domingo, 22 de febreiro de 2015

O NÁUTICO VENCE POR 0-3 E VOLVE COS 3 PUNTOS DA CAPITAL. RESULTADOS:

CVLEGANÉS.COM 0-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 21-25, 13-25)-(Superliga 2 Masculina)

O Náutico, no momento do saúdo inicial
Importantísima vitoria a acadada polo primeiro equipo masculino no Emilia Pardo Bazán leganense para amarrar a permanencia na categoría de prata do volei nacional. De contado tomaría a iniciativa o combinado boirense gracias á súa actuación en bloqueo. O central Mario Iglesias e o colocador Iván Souto mostráronse infranqueables na primeira liña de defensa branquiazul, conseguindo a renda coa que os de Emilio Palacio pecharían o primeiro set cunha diferencia de 5 puntos. O segundo parcial foi, sen lugar a dúbidas, o menos vistoso. Ambas escuadras viaxaban erráticas por un set no que as imprecisións estaban a ser as claras protagonistas. Foi co 18-18 cando un ataque ó segundo toque de Iván Souto rompería a igualdade do mesmo en favor dos visitantes. O central xuvenil Borja Vilas poñería o 18-20 cun bloqueo directo e de novo o propio colocador santiagués redondearía cun novo bloqueo directo unha actuación extraordinaria na que rematou con 7 puntos, unha cifra pouco habitual nun armador. No tempo que durou o 3º set tan só houbo un equipo sobre a pista. Juan Díaz-Romeral (15 puntos) e un inspiradísimo Manuel Pérez que aportou neste set 3 puntos de ataque cun 60% de efectividade destacaban nun Náutico que chegaba ó segundo tempo técnico en vantaxe de 9 puntos (7-16). Co paso dos puntos as cousas non cambiaban e un bloqueo do rianxeiro Mario Iglesias poría o punto e final a un encontro dominado de cabo a rabo polos galegos. Consulta aquí a estadística oficial do encontro. O Náutico formaba de inicio con Iván Souto, Juan Díaz-Romeral, Gabriel Del Carmen, Cristóbal Álvarez, Mario Iglesias, Germán Romero e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Daniel Vázquez, Narciso Abalo, Manuel Pérez e os xuvenís Borja Vilas e Marcos Alvite.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 1-3 IBERICAR TURBOTRACCIÓN XUVENIL TEIS
(22-25, 19-25, 25-13, 25-27)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

Derrota axustadísima das senior na 2ª División
Derrota por 1-3 do primeiro equipo feminino diante do combinado ó que preceden na táboa clasificatoria. As boirenses arrancaban o encontro levando a iniciativa pero unha xeira de bos saques das viguesas poñían a primeira traba para as de Mario Iglesias. Os problemas multiplicáronse no transcurso do segundo set onde o Xuvenil Teis aproveitaba os erros de saque e recepción das locais para colocar un favorable 0-2. A terceira manga foi de clara cor branquiazul. María Triñanes, Sara Bugallo e Mariana Díaz apretaban desde a liña de saque e o JEALSA conseguía recurtar distancias. No cuarto parcial chegou o momento clave do encontro. Tras todo o set dominando as nosas desaproveitaban un 24-22 e vían como as olívicas capturaban 2 puntos in extremis. Polo JEALSA xogaron Sara B., Mariana D., Katy S., Noelia D., María T., Verónica D. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Laura M., Paula V., Xiana R. e Sheila P.

CLUB VIGO VOLEIBOL 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-15, 25-10, 25-19)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Lois Vázquez en imaxe de arquivo
Derrota en tres sets do equipo xuvenil masculino diante do líder invicto da Liga Galega. Castigados polas baixas, uns por lesión e outros pola súa convocatoria co primeiro equipo no desprazamento deste a Leganés, deixaban escapar os nosos a terceira derrota da temporada. Malia o resultado as sensacións deixadas polo JEALSA non foron de todo negativas. Xian Pérez e Lois Vázquez aguantaron o ritmo dos olívicos en gran parte do 1º e 3º sets gracias ó seu acerto ofensivo por zona 4 e o cadete Daniel Olveira solucionou con nota a papeleta de formar como titular co equipo xuvenil. A vindeira semana toca partido de descanso, momento inmellorable para recuperar lesionados e traballar nos erros cometidos de cara a parte final da liga. Polo JEALSA xogaban de inicio Ismael M., Daniel O., Xian P., Lois V., Félix R., Fran D. e Christopher R. (líbero). Tamén xogaban Rubén M., Dani G., Óscar R. e Darío O.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 IBERICAR TURBOTRACCIÓN XUVENIL TEIS
(21-25, 7-25, 15-25)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

As xuvenís pelexan cun equipo cheo de cadetes
Clara derrota das nosas xuvenís nun encontro que, salvo nos primeiros compases do arranque, dominaron con claridade as visitantes. No inicio o JEALSA trenzaba boas xogadas de ataque conseguindo manter a raia ás rapazas do Xuvenil Teis. Foi chegada a vintena cando os erros fixeron acto de presencia para castigar coa derrota parcial ás de Andrés Martínez e colocar a primeira pedra da vitoria olívica. A partires de aquí as nosas desapareceron da cancha. As visitantes facían moito dano co seu saque e as nosas pouco podían facer para construír con certa fluidez o seu xogo de ataque. Deste xeito se chegaba ó terceiro set tras caer por 7-25 e as sensacións non mudarían demasiado. Tras unha reacción momentánea no inicio da reanudación as nosas vían como o equipo que pecha os postos de play-off nesta LGXF marchaba cos 2 puntos da vitoria. Polo JEALSA xogaron Sara B., Lea G., Alejandra M., Paula V., Alejandra G., Lía V. e Sheila O. (líbero). Como reservas estaban Laura O., Marta S., Laura P. e Irea T.

CLUB VIGO VOLEIBOL 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(10-25, 14-25, 19-25)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Os cadetes manteñen a súa xeira de vitorias
13ª vitoria ligueira para o JEALSA cadete masculino no seu desprazamento ó PM de Coia para medirse ó Club Vigo Voleibol. A baixa de última hora do receptor Pablo Nieto obrigáballes ós boirenses a modificar o seu esquema de xogo e o resultado foi inmellorable. Daniel Olveira pasou a desempeñar funcións de receptor e Álvaro Pérez xogaría como oposto nun encontro que mantén ós da Cachada no máis alto da LGCM. A superioridade dos nosos en ataque e preto da liña de saque sería demasiado para un equipo, o vigués, que tan só en momentos do terceiro set puido capear o temporal para seguir a estela dos boirenses no luminoso. O próximo domingo toca visita ó 9º clasificado, o Narón Volea. O JEALSA formaba de inicio con Rubén M., Álvaro P., Daniel O., Christopher R., Álex V., Gabriel S. e Darío O. (líbero). Como reservas agardaban o seu momento Sergio C., Manuel T. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 IBERICAR TURBOTRACCIÓN XUVENIL TEIS
(9-25, 19-25, 18-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes manteñen as opcións de play-off
O penúltimo tren con destino play-off da LGCF pasou o pasado sábado pola Cachada cando o 3º clasificado desta competición autonómica visitaba ás nosas cadetes do JEALSA. De contado se veu que sería un encontro moi complicado para as rapazas que dirixe Emilio Palacio xa que as visitantes mostraban un nivel de saque elevadísimo e unha orde defensiva na segunda liña extraordinaria. Salvo en tramos do segundo set, cando Paula Vázquez e Alejandra Moledo afinaban a súa puntería en ataque, o dominio foi sempre paraas rapazas do Xuvenil Teis que sumarían a súa 13ª vitori do ano para afianzar a 3ª posición. As nosas mantéñense a tan só unha vitoria de postos de play-off, onde seguen as coruñesas do Liceo con 29 puntos. Polo JEALSA xogaban de inicio Lea G., Laura P., Alejandra M., Paula V., Lía V. e Irea T. (líbero). Como reservas estaban Sara T., Marta S., Luciana V. e Verónica P.

Ningún comentario: