luns, 21 de marzo de 2016

O NÁUTICO CAE EN VIGO. CRÓNICAS DA XORNADA:

CALASANCIAS CORUÑA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 9-25, 11-25) - (1ª Div. Aut. Cad. Masc./2ª Fase, Grupo A)
Os cadetes seguen sen coñecer a derrota
Novo triunfo do JEALSA Boiro Voleibol que, nesta tempada 2015/2016, segue sen coñecer a derrota. Dende logo, os de Adrián Alves son os claros dominadores da 1ª División Autonómica Cadete Masculina. O do pasado sábado foi un encontro típico, habitual para os nosos cadetes. Dende o comezo do partido, a presión dende a liña dos 9 metros convertíase na principal baza dos visitantes, que combinando orde, constancia e acerto non pasaban apuros para levar o primeiro parcial por un cómodo 15-25. Os dous sets seguintes foron de idéntica dinámica. O Calasancias Coruña defendía con intensidade, pero non era suficiente para deter as acometidas dun JEALSA cada vez máis dominador. Con un panorama coma o presentado, os locais pouco poideron facer para arrebatar aos boirenses a súa vixésima vitoria da temapada. Deste xeito, o 0-3 conseguido en A Coruña sitúa ao JEALSA Boiro Voleibol na segunda praza do Grupo A desta 2ª Fase, a un punto do Club Vigo Voleibol, cun partido máis. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Borja S., Daniel O., Christopher R., Juan O., Álex V. e Darío O. Como reservas actuaron: Mauro M. e Sergio C.

ZALAETA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-18, 25-11, 25-16) - (1ª Div. Aut. Xuv. Fem./2ª Fase, Grupo A)
  
JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 MANUELA RIAL MOUZO
(16-25, 18-25, 14-25) - (1ª Div. Aut. Inf. Masc./2ª Fase, Grupo B)
3ª Derrota do JEALSA na 2ª Fase
Contundente derrota do JEALSA Boiro Voleibol nesta 2ª Fase da 1ª División Autonómica Infantil Masculina contra o Manuela Rial Mouzo de Dumbría. Dende o comezo do encontro, os visitantes fixeron valer a súa superioridade física, materializada nun potente servizo que inutilizaba as opcións de reconstrucción óptima do JEALSA. Desta forma, os Adrián Alves víanse na obriga de xogar ao límite tanto en saque como en ataque, coas consecuencias que isto pode supoñer. O acerto baixa, pois os riscos son maiores.  Deste xeito, a pesar do bo xogo e intensidade, o Manuela Rial Mouzo non pasou apuros para levar o encontro pola vía rápida. A diferenza de altura, dende logo, foi unha particularidade demasiado determinante para os nosos. Aínda así, os progresos fanse notar a todos os niveis. Este equipo dará moito que falar. Con este resultado, o JEALSA Boiro Voleibol mantense na última posición do Grupo B desta 2ª Fase, empatado co Calasancias Coruña pero cun partido máis. Polo JEALSA xogaron: Daniel V., Jaime A., Alan D., Alberto T., Roi M. e Carlos G. Como suplentes actuaron: Carlos L., Manuel L., Jesús O., Juan Q. e Tomás R. 

CLUB VIGO VOLEIBOL 3-1 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-18, 19-25, 25-23, 27-25) - (Superliga Masculina 2)
O Náutico non pode co Vigo Voleibol
Dura derrota da nosa primeira sección masculina no encontro que os enfrontaba ao noveno clasificado da competición: o Club Vigo Voleibol. Por segunda e última vez na tempada, olívicos e boirenses medían as súas forzas na antepenúltima xornada da Superliga Masculina 2. Como era previsible, intensidade e rivalidade convertéronse nas máximas dun guión que todos coñecemos, propio dun derbi destas características e suxeito a poucas alteracións. Dende un primeiro momento, os locais demostraron unha maior necesidade de vitoria, pois de conseguila garantizaban a súa permanencia na categoría de prata do voleibol nacional. Así pois, atinados en ataque (52% de acerto) e moi serios en defensa, os de Suso Penedo non tardaban en adquirir unha cómoda vantaxe de 16-10, insalbable para un Náutico atenazado e profundamente errático. O primeiro set quedaba en Vigo. No segundo parcial invertíanse as tornas, agora eran os boirenses os que dominaban tódolos aspectos do xogo e coa colaboración dun atroz servizo visitante, apenas pasaban apuros para igualar a contenda.  Co 1-1 no luminoso, o partido mudou. Xa non había un dominador claro, todo era incertidume e igualdade. Os dous sets finais seguirían un mesmo patrón, unha tendencia similar que ningún equipo podería mudar. Deste xeito, cada conxunto vertería a responsabilidade sobre os seus xogadores clave. Gabriel Del Carmen (16 puntos, 37% de efectividade) polo Náutico e Nathan Matos (22 puntos, 48% de acerto) polo Vigo Voleibol erixíanse como a clave do encontro, como os referentes en dous sets tremendamente parellos. No terceiro, o intercambio de puntos favorecería aos vigueses, situando o 2-1 no marcador. Con esta vantaxe local, chégabase ao parcial de maior igualdade. Os de Emilio Palacio reaccionaban e non tardaban en facerse cunha suxerente vantaxe de 7-11. Mais Vigo espertaba de novo. Nun abrir e pechar de ollos o tanteador reflectía un preocupante 21-17, unha diferenza en moitos casos definitiva. Pero non foi así. Con traballo e intensidade, os boirenses recuperáronse chegando ao 23-24. O tie-break estaba cada véz máis preto. Sen embargo, o apetito de manter a categoría propiciaba un último impulso gañador ao Club Vigo Voleibol, que cun bloqueo directo pechaba o encontro por 3-1. Con este resultado, o Náutico Boiro Voleibol mantén a 7ª praza na clasificación, a 5 puntos dos tinerfeños de Playas del Médano. Polo Náutico xogaron: Iván S., Jesús V., Cristóbal A., Gabriel Del C., Mario I., Germán R. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban: Ismael M., Xián P., Manuel P., Christopher R. e Fran D.
 


BLACK VOLEY VIGO CAFETERÍA ESQUINA 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-15, 25-27, 22-25, 16-25) - (2ª Div. Aut. Sén. Fem./2ª Fas.,Grupo A)


CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A. - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(Por determinar) - (1ª Div. Aut. Cad. Fem./2ª Fase, Grupo B)

Ningún comentario: