domingo, 1 de febreiro de 2015

OS CADETES DÉIXANNOS A ÚNICA VITORIA DESTA FIN DE SEMANA:

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 ZALAETA
(18-25, 20-25, 17-25)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

O bloqueo do JEALSA mellorou ante o Zalaeta
Derrota en tres sets do primeiro equipo feminino ante un durísimo rival que se presentou na Cachada con xogadoras de moita altura e calidade. Malia esto, as nosas plantaron cara en todo momento ofrecendo unha boa imaxe e mostrando valentía case que en tódolos tramos do partido. Unha deficiente recepción dinamitaba as opcións de vitoria parcial no primeiro set. Xa no segundo set esta problema desaparecería e as de Mario Iglesias conseguían unha renda inicial de 8-1 baseando o seu xogo no saque e bloqueo. Pouco a pouco as coruñesas afinaban os seus instrumentos e conseguían chegar ó final do set en condicións de pechalo. Durante a terceira manga as boirenses, conscientes de que debían asumir riscos para poder puntuar, cometeron un maior número de erros non forzados e as herculinas non tremeron para marchar da Cachada cos 3 puntos da vitoria. Consulta neste enlace a clasificación da 2ª División Feminina, onde o JEALSA ocupa tras esta derrota a 6ª praza desta fase regular. Polo JEALSA xogaron: Laura M., Mariana D., Xiana R., Noelia D., María T., Melissa N. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban Sara B., Katy S., Alejandra G., Sheila P. e Paula V.

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 1-3 XIRIAVOLEI
(25-18, 28-30, 18-25, 18-25)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

O Redesyl non consegue competir en momentos importantes
Segunda derrota en menos dun mes do equipo filial ante o Xiriavolei. O encontro comezaba cos de Adrián Alves mandando. Ismael Martínez atopaba as mellores opcións e as aportacións de Pablo Redondo e Xavier Sarille axudaban a tomar a dianteira no choque. O 2ºset sería clave para o desenlace final deste partido. Tras varios puntos de set desperdiciados por ambos equipos o marcador chegaba a un igualado 28-28. Un erro na toma de decisión dos atacantes boirenses e un punto do oposto visitante ocasionaba unha derrota parcial da que os nosos non se recuperaron. Incapaz de afrontar unha situación de tensión o Redesyl baixou exponencialmente o seu nivel e os visitantes leváronse sen atrancos os dous seguintes sets. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Pablo R., Adrián G., Xavier S., Fran D., Borja V. e Felipe R. (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Diego R., Lois V., Juan O. e Félix R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 ZALAETA
(12-25, 13-25, 6-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

A liña de recepción do JEALSA sufriu o saque do Zalaeta
Clara derrota a sufrida polas xuvenís do JEALSA no encontro que as enfrontaba ó líder da Liga Galega. O saque das herculinas botaba por terra calquer intento de construcción branquiazul. Incapaces de seguir o ritmo de puntuación visitante, o JEALSA viuse superado en tódalas facetas do xogo e non fixo perigar en ningún momento do encontro as amplas rendas conseguidas polo Zalaeta. A vindeira semana outro durísimo encontro agarda polas de Andrés Martínez, que se desprazarán ó igual que tódolos equipos de base á cidade das Burgas para medirse ó Voleyourense. Tras este tropezo as nosas quedan 7ª na táboa clasificatoria, a 2 vitorias de postos de play-off. Polo JEALSA xogaron de inicio Sara B., Lea G., Alejandra M., Melissa N., Alejandra G., Laura O. e Sheila O. (líbero). No banco de suplentes atopábanse Paula V., Sara T., Irea T., Marta S. e Ada V.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 SANTA Mª DEL MAR
(25-12, 25-16, 25-8)-(Liga Galega Cadete Masculina)

JEALSA cadete masculino 2014-15
Triunfo en tres sets e menos dunha hora do JEALSA cadete masculino para recuperar a 1ª posición desta fase regular da LGCM. O saque local raiou a gran nivel na mañá do sábado e as rendas acadadas nos inicios de set serían insalvables para os coruñeses. Rubén Martínez dirixía con mestría un equipo que puntuaba con facilidade e non vía perigar en ningún momento as súas amplas vantaxes no luminoso. Pablo Nieto e Daniel Olveira foron os estiletes dun equipo, o cadete, que na mañá seguinte mandaba a 6 dos seus á concentración da selección galega. O próximo partido dos de Adrián Alves será en Ourense, onde agarda o 8º clasificado ligueiro. Polo JEALSA xogaron de inicio Rubén M., Daniel O., Pablo N., Christopher R., Álex V., Gabriel S. e Darío O. (líbero). Agardando a súa oportunidade desde o banco atopábanse Sergio C., Manuel T. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 LICEO
(15-25, 18-25, 19-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)

Os erros de saque protagonistas no encontro do JEALSA
Paso atrás do JEALSA cadete feminino na súa loita particular por alcanzar a final de tempada os postos que dan dereito a disputar o play-off desta LGCF. Esta derrota ante un rival directo deixa ás de Emilio Palacio na 5ª praza, cun punto de desvantaxe respecto ó 4º clasificado. Os numerosísimos erros de saque e a maior solidez das visitantes nos tramos finais dos sets imposibilitaban que as boirenses conseguiran achegarse no luminoso. A próxima parada será Ourense, onde agardan as rapazas do CVO que marchan na 9ª posición da táboa clasificatoria. Aínda estamos a tempo rapazas, traballo, sacrificio e de seguro que cumpliremos o obxectivo. Formaron de inicio polo JEALSA Lea G., Laura P., Laura O., Laura L., Alejandra P., Paula V. e Irea T. (líbero). No banco de reservas estaban Ada V., Verónica P., Sara T., Marta S. e Luciana V.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 LICEO B
(8-25, 5-25, 3-25)-(Liga Zonal Infantil Feminina)

As infantís seguen na fase de acumular experiencia
Derrota en tres sets das nosas infantís ante un rival de maior poderío físico que soupo aproveitar as súas virtudes para levarse os dous puntos da Cachada e seguir deste xeito á fronte desta Liga Zonal Infantil Feminina con autoridade. A pouca consistencia da liña de recepción local era presa fácil para o saque herculino, protagonista total do encontro para ledicia das visitantes. As de Emilio Palacio, desbordadas polas coruñesas preto da rede, demostraron tamén un mellor manexo do balón feito que augura unha pronta melloría do seu xogo e mostrarse máis competitivas de contado. O traballo é o camiño máis curto, ánimo rapazas. A Vindeira semana a Liga Zonal para, polo que as nosas poderán preparar a conciencia a súa próxima cita. Polo JEALSA formarían de inicio Sara O., Lucía, Laura N., Priscila, Uxía e Cristina. No banco de suplentes agardaban o seu momento Laura P. e Sara.

Ningún comentario: