NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CLUB VIGO VOLEIBOL
(25-22, 25-23, 25-27, 25-16)-(Superliga 2 Masculina)
O Náutico regálalle o derbi á súa afección |
O derbi queda na Cachada. O primeiro equipo do Boiro Voleibol suma 3 novos puntos tras desfacerse por 3-1 do seu inmediato perseguidor na táboa clasificatoria da SM-2, o Club Vigo Voleibol. O encontro comezaba co Náutico máis atinado. A presión que os de Emilio Palacio exercían desde a liña de saque dificultaba a construcción do conxunto visitante por parte do seu colocador Óscar Sánchez. Deste xeito se chegaba ó primeiro tempo técnico do encontro cos boirenses mandando por 8-4. Chegada a decea de puntos os olívicos reaccionaron da man do seu oposto Carlos Galego, máximo anotador do encontro con 22 dianas. Foi no tramo final da manga cando os nosos pasaron dun 20-20 a un 23-20 e conseguían pechar o primeiro cun saque directo de Juan Díaz-Romeral. No segundo a tónica seguía a ser a mesma. O Náutico golpeaba primeiro e de novo volvía a ser o servicio a súa mellor arma. As rotacións de Iván Souto e sobre todo Gabriel del Carmen disparaban a un 6-1 o tanteador na parte inicial do set. A iniciativa no xogo neste parcial levouna constantemente o cadro boirense que, tras un favorable 21-16, vía como os de Manu Rodríguez igualaban o xogo a 21 froito do seu saber facer no bloqueo-defensa e as constantes imprecisións dos locais. Con balón de set para o Náutico (24-23) os vigueses fixeron un troco de xogador ao saque tentando desestabilizar a recepción branquiazul. O noiés Manuel Pérez recolleu o testigo do central Pablo Alonso e o seu envío foi directamente á rede para colocar o 2-0 no tanteador xeral. Tras esta vitoria parcial un baixón no nivel de xogo dos boirenses coincidía en tempo cos mellores momentos do Club Vigo. Os atacantes de banda vermellos, en especial Carlos Galego e Nathan Matos, conseguían agora superar o entramado defensivo proposto por Emilio Palacio para chegar a desfrutar de ata 4 oportunidades de pechar o set e recurtar distancias (20-24). Foi neste momento cando a entrada de Fran Dieste á liña de saque e o tino de Borja Vilas en bloqueo lle outorgaban ós boirenses a posibilidade de pechar o encontro en 3 sets. Tras facer o máis difícil e igualar o luminoso a 24 puntos un ace de Carlos Galego cun saque que caía do ceo remataba coas opcións de remontada locais. A partires de aquí só houbo un equipo sobre a cancha. Os nosos volveron a confiar na presión co saque, faceta que sumada ó tino ofensivo de Díaz-Romeral e Cristóbal Álvarez sería suficiente como para pechar o 4º e último con un contundente 25-16 que poñía a salvo os 3 puntos en xogo. Consulta a estadística do encontro aquí. Polo Náutico xogaron de inicio Iván Souto, Juan Díaz-Romeral, Cristóbal Álvarez, Gabriel del Carmen, Borja Vilas, Germán Romero e Adrián Alves (líbero). Como suplentes estaban Ismael Martínez, Narciso Abalo, Manuel Pérez, Adrián Gatbache e Fran Dieste.
CVP GÓMEZ LOR MULTIÓPTICAS 2-3 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 23-25, 25-20, 26-28, 7-15)-(2ª Div. Autonómica Masculina)
Félix Romero e Daniel Vázquez en A Xunqueira |
Partido tolo o vivido na tarde de sábado en terras pontevedresas onde ámbolos dous equipos alternaron momentos de bo xogo con outros de constantes imprecisións. O Redesyl presentábase en Xunqueira con múltiples e importantes baixas. Borja Vilas, Adrián Gatbache, Ismael Martínez e Fran Dieste estaban convocados co primeiro equipo e Felipe Resúa e Xavier Sarille son baixa definitiva no noso filial masculino. Os locais golpeaban primeiro gracias ó seu poderío no ataque polo medio. Inmediatamente os nosos contestaban gracias á aportación ofensiva de Lois Vázquez e Xian Pérez. Copias exactas destes dous sets levaban o encontro a un tie-break dominado de cabo a rabo polos do Barbanza, que chegaban ó cambio de campo cun favorable 2-8 gracias ó saque de Daniel Vázquez. Polo Redesyl xogaban Daniel V., Xian P., Lois V., Diego R., Félix R., Óscar R. e Marcos A. (líbero). Tamén xogaron Dani G. e Juan O.
CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A. 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-15, 25-19, 25-12)-(2ª Div. Autonómica Feminina)
O saque do CVP castiga ó JEALSA |
Derrota do noso primeiro equipo feminino na casa do segundo clasificado desta 2ª División Autonómica. Foi un encontro marcado claramente polo tino do servicio local e pola contundencia no ataque das súas centrais. Só nos primeiros compases do segundo set, onde María Triñanes, Mariana Díaz e Melissa Novoa conseguían facer dubidar por primeira vez ás locais, semellaba que as nosas poderían ser competitivas. Desactivadas ofensivamente pola incapacidade para surtir de balóns cómodos ás súas colocadoras vían as boirenses como o CVP controlaba con comodidade ás atacantes do JEALSA. Sin máis historia os dous puntos quedaban de xeito merecido na cidade do Lérez. No JEALSA formaban de inicio Laura M., Mariana D., María T., Melissa N., Noelia D., Katy S. e Sheila O. (líbero). Como reservas agardaban o relevo Sara B., Sheila P., Verónica D., Alejandra G. e Xiana R.
CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A. 3-2 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(27-25, 25-18, 27-29, 23-25, 15-9)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)
As xuvenís plantan cara en Pontevedra |
Partido de alta tensión no que as nosas xuvenís non deron o brazo a torcer en ningún momento. Tan só dous erros puntuais privaban ás boirenses de comezar mandando no partido. No segundo set as locais melloraron co seu servicio, factor que maniataba tremendamente o ataque boirense. No 3º as tornas cambiaron. Sara Bugallo e Lía Villar dinamitaban cos seus saques a recepción pontevedresa e as de Andrés Martínez recurtaban distancias. No cuarto as sensacións persistían e a pesar de gañalo set, un inoportuno choque entre Alejandra M. e Sara B a finais do mesmo sería fatal para o desenlace do choque. Chegado o tie-break só houbo un equipo sobre a cancha do CGTD e as nosas viron como os dous puntos quedaban en Pontevedra. Polo JEALSA xogaban de inicio Sara B., Lea G., Alejandra M., Melissa N., Alejandra G., Lía V. e Sheila O. (líbero). Como reserva Paula V. agardaba o seu turno.
NARÓN VOLEA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(8-25, 12-25, 19-25)-(Liga Galega Cadete Masculina)
Pablo Nieto atacando sobre a cobertura de Darío Outeiral |
O JEALSA cadete masculino seguirá no máis alto desta LGCM tras impoñerse en tres sets ó Narón Volea. Foi un encontro frío onde o dano que facían os boirenses desde a liña se saque se traducía en multitude de accións curtas que impedían que calquera dos dous equipos collesen ritmo de xogo. Nos dous primeiros sets os locais limitábanse a entregar balóns fáciles que os nosos convertían en punto de ataque unha e outra vez. Daniel Olveira e Pablo Nieto eran os estiletes dun JEALSA que repartía minutos de xogo entre os seus integrantes. O 3º foi o set máis igualado. Un desconcertado equipo boirense sufría vítima dos seus erros o último arreón local. Tralos axustes realizados cun tanteador que reflectía un 17-17 os nosos melloraron e desequilibraban o set no seu favor. Polo JEALSA xogaban Rubén M., Daniel O., Pablo N., Christopher R., Gabriel S., Álex V. e Darío O. (líbero). Tamén xogaron Sergio C., Álvaro P., Borja S. e Pablo D.
CVP ALIANZA ESPAÑOLA SEGUROS S.A. 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-20, 28-26)-(Liga Galega Cadete Feminina)
A líbero Irea Triñanes nun lance do xogo en Pontevedra |
Paso atrás das cadetes no seu afán por rematar a fase regular da Liga Galega en postos de play-off (1º-4º clasificado) e seguir optando ó cetro autonómico nesta categoría. Os altos e baixos condearon unha semana máis a un equipo, o JEALSA, que pagou moi cara a súa falta de acerto nos momentos decisivos dos sets. Tan só na segunda metade do 2º e 3º set se mostraban competitivas as boirenses pero de novo as imprecisións privaban ás nosas de conseguir o premio final da vitoria e pelexar por 2 puntos que poden ser vitais a finais de tempada. A vindeira semana preséntase unha oportunidade que pode ser a única ante o faroliño vermello da LGCF, o Dompa Gestión ourensán. O JEALSA formaba de inicio con Ada V., Lea G., Luciana V., Lía V., Alejandra M., Paula V. e Irea T. (líbero). No banco de reservas estaban Laura O., Laura L., Verónica P. e Marta S.
CV NARÓN VOLEA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-11, 25-17, 25-12)-(Liga Zonal Infantil Feminina)
As infantís ceden ante o servicio do CV Narón |
Partido sen moita historia o disputado polas nosas infantís no Campo da Serra naronense. A diferencia de experiencia entre os dous equipos quedaba patente dende os primeiros compases do partido onde as locais aproveitaban o seu maior poderío no saque para desarbolar a construcción do JEALSA. As de Emilio Palacio pasaban serios apuros no primeiro toque, factor que limitaba enormemente as súas maniobras ofensivas. O ritmo de saque tampouco se producía con fluidez e os dous puntos da vitoria ficaban inevitablemente en Ferrolterra a pesares dos intentos de Alejandra Triñanes por conseguir puntuar de remate. Moito traballo por diante é o horizonte que se lle presenta ás máis pequenas do Boiro Voleibol en competición oficial, ánimo. Polo JEALSA xogaron de inicio Laura, Alejandra, Uxía, Lidia, Lucía e Cristina. Como reservas agardaban a súa oportunidade Mara, Sara e Priscila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario