domingo, 24 de novembro de 2013

CÓNICAS DE SAN SADURNIÑO, SANTIAGO E OURENSE (23-24 DE NOVEMBRO):

INTASA SAN SADURNIÑO 2-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(25-21, 16-25, 25-17, 24-26, 11-15)-(Superliga 2 Masculina)

O Náutico supera as baixas e volve coa vitoria de San Sadurniño
A terceira xa está aquí. Nunha cancha sempre complicada como é o xélido Polideportivo Municipal de San Sadurniño, ante un equipo impaciente por conseguir a súa primeira vitoria do ano e con imprevistos tan importantes como as baixas de última hora do colocador Iván Souto e do receptor Manuel Pérez conseguían os boirenses volver coa vitoria a terras  barbanzás, sumando deste xeito o seu terceiro triunfo na categoría de prata do volei español. O encontro comezaba co Náutico atinado, mandando no primeiro tempo técnico por 3-8 e mostrando unha gran fluidez na súa construcción. O servicio de Narciso Abalo e os erros locais por toque de rede permitían que o Náutico arrancase o choque dominando claramente o xogo. A partires de aquí os nosos perderon chispa. Os locais puntuaban con maior puntualidade mentres os de Emilio Palacio cometían erros que os afogaban no luminoso. O 1-0 era inevitable. No segundo parcial as cousas volveron a cambiar. A intensidade no bloqueo-defensa dos de Emilio Palacio colleron o timón do encontro e empataron o choque. No terceiro set os locais mostraron a súa mellor versión. O ex Boiro Voleibol Pablo Suárez e o seu compañeiro no medio da rede ferrolana Juan Montero desetabilizaban á defensa de segunda liña do Náutico, que pouco podería facer para ver como o Intasa se levaba a manga con suma claridade. Cun desfavorable 2-1 e mentalmente tocados pola maneira na que se perdera o 3º os boirenses saltaban á cancha cun baixón anímico considerable. Deste xeito os de Eloy Mahía tomaban distancias no 4º no que parecía ser xa o desenlace do encontro. Unha vez máis co Náutico en pista, o que parece ser non é. Como en datas pasadas a casta branquiazul saíu unha vez máis a relucir para remontar un 20-14 en contra cun Cristóbal Álvarez extraordinario dende a liña de saque. Un bloqueo directo de Narciso Abalo poñería por primeira vez no parcial as táboas no tanteador que finalmente se decantaría de lado do Náutico gracias un ataque de mans-fóra de Miguel Vázquez. No tie-break só houbo un equipo. O Náutico aproveitou a inercia dos momentos precedentes e pechou o encontro cunha gran dirección do colocador xuvenil Ismael Martínez. Consulta aquí a estadística do encontro. Polo Náutico xogaron: Ismael M., Narciso A., Cristóbal Á., Miguel V., Mario I., Emilio P. e Adrián A. (líbero). Como reservas ficaban Daniel V., Jesús V., Antón P., Gustavo R. e Xian P.

INTASA SAN SADURNIÑO B 3-0 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 28-26, 25-22)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

Triple bloqueo do Redesyl en San Sadurniño
Derrota do filial masculino ante un equipo cun poderío ofensivo moi superior á media da 2ª Autonómica. Foi un choque igualado, que se decidiu nos tramos finais de cada set e no que os nosos competiron de igual a igual ante un dos mellores equipos da categoría. Foi no transcurso do 2º parcial cando o Redesyl mostrou a súa mellor versión manténdose 3-4 puntos por diante ata chegar a vintena. Cun gran Adrián Gatbache no posto de receptor conseguiron os boirenses molestar  a un cadro cuns xogadores que a posteriori formarían tamén no equipo local da Superliga 2. Despois deste tropezo os nosos ocupan a 7ª praza da 2ª División igualados a 6 puntos cos amigos do Burgas Volei de Ourense. O vindeiro sábado 30 agárdanos un interesante derbi rexional que levará á Cachada ós veciños rianxeiros do Mexillón de Ouro. Polo Redesyl xogaron: Daniel V., Diego R., Adrián A., Adrián G., Lois V., Fran D. e Felipe R. (líbero). Tamén xogaron Andrés M., Pablo R., Xian P., Juan O. e Óscar R.

DOMPA GESTIÓN 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(14-25, 12-25, 13-25)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

As senior regresan á senda da vitoria
A baixa de Rebeca González non impediu a cómoda vitoria do noso primeiro equipo feminino en terras ourensás nun encontro dominado de principio a fin, sen demasiados erros e mantendo un nivel de xogo constante ó longo dos tres sets. Non cabe dúbida que o servicio do JEALSA foi unha das chaves da vitoria e a mellor arma das boirenses. A presión que as branquiazuis exerceron dende a liña dos 9 metros foi enorme e decisiva, superando claramente á recepción local e permitíndolle ás de Mario Iglesias desplegar unha defensa efectiva e ordeada para ter oportunidades claras de contraataque. Cabe destacar o regreso de Alejandra Mato ás pistas trala súa lesión de nocello e, por suposto, o debut da colocadora cadete Lea Gatbache que se puxo ós mandos do JEALSA no último tramo do encontro cunha actuación máis que acertada. Polas nosas xogaron: Carla O., Mariana D., María T., Andrea B., Cristina F., Alejandra M. e Verónica C. (líbero). Tamén xogaron Ana B., Sheila P. e Lea G.

SAN SADURNIÑO 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(7-25, 14-25, 11-25)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Os xuvenís, líderes da liga galega
Triunfo en tres sets que lles permite ós rapaces da canteira do Boiro Voleibol seguir no máis alto da LGXM, contando no seu haber con 5 vitorias consecutivas e tan só un set en contra no que vai de fase regular.  Foi un partido moi serio dos nosos, no que a recepción funcionou á perfección e o ataque boirense superou en todo momento á defensa local. Os centrais Lois Vázquez e Óscar Refojo fixaron o bloqueo local para que os seus compañeiros atacantes de banda fixeran un partido moi completo ofensivamente falando. Adrián Gatbache, Fran Dieste e Xian Pérez foron un pesadelo para os ferrolanos, que vían como unha e outra vez eran superados por un JEALSA con fame de voleibol. A vindeira semana toca descanso, e no horizonte está o complicadísimo encontro ante o EMEVÉ de Lugo, claro termómetro para medir ata onde poden chegar os de Adrián Alves. Polo JEALSA xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Xian Pérez, Adrián G., Lois V., Óscar R. e Daniel O. (líbero)

CV SANTIAGO 3-2 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(19-25, 25-17, 20-25, 25-21, 15-11)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

As xuvenís caen no 5º en Santiago
Derrota das xuvenís na Liga Galega ante un equipo que se sitúa tan só un punto por debaixo das de Mario Iglesias na táboa clasificatora. O arranque do choque era esperanzador pero foi no segundo set cando se puideron ver os principais causantes da derrota, os erros non forzados. Ós erros de saque ataque uníanse dúas faltas de posición que imposibilitaban a reacción boirense. No terceiro o JEALSA experimentou unha leve melloría e, apoiado nunha inspirada Alejandra Galbán, conseguía poñerse por diante no tanteador. A dinámica positiva persistía no arranque do 4º, no que as nosas chegaron a disfrutar dunha renda de ata 8 puntos. As de Santiago agardaron o seu momento e aproveitáronse dos fallos visitantes para levar o partido ó desempate. No epílogo a igualdade foi a constante pero as imprecisións branquiazuis propiciaban a derrota. Xogaron polo JEALSA: Sara B., Katy, Sara C., Isa G., Antía S., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Tamén xogou Nuria R.

SAN SADURNIÑO 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(18-25, 16-25, 25-12, 22-25)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Os cadetes vencen e escalan á 4ª praza da LGCM
Para non ser menos que o Náutico, os cativos tamén voltaron coa súa particular 3ª vitoria, neste caso na LGCM na que se colocan en 4ª posición. Cun equipo formado prácticamente na súa totalidade por xogadores en idade infantil saltaron os de Adrián Alves a un frío Municipal de San Sadurniño para medirse a un equipo físicamente superior. A orde defensiva e o tino en servicio de Rubén Martínez outorgaba ós branquiazuis a oportunidade de dominar os dous primeiros parciais. No 3º o preparador do JEALSA dou entrada ós xogadores máis inexpertos. Os de San Sadurniño aproveitaron a incerteza visitante para recurtar distancias. A dinámica persistía no inicio do 4º. Os boirenses, paralizados polo frío, tan só puideron despegarse do seu rival a partires da vintena de puntos onde Pablo Nieto desequilibrou a balanza a base de ataques que tocaban o firme do campo contrario. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Pablo N., Daniel O., Christopher R. e Gabriel S. Tamén xogaron Antón V., Manu T., Borja S. e Álex V.

DOMPA GESTIÓN 2-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(22-25, 23-25, 25-16, 25-17, 13-15)-(Liga Galega Cadete Feminina)

Acertada actuación de Lea na vitoria das cadetes
Vitoria axustada a colleitada polas cadetes na pista dun rival directo na pelexa pola permanencia na LGCF. A igualdade foi máxima nos dous primeiros sets. Tan só o saber facer de Lea Gatbache e Ana Bugallo dende a liña de saque rompían a monotonía duns compases marcados polo equilibrio no xogo. A réplica do Dompa non se faría esperar. Guiadas por unha colocadora que xestionaba dun xeito excelente o caudal ofensivo das súas conseguiron as ourensás voltear o tanteador e empatar un encontro que se lles puxera moi costa arriba. Os erros das nosas foron un lastre demasiado pesado e levaron a contenda ó desempate. No epílogo a pantasma dos erros cambiou de bando, instalándose agora no xogo das locais que viron como un encontro que tiñan controlado se lles escapaba e permitindo ás boirenses empatarlles na táboa clasificatoria. Polo JEALSA xogaron: Lea G., Paula V., Ana B., Sara T., Laura P., Lía V. E Irea T. (líbero) Tamén xogaron Ada V., Marta S., Laura O. e Laura S.

ESCOLA DOMPA GESTIÓN 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(19-25, 17-25, 28-26, 11-25)-(Liga Galega Infantil Feminina)

As infantís regresan de Ourense coa 2ª vitoria do ano
Triunfo das infantís a domicilio ante un equipo que presentou 6 xogadoras moi inexpertas. O servicio boirense danaba gravemente a recepción local cortando calquer avance por conseguir puntos. Paula e Irea eran as canoneiras boirenses nestas tarefas. Esta situación ocasionaba que as de Emilio Palacio levasen a bo porto unha gran cantidade de balóns fáciles entregados polo Dompa. Na terceira manga as locais melloraron a pesar de que o servicio de Paula Vázquez era un auténtico pesadelo e o set caeu de lado local para recurtar distancias. No 4º as nosas recuperaron as sensacións e pecharon de xeito cómodo un encontro que significaba a segunda vitoria da temporada para un equipo que segue a collerlle o pulso a esta LGIF. Polo JEALSA xogaron: Paula V., Ada V., Lía V., Laura O., Irea T. e Marta S. Como reservas estaban Marta C., Sara T., Laura L. e Luciana V.

4 comentarios:

Narciso dixo...

San Petersburgo. Que frío!!!!!

Narciso dixo...

Naji Adrián Gatbache Outeiral pasando os codos!!!!!

O que fai a fame xddddd

Adrián Alves dixo...

Aleksandar AtaNAJIsevic!!!

Gran reacción equipo. A pesar de que non se xogou dun xeito brillante gañouse, e nun campo tan complicado é moito dicir (Que frío!)

Felicidades a tódolos equipos que conseguiron a vitoria e aos que non, a traballar. Os resultados chegaran inevitablemente.

Os meus candidatos para o #7idealBoiroVoleibol desta semana son:

- Cristóbal Álvarez (Superliga 2)
- Naji (2ª Div. Masculina)

FORZA BOIRO VB!!!

Narciso dixo...

Aleksandar......moita inspiración hubo na fin de semana.

Eu propoño para o #7idealBoiroVoleibol a Refojo.Non puiden ver o partido, pero circula un rumor, case unha lenda.....