martes, 29 de mayo de 2012

I CAMPUS DO BARRAÑA VOLEI PRAIA:

I Campus do Barraña Volei Praia
O volei boirense non para nin coa chegada do verán. Despois de constituirse como clube, o Barraña Volei Praia xa prepara a que será a súa primeira tempada de verán. A carta de presentación desta nova e xoven entidade será un  ambicioso evento de formación destinado a rapaces e rapazas de entre 12 e 20 anos, o I Campus de verán do Barraña Volei Praia que se celebrará do 25 ó 30 de xuño no areal boirense de Barraña. Será unha semana excelente de fabulosa convivencia e sesións de calidade impartidas por personalidades destacadas do volei praia da nosa comunidade como Luci Paz, Cristóbal Álvarez ou Germán Romero entre outros. Como convidado foráneo agardamos a Juanjo Susín, seleccionador nacional sub-15 de volei praia. Informádevos ben, trátase dunha oferta máis que atractiva e cun prezo moi razoable para os asistentes, ben sexan residentes en Boiro ou noutras partes de Galicia e España. Para consultar máis información acerca do Campus podedes ver neste link o dossier informativo. Tamén podedes acceder aquí á ficha de inscripción. O prazo para anotarse xa está aberto e permanecerá así até o 22 de xuño. Só tedes que cumplimentar a documentación cos vosos datos persoais (en caso de ser menores de idade necesitarase autorización paterna) e facérnola chegar canto antes. Non deixedes para mañá o que poidades facer hoxe, recordade que hai prazas limitadas. Si precisades información máis persoal ou doutro tipo podedes contactar co presidente do Barraña Volei Praia, Daniel Agra no 625021218. Achegádevos a Boiro, como ben sabedes nunca defrauda. Ánimo.

miércoles, 23 de mayo de 2012

QUE NON FALTE NINGUÉN ESTE SÁBADO, DE CEA CO BOIRO VB:

¡Non faltedes á cea do vindeiro sábado!
Este sábado ás 22:00h o Boiro Voleibol despedirá informalmente a tempada 2011-2012 cunha velada en forma de cea. A celebración terá lugar nun dos establecementos colaboradores co noso clube, o Tres.catorce, na rúa peonil de Boiro (fronte á praza de abastos da localidade). O prezo do menú, que incluirá unha táboa de xamón e queixo, pantumaca, polbo con ameixas, ensalada chef, croquetas, tortilla, zorza con patacas, postre, bebida (Viño, sangría, cervexa, refrescos, etc) e café e chupitos, será de 20€ por persoa. Para recibir máis información acerca do evento podedes poñervos en contacto co xogador do primeiro equipo masculino, Narciso Abalo.  Non deixedes para mañá o que poidades facer hoxe. Agardámosvos a tod@s: xogador@s boirenses, santiagueses, "suecos", "diablos" e incluso da Patagonia arxentina. Anímense, pasaremos un bo rato en familia.

lunes, 21 de mayo de 2012

REESTRUCTURACIÓN DAS COMPETICIÓNS NACIONAIS:

Novo formato nas competicións nacionais
A Real Federación Española de Voleibol celebrou estes días pasados en Madrid as súas reunións de Xunta Directiva e Comisión Delegada. A temática destas xuntanzas é importantísima e de gran interese para tódolos clubes con equipos en competicións de índole nacional xa que se aprobaron medidas como a reestructuración das competicións nacionais. A RFEVB decidiu reorganizar as competicións nacionais baseándose na supresión da liga FEV. Según o acordo adoptado polos organismos federativos da RFEVB o voleibol español quedaría constituído por 3 ligas: Superliga, Superliga 2 e 1ª División. Tanto os equipos que tiñan dereito a competir en Superliga 2 como os que gañaron o dereito a participar na antiga liga FEV farano a vindeira tempada na Superliga 2. Nesta nova competición poderán participar ata un máximo de 24 equipos, cun nivel de cuotas e gastos máis próximos ós da pasada liga FEV. Si o número de inscritos nesta Superliga 2 supera os 13 equipos, a competición estructurarase en dous grupos. De non ser así constituirase nun só grupo. O formato da 1ª División será semellante ó das últimas tempadas, existindo 3 grupos formados por proximidade xeográfica. A máxima competición do voleibol español, a Superliga na que militan vellos coñecidos da afección boirense coma o canteirán Pablo Bugallo (CMA de Soria) e Óscar Gómez (Club Vigo Voleibol), terán un máximo de 12 equipos inscritos. ¿Que vos parece o novo debuxo proposto pola RFEVB?

