sábado, 9 de febreiro de 2013

RESULTADOS DA XORNADA DE ENTROIDO. O NÁUTICO MÁIS LÍDER:

 MANUELA RIAL MOUZO 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VB.
(25-18, 25-18, 25-14)-(Liga galega infantil feminina)

As infantís seguirán traballando para tomarlle o pulso á galega
Derrota por 3-0 das máis pequenas do Boiro Voleibol ante un rival directo que non desaproveitou a inoperancia en servicio do Navales Chicolino para poñer terra de por medio entre ámbolos dous conxuntos na clasificación da competición autonómica feminina. As dificultades que atravesaron as boirenses co seu saque facían imposible que as de Andrés Martínez lograran puntuar máis dunha vez por cada rotación, situación que nun encontro destas idades adoita a traducirse nun resultado adverso. A disposición do Manuela Rial eincaixou á perfección nun encontro feito á súa medida. As locais non desaproveitaron as oportunidades ofrecidas polas nosas e, pelexando con intensidade cada balón, conseguiron deixar na casa os dous puntos dunha vitoria que lles sabe moi ben e que sitúan ás boirenses pechando a táboa igualadas a puntos co Escola Municipal Ourense-Dompa. Polo Navales Chicolino xogaron: Paula, Lea, Marta, Irea, Emma e Lía. Tamén xogaron: Luciana, Ada, Laura, Laura e Vera.

VOLEIBOL DUMBRÍA 0-3 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(17-25, 17-25, 14-25)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes pelexarán por manter a categoría ata o final
Vital triunfo en tres sets das rapazas ás ordes de Emilio Palacio ante un rival directo da parte baixa da clasificación desta liga galega cadete feminina. Coa intención de escapar na medida do posible do descenso de categoría afrontaban as nosas un encontro no que a presión do servicio xogaría, a posteriori, un papel fundamental no resultado do choque. A regularidade de tódalas xogadoras boirenses dende a liña de saque encarrilaría un partido no que as locais non conseguían atopar a maneira de construir o seu xogo. Con esta vitoria o Ingeniería Trazos (11ª) aventaxa ás dumbrienses  na táboa clasificatoria en tres puntos e iguala ó CV Pontevedra e ó Fisioterapia Cinesia Noia (9ª e 10ª respectivamente) con 21 puntos no seu casilleiro. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Claudia Pinaque, Lea Gatbache, Ana Bugallo, Emma Ordóñez, Sara Lojo, Antía Sampedro e Ángela Alves (líbero). Tamén xogaron as infantís Lía Villar e Irea Triñanes.

MANUELA RIAL MOUZO 3-0 REYCA BOIRO VOLEIBOL
(25-21, 25-18, 25-18)-(Liga galega infantil masculina)

Boa actuación do Reyca na casa do líder
Difícil empresa a que afrontaban os de Adrián Alves nesta visita ó actual líder da liga galega. Os boirenses mostraron unha moi boa actuación dominando por momentos o xogo. No arranque do choque o Reyca tomou as rendas apoiándose no atinado ataque dos seus centrais Christopher e Dani e dos seus receptores Darío e Pablo. Tan só o servicio dumbriense puido recuperar para os seus un tanteador que ata o momento dominaban os nosos (3-4 puntos). O segundo e terceiro set foron dúas copias. O Reyca tentaba de facer fronte ó servicio local pero a efectividade nesta faceta do Manuela Rial fixo imposible a reacción boirense. O encontro significou unha experiencia moi positiva para o grupo, plantando cara ó dominador da competición e permitindo ser optimistas en torno ó futuro deste equipo no que case que a totalidade dos seus xogadores son de primeiro ano. O Reyca formaba con: Rubén M., Álvaro P., Darío O., Pablo N., Christopher R. e Daniel O. Tamén xogaron Gabriel S., Álex V., Adrián F. e Manu T.

VOLEIBOL DUMBRÍA 1-3 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 22-25, 25-22, 16-25)-(Liga galega xuvenil masculina)

O Trillizos regresa con dous valiosísimos puntos de Dumbría
Segunda vitoria consecutiva dos rapaces que dirixe Adrián Alves que lles permite seguir pelexando por xogar os play-off. Coas baixas do central Alfonso R. e do receptor Dani S. chegaba o Trillizos a Dumbría coa intención de non perder comba cos equipos da parte alta da táboa. O atenazamento e nerviosismo dos nosos fixo que, por momentos, os dumbrienses ameazasen a integridade do casilleiro boirense. A gran aportación de Xian P., tanto en ataque como en recepcicón, axudou a encamiñar o encontro nos momentos complicados. Cando o Voleibol Dumbría conseguíu recurtar distancias foi realmente cando os nosos mostraron a súa mellor versión. A presión co servicio por parte de Isma e Fran axudou a que a defensa do Trillizos, na que destacou Adrián G., se situara correctamente e abrir así fenda no luminoso gracias a un notable contraataque. Polo Trillizos xogaban: Ismael M., Fran D., Xian P., Adrián G., Óscar R., Lois V. e Abel S. (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Dani G. e o debutante Félix R.

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 COLLADO VILLALBA (Madrid)
(25-18, 25-18, 25-20)-(1ª Div. Nacional masculina)

O bloqueo boirense loce as súas mellores galas
O Náutico aférrase a esta liga e , por terceiro ano consecutivo, clasifícase para a fase de ascenso á Superliga 2 do voleibol español. Nesta tarde de sábado, e diante da súa afección, conseguían os de Emilio Palacio unha traballada vitoria ante un rival cunha notable capacidade atlética para a práctica do voleibol como son os madrileños de Collado Villalba. Un intercambio de accións ofensivas escríbían as primeiras páxinas deste encontro ó que os nosos nunca lle perderon a cara. Os ataques dominaban momentáneamente a unhas defensas que minutos máis tarde serían chaves na vitoria do Náutico neste primeiro parcial. Na rede, a muralla branquiazul poñía a súa derradeira pedra mediado o set e da man de xogadores como Emilio Palacio, Mario Iglesias e Iván Souto, moi atinados en bloqueo, poñían a directa e conseguían premer a tecra do desatenazamento ó que estaban a ser sometidos os nosos no arranque desta "final". A tónica nos sets vindeiros sería moi parecida. A primeira liña de defensa boirense desartellaba ós canoneiros madrileños que buscaban desesperadamente as máns dun bloqueo que desequilibraría a balanza deste choque. No arranque do terceiro o orgullo dos visitantes saíu á luz. Nos primeiros compases semellaba que o set se podía complicar froito da contundencia no ataque dos amarelos de Collado. A batuta de Cristóbal Álvarez dende a liña dos nove metros afinou de novo ós seus compañeiros e colocaron  deste xeito o vixésimocuarto punto no casilleiro desta 1ª Div. Nacional masculina. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Emilio Palacio, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez, Jesús Vázquez, Mario Iglesias e Adrián Alves (líbero). Como reservas agardaban a súa oportunidade Rubén Taibo, Miguel Vázquez, Xavier Sarille, Gustavo Romero e Antón Pérez.

2 comentarios:

Unknown dixo...

GRANDES CHAVALES!! PARA LA PRÓXIMA MÁS Y MEJOR.

Adrián Alves dixo...

Sorry pola tardanza das crónicas infantil e cadete femininas pero o corresponsal en Dumbría anda na ponla! XD

Filloas e orellas para todos!!

¡¡¡FORZA BOIRO VOLEIBOL!!!