boirenses baixou considerablemente a medida que a Textil se acomodaba na cancha. Neste momento chegábase á chave do encontro. Nun igualadísimo terceiro set onde os nosos dispuxeron de ata 2 oportunidades de pechalo, os cántabros daban un golpe enriba da mesa e deixaban tocado a un equipo que puido ter un desenlace ben distinto de ter aproveitado as súas oportunidades de ruptura. Cos ánimos locais tocados presentábase un novo panorama de difícil dixestión para os nosos. A irregularidade no xogo branquiazul neste parcial viuse reflexada no tanteador, chegando por diante ó primeiro tempo técnico (8-5) e por detrás ó segundo (10-16). Motivados polo seu orgullo e levados en bolandas polos máis de 300 siareiros que abarrotaron a Cachada a reacción dos boirenses non se fixo esperar, igualando o luminoso no momento decisivo do set. Chegados a este punto foi cando o bloqueo de Elvis de Oliveira decantou a balanza e salvagardou 3 puntos valiosísimos para os seus. Consulta a estadística do encontro aquí. A vindeira semana derbi en San Sadurniño, a preparalo a conciencia. Polo Náutico xogaron: Iván S., Narciso A., Cristóbal A., Gustavo R., Mario I., Emilio P. e Adrián A. (líbero). No banco de suplentes estaban Ismael M., Jesús V., Antón P., Manuel P. e Miguel V.


REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-0 ASESORES VILA CASTRO-BURGAS VOLEI
(25-22, 25-19, 27-25)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

O Redesyl gaña o seu segundo encontro
Vitoria en tres sets do equipo filial masculino ante os ourensáns do Burgas Volei. O primeiro parcial estivo marcado polos erros non forzados de ámbolos dous equipos. Tan só o superior acerto en ataque dos de Adrián Alves lles permitiría poñerse por diante nun partido que ata o momento se presentaba moi igualado. No segundo viuse a meller versión do Redesyl. Cunha selección de ataque moito máis intelixente e cun bloqueo-defensa sobresaínte conseguiron os nosos mandar con claridade na manga e poñer un 2-0 no luminoso que semellaba definitivo visto o visto ata o momento. Nada máis lonxe da realidade. Os visitantes, un equipo máis veterano e con xogadores con experiencia en categorías superiores como é o caso do colocador Carlos Fernández saltaron á cancha coa intención de remontar. Ó Redesyl, que baixou un peldaño na súa intensidade, volvérono a lastrar os erros na primeira metade do xogo. Foi neste momento cando o bloqueo branquiazul volveu facer acto de presencia. A defensa local posicionouse moito mellor e os 3 puntos xa non se escaparían da Cachada. Polo Redesyl xogaron: Daniel V., Diego R., Xian P., Adrián A., Lois V., Óscar R. e Felipe R. (líbero). Tamén xogaron Ismael M., Fran D., Dani G., Pablo R e Adrián G.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 CALDARIA VOLEYOURENSE
(14-25, 18-25, 24-26)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

Foto de plantel do JEALSA
Novo tropezo do primeiro equipo feminino nesta 6ª xornada da 2ª División Autonómica. A falta de ritmo e os erros non forzados foron unha carga demasiado pesada para as de Mario Iglesias, que viron como as ourensás se marchaban para a cidade das Burgas cos tres puntos da vitoria sen ter feito un encontro brillante. O saque visitante danaba a recepción do JEALSA nos dous primeiros sets, impedindo a fluidez na construcción e que o equipo fose aumentando paulatinamenta a súa confianza. No terceiro set houbo unha leva melloría. Rebeca González conseguía agora atopar a maneira de anotar con certa puntualidade, mantendo ó seu equipo na pelexa ata o último momento. As nosas ocupan agora a 8ª praza e a vindeira semana visitarán o PM os Remedios para medirse ó faroliño vermello, o Dompa Gestión. A por elas rapazas. Polo JEALSA xogaron: Carla O., Mariana D, María T., Rebeca G., Alejandra G., Katy S. e Paula R. (líbero). Como reservas estaban Sara B., Sheila P., Ana B., Verónica C. e Cristina F.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 ASESORES VILA CASTRO-BURGAS VOLEI
(25-21, 25-22, 25-20)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Momento do partido xuvenil masculino
Partido sen historia o que abría a xornada de domingo entre os equipos xuvenís do Boiro Voleibol e do Burgas Volei. Foi un encontro falto de intensidade, carente de ritmo e no que o preparador local fixo reparto de minutos entre tódolos seus xogadores. Os nosos deixáronse levar pola austeridade do choque e tiveron un día gris en case que tódalas facetas do xogo. A pesar de todo, cando o JEALSA metía unha marcha máis os visitantes pouco podían facer para seguir a estela boirense. Os saques en suspensión de Ismael Martínez e Fran Dieste lanzaron un pouco de alegría no xogo dos seus, que tras esta vitoria mantéñese invictos na LGXM despois de 4 partidos. A vindeira semana visita masiva dos nosos equipos masculinos ó Municipal de San Sadurniño. Polo JEALSA xogaron: Daniel V., Fran D., Xian P., Adrián G., Lois V. e Óscar R. Tamén xogaron Daniel V., Pablo R., Dani G., Jorge D. e Félix R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 1-3 ASESORES VILA CASTRO-BURGAS VOLEI
(14-25, 25-23, 15-25, 21-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

Melloría no xogo dos xuvenís a pesar da derrota
Partido perdido por 3-1 nun  encontro no que as de Mario Iglesias xogaron a rachas e onde as de Boiro tiveron momentos de bo xogo cunha gran intensidade defensiva que desencadeou en puntos interminables, causa prinicipal do triunfo no segundo set. Esta chispa non foi tal nos demais parciais e o xogo das nosas caería levemente nos seguintes xogos, nos que o servicio visitante fixo moito dano na recepción do JEALSA impedíndolle ás nosas colocadoras elaborar o xogo de ataque con comodidade. Deste xeito remataría o encontro con vitoria ourensá xa que as nosas xa non foron capaces de cambiar o rumbo do choque. A vindeira xornada agarda o CV Santiago, penúltimo clasificado desta LGXF ó que as nosas se medirán instañadas na 7ª praza. Polo JEALSA xogaron: Sara B., Isa G., Ana B., Katy S., Antía S., Alejandra G e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Lea G., Sara C e Nuria R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 ASESORES VILA CASTRO-BURGAS VOLEI
(25-16, 25-19, 28-26)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Plantel do JEALSA cadete masculino
O guión do encontro cadete foi similar ó do infantil xa que prácticamente a totalidade dos seus protagonistas xa coincidiran na cancha minutos antes. De novo a contundencia en ataque dos de Adrián Alves marcaría claramente o desenlace. Pablo NIeto volvería a convertirse nun pesadelo para a defensa do Burgas que pouco podía facer ante o aluvión dos nosos. Os visitantes tan só puideron ver algo de luz nas súas aspiracións no desenlace do 3º set pero a seguridade do servicio branquiazul puxo a salvo os dous puntos da vitoria que aupan ós nosos cativos ata a 4ª praza da LGCM. A vindeira semana a competición lévanos a terras ferrolanas para medirnos ó San Sadurniño, equipo que este ano aínda non coñece a vitoria. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Pablo N., Daniel O., Christopher R. e Álex V. Como reservas estaban Antón V., Borja S., Manu T., Gabriel S. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 ASESORES VILA CASTRO-BURGAS VOLEI
(15-25, 13-25, 13-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes notaron a ausencia de Ana Bugallo
Cun equipo composto casi na súa totalidade por xogadoras en idade infantil saltaban á cancha as de Emilio Palacio para medirse ás ourensás do Burgas nesta 6ª xornada de competicións autonómicas. A importantísima baixa de Ana Bugallo fixo que o rendemento ofensivo do equipo baixase considerablemente privando ás nosas de poder materializar puntos con certa frecuencia e facilidade. A pesar de todo o JEALSA mantiña a compostura nos tres inicios de set. A igualdade desfacíase no ecuador de cada manga froito dos erros non forzados e dos contundentes ataques visitantes tras defender os balóns cheos de inocencia das nosas. Tras esta derrota as cadetes permanecen na 7ª praza da LGCF con 2 vitorias e 4 derrotas. O vindeiro sábado a competición ligueira levaranos a Ourense para medirnos ó Dompa Gestión. Polo JEALSA xogaron: Lea G., Paula V., Laura P., Lía V., Marta V., Sara O. e Irea T. (líbero). Como reservas estaban Laura O., Ada V. e Laura S.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 ASESORES VILA CASTRO-BURGAS VOLEI
(25-8, 25-10, 26-24)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Os infantís seguen imparables
Contundente triunfo dos infantís por 3-0 para seguir no máis alto da clasificación desta LGIM 2013-2014. Pouco puideron facer os rapaces do Burgas ante a orde e o acerto dos nosos, tanto en ataque como desde a liña de saque. O novo plantel visitante adicábase a agasallar ós nosos con balóns fáciles froito das dificultades que estaban a pasar na recepción. Os ataques de Pablo Nieto, Christopher Rodríguez e Dani Olveira sumados ó tino en saque de Darío Outeiral e Rubén Martínez marcaron a diferencia nas dúas primeiras mangas. Os múltiples trocos realizados nos locais no inicio do 3º ser fixeron dubidar ós nosos, que permaneceron por debaixo no luminoso ata o empate a 22. O saber facer nestes momentos importantes permitiron pechar o set e o partido sen atrancos. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Pablo N., Daniel O., Christopher R. e Álex V. Tamén xogaron Borja S., Manu T. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 ASESORES VILA CASTRO-BURGAS VOLEI
(25-13, 25-14, 25-23)-(Liga Galega Infantil Feminina)

As infantís estrean o seu casilleiro de vitorias
Partido sen moitas complicacións o que gañaron en tres sets as nosas infantís e no que Emilio Palacio aproveitou para dar unha oportunidade de demostrar a súa valía ás xogadoras menos frecuentes. Ó outro lado da rede, un equipo moi novo tentaría acadar a súa primeira vitoria da 2013-2014 ante un conxunto que tamén buscaba a súa estrea. O servicio de Paula Vázquez foi a mellor arma do JEALSA nos dous primeiros sets. A xove xogadora boirense conseguiría sendas xeiras de servicios que serían definitivas para adiantarse no luminoso da Cachada cun claro 2-0. Todo facía indicar unha plácida travesía das nosas por este partido pero na Liga Galega non adoitan as chegar as vitorias sen sufrimento. Así foi e tan só no desenlace da 3ª manga un par de accións ofensivas acertadas decantaban definitivamente a balanza do noso lado. Polo JEALSA xogaron: Paula V., Ada V., Lía V., Laura O., Sara O. e Marta V. Como reservas estaban Verónica P., Irea T., Marta C., Luciana V. e Laura L.

1 comentario:

Adrián Alves dixo...

Pena dese 3º set... Hai que seguir, estamos competindo ben.

Os meus nominados para o #7idealBoiroVoleibol son Xian polo seu partido contra o Burgas en 2ª División e Cristóbal contra Textil en SM-2


FORZA BOIRO VB!!!