miércoles, 9 de mayo de 2012

FESTA FIN DE TEMPADA DO BOIRO VOLEIBOL, AGARDÁMOSVOS A TOD@S:

Hoxe venres día 11 de maio ás 21:00h todas e todos estades convidados á cerimonia de despedida do curso 2011-2012 por parte do Boiro Voleibol. Soci@s, afeccionad@s, pais e nais, xogador@s, patrocinador@s, autoridades e medios de comunicación disfrutarán dunha velada para homenaxear o traballo realizado durante toda a temporada no centro social de Boiro (Rúa Principal) e darlle fin deste xeito a outra exitosa temporada social e deportivamente falando. Toda a familia do volei boirense disfrutará en boa compaña duns pinchos e dalgunha que outra sorpresa, non volo podedes perder. Trátase do último compromiso do ano polo que, en nome do corpo directivo, pedimos a tódolos xogadores e xogadoras máxima responsabilidade á hora de acudir e devolverlle ó club todo o traballo feito nesta tempada. Graciñas e ata a noite.


domingo, 6 de mayo de 2012

AS CADETES ACADAN O ANSIADO ASCENSO, NORABOA:

VOLEIBOL DUMBRÍA 0-3 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(11-25, 20-25, 24-26)-(Promoción á liga galega cadete feminina)
O Ingeniería Trazos xogará a liga galega o próximo ano
Vitoria trascendente a conseguida polas rapazas que dirixe Emilio Palacio a domicilio ante o Voleibol Dumbría. Consíguese deste xeito o desexado ascenso á liga galega premiando un ano de duro traballo no que as boirenses do Ingeniería Trazos souberon estar á altura das expectativas nos encontros máis decisivos da campaña. O servicio boirense foi clave. Durante o primeiro set as locais non conseguían enlazar accións de bo xogo e as nosas campaban a pracer no Municipal de Dumbría establecendo un ritmo elevadísimo de xogo e demostrando unha eficacia extraordinaria nas "free" que outorgaba o contrario. Co 0-1 no luminoso o ascenso xa estaba no peto. O preparador boirense daba entrada ás xogadoras con menos minutos durante a temporada e o equipo seguía respondendo e desempeñando o plan de xogo que o técnico esixe para, en apenas unha hora, rematar cas esperanzas de permanencia en liga galega das de Dumbría. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol formaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Sara Lojo, Alejandra Galbán, Melissa Novoa, Ana Bugallo e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Lea Gatbache, Claudia Pinaque e Isabel Gómez.  

viernes, 4 de mayo de 2012

O INGENIERÍA TRAZOS NA BUSCA DO ASCENSO:

VOLEIBOL DUMBRÍA - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(Domingo, 11:30h, PM de Dumbría)-(Promoción á liga galega cadete feminina)

lunes, 30 de abril de 2012

DESENLACE DA FASE DE ASCENSO A LIGA FEV:

O Náutico remata 3º no playoff de ascenso á liga FEV
Na mañá de onte domingo baixábase o telón da fase de ascenso á liga FEV onde os nosos rapaces do Náutico Boiro Voleibol remataban finalmente na 3ª posición. Tras caer no tie-break na 1ª xornada do sábado ante os alacantinos do Santa Pola agardaba pola tarde o derbi autonómico entre boirenses e ferrolanos. A expectación creada entorno a este partido era máxima e quedaba demostrado no aspecto do Municipal de San Sadurniño momentos antes do comezo do choque. Os nosos comezaban mellor e conseguían anotarse o primeiro set empuxados polos afeccionados boirenses desplazasos ata San Saduniño (charanga incluída). Os de Eloy Mahía empatarían o encontro  no segundo apoiados polos seus siareiros e poñendo a emoción por todo o alto. No terceiro xogo os boirenses estiveron máis finos, e gracias ó bo facer en servicio e bloqueo-defensa situábanse por diante de novo no luminoso. No cuarto o Náutico seguía mandando na pista chegando a situarse 4 puntos por riba no tanteador e mostrando unhas sensacións moi boas. A mediados de set, e tras un parón facilitado polos árbitros, os de Emilio Palacio perderon o ritmo do encontro e os locais empataban o derbi nun final de infarto. No tie-break os ferrolanos foron superiores. O Náutico non soubo superar o baixón de finais do cuarto set e cedía o seu segundo encontro neste playoff de ascenso que, para ledicia do Intasa, significaba o seu 1º posto matemático. Deste xeito o encontro ante o CV Melilla xa non era máis que un trámite para ámbolos dous conxuntos. Emilio Palacio rotaba a tódolos seus xogadores pero o cansancio do intensísimo encontro dunhas horas antes pasaba factura e os nosos caían por 3-1. Parabéns ó Intasa San Sadurniño, logro ben merecido e traballado.

