sábado, 16 de febreiro de 2013

RESULTADOS DOS ENCONTROS FEMININOS CONTRA VOLEYOURENSE:

NAVALES CHICOLINO BOIRO VB 0-3 CVO-TITO HEIDELBERG PELUQUEROS A
(12-25, 14-25, 18-25)-(Liga galega infantil feminina)

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 1-3 VOLEYOURENSE
(11-25, 19-25, 25-21, 20-25)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes "roubáronlle" un set ó líder da liga galega
Derrota das cadetes por 1-3 nun encontro no que o líder da categoría (Voleyourense) chegaba á Cachada cunha extraordinaria vagaxe de 16 vitorias en 16 encontros e tan só 8 sets cedidos no que vai de tempada. O servicio das visitantes condicionaba totalmente o encontro no seu arranque. As de Emilio Palacio e Narciso Abalo non conseguían desartellar a efectividade das canoneiras ourensás e vían como de contado o primeiro set se poñía moi costa arriba. Os apuros das boirenses na recepción mermaba considerablemente a súa construcción de ataque e pouco se podía facer para salvar a primeira manga. O segundo xogo continuaba polos mesmos derroteiros. Presión das de Pablo Pérez dende a liña de saque, dificultades na construcción das nosas e tino no contraataque visitante froito dunha traballadísima defensa. Tan só unha xeira en servicio da receptora local Ana Bugallo maquillou un xogo con claro dominio visitante no que unha das súas receptoras e a súa oposta campearon as súas anchas na pista central da Cachada. No terceiro as cousas cambiaron. A efectividade dende os 9 metros viaxou agora a campo boirense para complicar en varias rotacións a saída do ataque do Voleyourense. A igualdade mantívose ata aproximadamente o 20-20 onde un bloqueo directo e unha gran xeira de servicios de Emma Ordóñez permitíalles ás branquiazuis recurtar distancias no tanteador xeral. Con folgos renovados afrontábase un novo set no que semellaba que a sorpresa se podía dar. Foi a partires da metade do mesmo onde as visitantes, facéndose fortes no que mellor saben facer (contraataque), conseguiron unh vantaxe que a posteriori sería definitiva. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Claudia P., Lea G., Ana B., Emma O., Sara L., Antía S. e Ángela A. (líbero). Tamén xogaron Paula V., Irea T., Lía V. e Marta S.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 VOLEYOURENSE
(16-25, 22-25, 16-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

As xuvenís perecen ante o servicio do Voleyourense
Trala dura derrota do pasado luns en terras ourensás ante o Dompa o estado anímico das nosas xuvenís sometíase a un esixente exame no que o 3º clasificado desta liga galega xuvenil feminina desembarcaba na Cachada xogándose parte da súa presencia no play-off da competición autonómica. A ausencia da líbero Sheila Outeiral por decisión técnica foi unha baixa que a recepción branquiazul pagou demasiado cara. O nivel de saque das visitantes era moi uniforme en tódalas súas xogadoras e a concentración da liña de recepción boirense debía ser moi constante si se quería ter opción a pelexar polo encontro. Non foi así e tan pronto o Voleyourense conseguía enlazar varias accións positivas en servicio de xeito consecutivo a moral das de Emilio Palacio e Narciso Abalo caía en picado para minar a súa confianza. Tan só no segundo parcial conseguiron as nosas inquedar ás visitantes. A colocadora Sara Bugallo atopaba a senda da eficacia nas súas atacantes demostrando ás ourensás que o potencial das barbanzanas era moi superior ó que se vira ata o momento. Chegados ó momento quente do parcial os erros no servicio de O Secreto desequilibraría a balanza e situaría a segunda pedra para a vitoria visitante. O terceiro e derradeiro foi un calco do primeiro. Dificultades das nosas para elaborar xogo froito dun saque moi molesto e dominio das da cidade das burgas apoiándose no seu contraataque. Esta derrota deixa ás nosas 6ª na táboa clasificatoria con 26 puntos. Por parte de O Secreto Boiro Voleibol xogaron: SaraB., Emma O., Ana B., Melissa N., Alejandra G. e Katy S. Tamén xogaron Claudia P., Isa G., Andrea D., Sheila P. e Antía S.

Ningún comentario: