FISIOTERAPIA CINESIA NOIA 3-2 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-20, 18-25, 14-25, 25-15, 15-8)-(2ª Div. Autonómica Masculina)
O bloqueo boirense vestíu as súas mellores galas no derbi |
Unha vez máis o derbi da 2ª Autonómica entre noieses e boirenses non defraudou ofrecendo un gran espectáculo ós numerosos espectadores que se achegaron ata o Alonso Rodríguez. O encontro comezaba co Redesyl frío, apagado. Os de Agustín Mourís distanciábanse no luminoso froito das imprecisións en recepción dos de Adrián Alves que dificultaban seriamente a construcción do seu xogo ofensivo. Foi pasado o ecuador do primeiro set cando os branquiazuis comezaron a engranar a súa maquinaria e a convertirse nun equipo competitivo. A reacción sería insuficiente e os locais adiantaríanse por 25-20 nun final de set no que ambos equipos mostraban as súas cartas. No 2º as tornas cambiaron dende o primeiro momento. Cunha gran xeira de saques na rotación inicial do colocador Ismael Martínez o Redesyl conseguiría unha renda que xa non ía perder en toda a manga. Froito da melloría dende os 9 metros o bloqueo do filial boirense comezou a mostrarse máis incisivo tendo como resultado o empate no tanteador xeral do encontro. Na reanudación o Redesyl mantiña o mando. A contundencia en bloqueo permitíalles ós nosos gañar nesta faceta un bo puñado de puntos e a aparición extraordinaria en ataque de Xian Pérez facía deste 3º set un monólogo dos boirenses. A partires de aquí este Redesyl xa non volvería. A falta de fame e un baixón físico considerable convertían ós nosos nun equipo previsible, demasiado hándicap para enfrontarse ó campión da categoría que non tremeu para remontar e quedarse cos dous puntos que outorga a vitoria nun tie-break. Polo Redesyl formaban de inicio Ismael M., Xian P., Fran D., Félix R., Pablo N., Adrián G. e Christopher R. (líbero). Como reservas estaban Rubén M., Daniel O., Dani G., Darío O. e Marcos A.
FISIOTERAPIA CINESIA NOIA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(19-25, 22-25, 16-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)
Vitoria das xuvenís en Noia |
O derbi rexional da Liga Galega Xuvenil Feminina vense para Boiro trala vitoria do JEALSA en Noia por 0 sets a 3. A colocadora cadete Lea G. suplía a sensible baixa de Sara Bugallo nun encontro no que as de Andrés Martínez golpeaban primeiro froito da certeza co saque e as imprecisións do equipo local. Neste xogo as tímidas xogadas de ataque locais eran sempre contrarrestadas pola defensa boirense que delegaban en Laura P., Alejandra M. e Melissa N. toda a responsabilidade ofensiva. O nivel da nosa recepción caería en picado no segundo parcial e as locais tomarían vantaxe na primeira metade dunha manga que remataría cun final apretado. No terceiro o JEALSA dominou de cabo a rabo o xogo no Alonso Rodríguez, pechando cunha vitoria o derradeiro partido do ano. O JEALSA saía de inicio con Lea G., Laura P., Alejandra G., Melissa N., Laura O., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Paula V. e Irea T.
VOLEIBOL DUMBRÍA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(7-25, 19-25, 10-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)
As cadetes rematan a liga en 5ª posición |
Boa despedida de temporada para o JEALSA cadete feminino que dirixe Emilio Palacio cunha vitoria en tres sets na súa visita ó Municipal de Dumbría. As locais, condicionadas polas múltiples baixas que padecían, pouco podían facer ante un JEALSA que apenas cometeu erros. O servicio das boirenses danaba gravemente a liña de recepción dumbriense, obrigando ás da Costa da Morte a entregar moitos balóns fáciles a campo branquiazul. A labor do contraataque por parte das nosas foi brillante e non rexeitaron as oportunidades que lles brindaban as locais. Tan só en tramos do segundo se puido ver un encontro igualado como consecuencia das imprecisións das nosas dende os 9 metros, todo o demais foi un monólogo das barbancesas. O JEALSA formaba de inicio con Lea G., Laura P., Laura L., Luciana V., Paula V., Alejandra M. e Irea T. (líbero). Como reservas estaban Marta S., Verónica P., Lía V. e Ada V.
Ningún comentario:
Publicar un comentario