sábado, 28 de abril de 2012

CHEGA O PRIMEIRO TROPEZO NA FASE DE ASCENSO:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 2-3 C.V. SANTA POLA
(20-25, 25-21, 20-25, 25-23, 8-15)-(Playoff de ascenco á liga FEV)
O Náutico cede no tie-break ante o campión do grupo B
Vibrante e emocionante encontro o vivido esta mañá no Municipal de San Sadurniño entre dous grandes equipos. O Náutico, flamante campión do grupo A da 1ª División Nacional medíase ó campión do grupo B, O CV Santa Pola. Foi un encontro no que ambos equipos querían, mediante o servicio, inquedar á recepción contraria para dificultar a construcción. Os alacantinos mostraban as súas mellores armas na primeira manga. Un potente servicio e unha defensa moi ben amueblada gracias a un alto bloqueo condicionaban o arranque dos boirenses, que pereceron neste primeiro xogo. No segundo as tornas cambiaban. Agora eran os nosos os que dificultaban a construcción do equipo rival. Mantendo un alto nivel de bloqueo-defensa os de Emilio Palacio anotábanse o parcial e empataban o encontro. O terceiro set era un calco do primeiro, e o cuarto unha copia exacta do segundo demostrando así a igualdade vista neste partido. Chegados ó tie-break os erros condenaban ó noso primeiro equipo. Un mal comezo debido a fallos de recepción, servicio e ataque impedía que chegara a terceira vitoria neste playoff de ascenso. Deste xeito e tras a xornada da mañá os nosos sitúanse na 2ª posición por detrás do rival na tarde de hoxe a partires das 20:30h, o Intasa San Sadurniño.

viernes, 27 de abril de 2012

BOAS NOVAS DENDE SAN SADURNIÑO, 2 DE 2:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CN SABADELL
(25, 17, 25-23, 13-25, 25-15)-(Playoff de ascenso á liga FEV)
Traballada vitoria do Náutico ante CN Sabadell
Segunda vitoria do primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol nesta fase de ascenso á liga FEV masculina superando ó combativo subcampión do grupo B, o C.N. Sabadell. Unha vez máis o servicio boirense marcou as diferencias no Municipal de San Sadurniño. As excelentes xeiras do colocador Iván Souto, do oposto Narciso Abalo e do receptor Cristóbal Álvarez poñían en disposición ó Náutico de anotarse o primeiro parcial con solvencia e cunhas sensacións moi boas de cara o resto do encontro. Durante o segundo parcial o C.N. Sabadell mellorou moito o seu nivel de recepción, o que mantivo operativos ós seus potentes centrais poñendo en apretos o complexo bloqueo-defensa dos nosos. A igualdade mantívose ata os últimos puntos, onde a vitoria parcial chegaba gracias a unha contundente acción en bloqueo da dupla  Emilio Palacio e Narciso Abalo. No terceiro a intensidade dos barbanzanos viuse afectada. Os xogadores cataláns sufrían un punto de inflexión motivado polo baixón do Náutico e de contado conseguían distanciarse no luminoso. A pesares dunha última intentona de remontada, non era posible xa que a renda era demasiado ampla. No cuarto set as sensacións iniciais volvían. Solidez en contraataque gracias a un potente servicio, máxima eficacia en ataque de Emilio Palacio no posto de central e intensidade defensiva traducíanse na vitoria dos nosos para seguir invictos na competición.

DEBUT CON VITORIA NA FASE DE ASCENSO A LIGA FEV:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 AD VOLEIBOL ALMENDRALEJO
(25-22, 25-20, 23-25, 25-17)-(Playoff de ascenso a liga FEV)
O Náutico doblega ó campión do grupo B
Comeza con vitoria a andaina do noso primeiro equipo masculino neste playoff de ascenso á liga FEV nacional ante o campión do grupo C da 1ª división, a AD Voleibol Almendralejo. Dende o comezo o potente servicio boirense condicionaba a recepción almendralejense e permitía un correcto posicionamento da defensa barbanzana. Esta situación traducíase en dominio do Náutico no luminoso a base da culminación de puntos en contraataque. Así foi a historia das dúas primeiras mangas, pechadas ó noso favor e onde se viu unha intensidade óptima por parte dos rapaces de Emilio Palacio. No terceiro os nosos baixaron unha marcha, permitindo ó contrario obter unha renda que parecía insalvable, pero que non o era. Tras un tempo morto, os nosos conxurábanse para remontar unha situación parcial adversa (15-8) e quedaron ás portas de conseguilo. Tras conseguir igualar o set a 23, dous erros condeaban ó Náutico e poñían no tanteador xeral o 2-1. No cuarto o equipo recuperaba o espíritu combativo e comezou de novo a xogar con personalidade. De contado se disparaban no marcador e conseguían anotarse o sempre complicado debut nunha competición deste estilo e na que existe un nivel tan parexo entre os equipos participantes. Agora toca recuperar forzas e a partires das 16:30h medirse ó CN Sabadell.

martes, 24 de abril de 2012

¿AÍNDA NON RESERVACHES A TÚA PRAZA NO AUTOCAR DA FASE DE ASCENSO?

Xa falta pouco. O Náutico Boiro Voleibol ultima preparativos e sácalle punta ós derradeiros detalles antes de partir cara a competición para a que leva traballando moi duro toda a tempada, a fase de ascenso á liga FEV que comeza o vindeiro venres 27 e na que competirán toda a fin de semana os mellores equipos de España desta 1ª División Nacional masculina. Se queres alentalos na xornada do sábado recorda que o Boiro Voleibol obséquiate cun autocar que viaxará a San Sadurniño con cantos máis siareiros mellor. Para máis información ponte en contacto con Emilio no 687235416 e reserva a túa praza para poder así, disfrutar do teu equipo nesta cita histórica para o club. Ánimo, non pode faltar ninguén!

lunes, 23 de abril de 2012

RESULTADOS DO 21 E 22 DE ABRIL:

O SECRETO BOIRO VB. 3-2 VOLEYOURENSE.ES
(25-14, 25-20, 10-25, 19-25, 15-7)-(1ª fase da Copa Xunta de Galicia Feminina)
O Secreto salva, no tie-break, un encontro tolo
Vitoria pola mínima do primeiro equipo feminino nesta 1ª fase da Copa Xunta de Galicia ante o Voleyourense.es para seguir adiante nesta competición. Foi un encontro raro, marcado polos altibaixos de ámbolos dous equipos e onde o preparador local, Narciso Abalo, probou diversas variacións no esquema de O Secreto dando entrada a xogadoras novas como Sheila Outeiral no posto de líbero ou Alejandra Galbán como central. O menor número de erros non forzados daban a vitoria ás nosas nos dous primeiros sets. A partires deste momento a situación daba un xiro inesperado de 180º para situar o empate no luminoso. As ourensás aproveitábanse do desconcerto local no 3º e 4º set, onde a deficiente recepción condeaba ás boirenses a decidir o futuro do equipo na Copa no tie-break. Chegado a este momento as xogadoras veteranas tomaron a iniciativa para tentar non pasar apuros a final de set e así foi. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Sandra Lojo, Carla Castro, Alejandra Galbán, Katy Sampedro, María Triñanes, Rebeca González e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Sara Bugallo, Ana Bugallo, Melissa Novoa e Elena García.

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB. 3-0 VOLEIBOL DUMBRÍA
(25-14, 27-25, 25-16)-(Promoción á Liga Galega Cadete Feminina)
As cadetes dan un importante paso de cara o ascenso
Vitoria en tres sets das rapazas que dirixe Emilio Palacio neste encontro de ida da promoción de ascenso á liga galega cadete feminina. A pesar da dificultade que, a priori, tiña o encontro polo feito de medirse a un equipo que competía ata agora na liga autonómica as nosas mostraron un xogo sen fisuras e con constancia durante todo o encontro. Unha vez máis o eficaz servicio do Ingeniería Trazos facía dano na recepción do equipo rival que tan só no 2º parcial podía poñer en apretos ás locais da man do ataque dunha das súas receptoras. O resto do encontro foi un monólogo boirense. A incomodidade das visitantes na construcción facía que a defensa local se posicionara con solvencia para dar opcións de contraataque ás xogadoras de banda boirenses. Cabe destacar tamén a aportación das centrais Alejandra Galbán e Antía Sampedro que semana tras semana melloran o seu rendemento para ledicia das súas compañeiras e dos siareiros da Cachada. Deste xeito consigue o noso equipo cadete feminino unha importante renda de cara o partido de volta no que, a pesares de non escapar da vitoria, un set sería válido para a clasificación. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Antía Sampedro, Alejandra Galbán, Ana Bugallo, Melissa Novoa e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Lea Gatbache, Isabel Gómez e Sandra Fernández