domingo, 24 de febreiro de 2013

DÚAS VITORIAS E CATRO TROPEZOS NA VIAXE DOS NOSOS EQUIPOS A TEIS:

XUVENIL TEIS 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(25-12, 25-19, 25-22)-(Liga galega infantil feminina)

O Navales Chicolino segue coa súa adaptación á categoría
Tal e como se resume nos parciais foi un encontro no que as de Andrés Martínez foron de menos a máis ante un complicado rival como sempre son as rapazas do Xuvenil Teis vigués. A indecisión das novas xogadoras do Navales Chicolino en diferentes facetas do xogo como a recepción e a defensa complicaba balóns que aparentemente non entrañaban perigo algún. O servicio rival complicaba moito a tarefa das nosas e tan só co empuxe das veteranas Emma Ordóñez e Lea Gatbache se podía facer dubidar por momentos as aspiracións locais. O equipo segue a traballar duramente para adaptarse o máis rápido posible a un sistema de xogo que lles resulta novidoso e que de seguro que lles dará resultados positivos nesta súa andaina na liga galega. Paciencia, traballo diario e disciplina son os ingredientes desta receita que lles axudará ás nosas a perder ese "medo" a errar. Navales Chicolino: Emma O., Lea G., Ada V., Laura O., Irea T. e Marta S. Tamén xogaron Paula V., Luciana V., Lía V. e Vera.

XUVENIL TEIS 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-18, 25-16, 25-11)-(Liga galega cadete feminina)

As baixas marcan o encontro das cadetes
Complicado encontro o que se lles presentaba ás xogadoras do Ingeniería Trazos Boiro Voleibol que, ás xa sabidas baixas da receptora Ana Bugallo e da líbero Ángela Alves sumábaselle a última hora a da colocadora Claudia Pinaque, lesionada minutos antes no quecemento do encontro xuvenil. Con tan só dúas xogadoras en idade cadete na pista o partido non tivo máis historia que a de ver ata onde podían chegar as nosas xogadoras máis novas. Boas sensacións as que transmitiron as nosas xogadoras infantís que pouco puideron facer ante a gran diferencia de centímetros na rede. Tras este tropezo as cadetes permanecen en plena loita por evitar o descenso de categoría marchando 11ª na táboa clasificatoria igualadas a vitorias co Fisioterapia Cinesia Noia e a tiro de pedra do CV Pontevedra. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Lea G., Emma O., Antía S., Sara L., Irea T. e Paula V. Como reservas agardaba a súa oportunidade Ada V.

XUVENIL TEIS 3-0 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-5, 25-5)-(Liga galega xuvenil feminina)

O Secreto cae en Vigo por 3-0
Contundente derrota do noso equipo xuvenil feminino na súa visita ó PM de Teis para medirse ó 5º clasificado da liga galega. Comezaron o encontro as nosas cun xogo favorecido por un servicio de calidade e por unha boa defensa, factores que levaron o tanteador a un 12-12 no ecuador da manga e permitían ser optimistas co futuro desenlace do encontro. A partires de ahí, a superioridade en ataque das xogadoras locais fixo que se levaran con autoridade o set inicial. De aquí en adiante o encontro só tivo unha cor. Os innumerables erros non forzados das nosas tanto en recepción coma en ataque provocou que o encontro fose un plácido viaxe para o Xuvenil Teis. As de Emilio Palacio e Narciso Abalo marchan na 7ª praza igualadas coas 6ª (Calasancias Coruña), rival co que aínda teñen que disputar o encontro de volta como locais. A vindeira semana a potente Agrupación Deportiva A Pinguela visitará A Cachada. Toca traballar a reo. O Secreto: Sara B., Sheila P., Melissa N., Isa G., Alejandra G., Katy S. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Andrea D., Sara L. e Antía S.

XUVENIL TEIS 2-3 REYCA BOIRO VOLEIBOL
(19-25, 25-16, 20-25, 26-24, 7-15)-(Liga galega infantil masculina)

Os infantís fanse maiores en Vigo
Non por axustada deixa de ser merecida a vitoria do infantil masculino neste encontro que enfrontaba ós de Adrián Alves ó 3º clasificado da liga regular. O encontro comezaba co Reyca moi enchufado. A excelente dirección de Rubén Martínez dende o posto de colocador permitía ós atacantes branquiazuis sumar tantos sin que a defensa rival tivese opción de rescatar balóns. Este feito, sumado á alta porcentaxe en acerto dende a liña de saque permitía poñer a primeira pedra da vitoria por 19-25. Na segunda manga as cousas cambiaron. Os vigueses comezaron a facer tremer a recepción boirense cun potente saque inxectando de previsibilidade cada remate dos nosos que ía parar a brazos contrarios. Non desaproveitou o Xuvenil Teis as súas opcións de contraataque e pechou o set que igualaba o encontro. No 3º e 4º xogo a igualdade foi a máxima protagonista no PM de Teis. Olívicos e barbanzanos intercambiaban xeiras de servicio e grandes accións de bloqueo-defensa para animar a un numeroso xentío que se congregaba nas bancadas. Como non podía ser doutra maneira o servicio regalaría cadanseu parcial a cada equipo e levaría o partido a un desenlace de infarto. Chegados a este punto o Reyca enfundouse o mono de traballo e cunha gran actuación defensiva levaba os dous puntos ó seu casilleiro. No Reyca formaban: Rubén M., Álvaro P., Christopher R., Daniel O., Darío O. e Pablo N. Tamén xogaron Gabriel S., Álex V. e Manuel T.

XUVENIL TEIS 2-3 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 25-23, 28-26, 20-25, 10-15)-(Liga galega xuvenil masculina)

Remontada do Trillizos e ascenso á 3ª praza
Agónico triunfo do Trillizos nun encontro non apto para cardíacos que se tivo que resolver no tie-break. O encontro comezaba cos nosos atenazados vítimas da responsabilidade que cargaban ás súas costas. Só o paso dos puntos lles permitiría ós de Adrián Alves soltar lastre e comezar a xogar, eso si, sin chegar a mostrar a súa mellor versión. O acerto en ataque dos xogadores de banda do Trillizos poñería por diante no luminoso ós nosos no que parecía o estímulo perfecto para rematar coa presión inicial que padeceran. Non foi así e o encontro continuaba con moito sufrimento para os nosos. Vigueses e boirenses turnábanse en tandas de bo xogo, o que auguraba un desenlace moi axustado deste segundo set. Dito e feito, tan só os pequenos detalles decidirían un parcial no que unha pelota que se paseou pola rede e se precipitou directamente ó firme do campo boirense sería chave para o empate do Xuvenil Teis. Co encontro sometido a unha igualdade máxima chegábase á terceira manga. Ésta foi de dominio branquiazul ata mediada a mesma. O bloqueo boirense facía acto de presencia por primeira vez na tarde no PM de Teis presaxiando o que ocorrería minutos máis tarde. Fran Dieste e Alfonso Rey erixíronse nos muros do Trillizos parando con contundencia ós atacantes locais. Máis alá do ecuador da manga o nivel dos nosos caíu e desaproveitando 2 opcións de pechar o set con sendos erros de saque regalaron en bandexa de prata o triunfo parcial ós branquivermellos. Co desfavorable 2-1 a conxura era clara: vaciarse para tentar sacar algo positivo desta visita. O estado anímico do Trillizos mellorou e cunha excelente actuación en bloqueo-defensa á que agora se unían tamén Adrián Outeiral e Lois Vázquez remontaban o encontro e conseguían dous puntos máis que lles permiten colocarse 3º na liga galega igualados a puntos cos 2º (EMEVE). Trillizos: Ismael M., Fran D., Lois V., Alfonso R., Xian P., Adrián O. e Abel S (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Óscar R. e Dani G.

XUVENIL TEIS 3-0 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-14, 25-14, 25-17)-(2ª Div. Autonómica masculina)

O Redesyl cae vítima dos seus erros non forzados
Clara derrota do noso equipo filial masculino nun encontro no que os boirense se desprazaban cara o sur de Galicia coas baixas de xogadores tan importantes como Xavier Sarille e Antón Pérez. O Xuvenil Teis, equipo cunha orde táctica defensiva extraordinaria, non permitíu ós de Adrián Alves atoparse cómodos na pista en ningún momento do choque. Pódese dicir que os tres sets foron cortados por un mesmo patrón. Especial mención merece o pouco tino que mostraron os atacantes do Redesyl en tarefas ofensivas, cometendo numerosos erros que minaban a moral do equipo ó tempo que os vigueses, como tren que circula sereno pola vía, se achegaban cada vez máis a un claro triunfo que non perigou nunca. Tras esta derrota os nosos seguen pechando a clasificación da 2ª división con 4 puntos no seu tanteador e os olívicos afiánzanse na 4ª praza. Polo Redesyl Boiro Voleibol xogaron: Daniel V., Diego R., Miguel L., Dani G., Alén G., Adrián A. e Juan O. (líbero). Tamén xogaron Rubén T. e Óscar R.

3 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Como era de agardar fin de semana moi moi dura para tódolos equipos. Menos mal que o desenlace nos alegrou (un pouco) o día a tod@s.

Nestes momentos tod@s temos que intentar apoiar ás rapazas que están a pasar por un bache. Hai madeira e o tempo daravos a vosa oportunidade. Confiamos en vós a tope, moito ánimo!

Tamén quero aproveitar desde aquí para agradecer e felicitar públicamente a actitude de Dani Vázquez, Óscar Refojo e Dani Gey. Nun encontro tan bonito de xogar apenas desfrutaron de minutos na pista e lonxe de virse abaixo non pararon de animar e regresaron a Boiro coas palmas das mans ben coloradas de tanto aplaudir. É un orgullo adestrar a rapaces coma vós.

P.D.: toda vitoria se convirte en derrota si non é o comezo dunha nova loita. Que ninguén se durma.

¡¡¡FORZA BOIRO VOLEIBOL!!!

Xabier Vázquez Parcero dixo...

Noraboa rapaces!!!! todos nos alegramos dos resultados destes encontros. Adrenalina pura.
Parabéns adestrador, pola constancia e a túa capacidade de transmtir ós xogadores ese bo facer, esa enerxía e esa ilusión que te caracterizan. Digo eu que haberá que ir pensando en mercar un desfribilador para levar aos partidos de seguir así ou que?
As rapazas, a seguir adestrando, moito ánimo e constancia. Todos estamos con vós e confiamos na pronta recuperación deste atranco.
Apertas.

Lois dixo...

Darlle as grazas ao adestrador,que nos motiva en cada partido.