domingo, 19 de xaneiro de 2014

RESULTADOS DA XORNADA NA QUE A SUPERLIGA 2 REGRESA Á CACHADA:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 1-3 CyL PALENCIA 2014
(18-25, 25-22, 20-25, 20-25)-(Superliga 2 Masculina)

Espectáculo da Superliga 2 na Cachada
A Cachada vestía as súas mellores galas para recibir ó líder incontestable desta Superliga 2 Masculina. Ó redor de 300 persoas se congregaban nas bancadas para ver como o seu equipo, a pesar da derrota, plantaba cara a un talentoso rival. O encontro comezaba co Náutico moi intenso. Os de Ricardo Maldonado sentían o empuxe da bancada e vían como os locais chegaban por diante ó primeiro tempo técnico do encontro (8-5) gracias ó tino en ataque de Narciso Abalo (20 puntos) e Cristóbal Álvarez (16). A altura en bloqueo dos casteláns non tardaría en facer acto de presencia e da man do seu receptor e capitán, Carlos Jiménez (21), conseguirían revertir a situación para anotarse o primeiro set. O inicio do segundo parcial sería un calco do primeiro. Os ánimos dos locais non caían malia a derrota na primeira manga e de novo se chegaba ós dous primeiros descansos cos branquiazuis á fronte no luminoso. A intensidade defensiva dos de Emilio Palacio facía que os visitantes cometesen algún erro no que non adoitan caer e, deste xeito, perdesen o seu 6º set no que vai de liga. Coas táboas no marcador as alarmas encendéronse na Selección Júnior Masculina. A artillería e os centímetros do CyL Palencia 2014 saltaron á cancha concentrados en non sufrir máis contratempos e así sería. Coa entrada do colocador Javier Sánchez os visitantes melloraron exponencialmente. A súa velocidade de balón era demasiado para o bloqueo-defensa do Náutico que xa non podía actuar coa mesma fluidez dos instantes anteriores. Esta derrota deixa ó Náutico na penúltima posición desta categoría de prata (8º). A vindeira semana a expedición boirense fará as maletas para viaxar á capital de España e medirse no Emilia Pardo Bazán ó cvleganés.com. Preme aquí para consultar a estadística do encontro. Polo Náutico xogaron: Iván S., Narciso A., Cristóbal Á., Miguel V., Jesús V., Mario I. e Adrián A. (líbero). Como reservas estaban Ismael M., Fran D., Emilio P., Manuel P. e Gustavo R.

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-1 AMES VOLEIBOL
(25-22, 25-13, 22-25, 25-16)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

Sexta vitoria da temporada para o Redesyl
Boa actuación do filial no encontro correspondente á 13ª xornada desta 2ª División Autonómica. O saque era a principal arma dos de Adrián Alves no inicio do choque. As dificultades dos visitantes en recepción traducíanse nunha defensa ordeada do Redesyl que decantaría a balanza do primeiro set. No segundo a tónica favorable persistiría. Atinados en defensa e apoiados nos saques de Fran Dieste e nos ataques de Xian Pérez conseguirían un colchón suficiente como para pechar o parcial sen apuros. No 3º set os visitantes, aproveitando o baixón que ocasionou a lesión de Xian Pérez, melloraron. A construcción do xogo visitante non caía xa en tantos erros e os verdes conseguirían recurtar distancias. Na reanudación o Redesyl volveu concentrado en quedarse cos 3 puntos e así foi. Xogaron Ismael M., Xian P., Adrián G., Adrián A., Fran D., Lois V. e Felipe R. (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Pablo R., Juan O., Dani G. e Félix R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 CV BRUXAS
(25-18, 25-20, 25-15)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

O saque, a mellor arma do JEALSA
Vitoria en tres sets do primeiro equipo feminino sobrepoñéndose ás baixas de xogadoras tales como Ángela T., Mariana D. ou Alejandra M. O servicio local dificultou a recepción das visitantes durante todo o choque, feito que facilitaba as oportunidades de réplica boirenses en contraataque. Malia que as de Mario Iglesias se mostraron por momentos inestables en ataque non pasaron apuros para pechar os parciais con soltura. Todo o encontro seguiu o mesmo guión excepto nun tramo do 2º parcial onde as nosas tan só puideron despegarse das visitantes nos momentos finais do mesmo. Tras este triunfo o JEALSA ocupa a 5ª praza da 2ª División con 22 puntos (8 vitorias/5 derrotas), visitando a vindeira semana a cancha do penúltimo clasificado, o Xuvenil Teis B. Polo JEALSA xogaban Carla O., Rebeca G., María T., Verónica C., Alejandra G., Katy S. e Paula R. (líbero). No banco agardaban Sara B., Cristina F., Sheila P., Sheila O. e Sara C.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 1-3 IES DE AMES
(25-19, 24-26, 25-27, 14-25)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

O IES de Ames domina claramente ó JEALSA
Merecida derrota a sufrida polos xuvenís nun encontro que os enfrontaba a un rival ó que agora tan só aventaxan en un punto nesta LGXM, o IES de Ames. A baixa por lesión de Xian Pérez desactivaba por completo o ataque do JEALSA. Malia esta situación, os nosos conseguirían adiantarse gracias a unha xeira dende a liña de saque do colocador local Ismael Martínez. Desde este momento os visitantes dominaron o partido por completo e puxéronse por diante no luminoso con dous finais de set de infarto. Os nosos, lonxe da súa mellor versión e cunha apatía propia de alguén que non disfruta co que fai, non tiveron capacidade de reacción e vían como os verdes marchaban cos dous puntos da vitoria con todas as da lei. Parabéns para eles. Polo JEALSA xogaron: Ismael M., Fran D., Lois V., Adrián G., Dani G., Félix R. e Jorge D. (líbero). No banco de reservas agardaban a súa oportunidade Daniel V., Pablo Redondo e o infantil Daniel O.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 IES DE AMES A
(25-16, 23-25, 25-12, 25-13)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

Sheila O. pelexa por recuperar un balón
A 5ª vitoria ligueira para as de Mario Iglesias chegaría nun encontro que a priori se presentaba moi igualado. Coa regularidade por bandeira comezaban as nosas un encontro no que a seriedade en recepción foi a chave que abriría o candado do primeiro set. Sen asumir excesivos riscos en ataque as nosas colocaban a primeira pedra para construir a vitoria. No 2º set as visitantes aproveitaron o maior número de imprecisións das locais que, a pesar de que igualaban a manga (19-19), rematarían cedendo para ver como as amienses igualaban o partido. Tralo descanso entre sets o JEALSA recuperaría folgos e volvería a cumplir co plan que tan bos resultados lles dera no inicio do choque. Sen máis problemas pecharían as branquiazuis un encontro que as deixa na 7ª praza a tan só unha vitoria do Calasancias Coruña. Polo JEALSA formaban: Sara B., Isa G., Sara C., Katy S., Antía S., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Lea G., e Ana B.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 STA. MARÍA DEL MAR
(25-11, 25-21, 23-25, 25-21)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Os nosos infantís pisan forte na Liga Galega Cadete
Vitoria que afianza ós cadetes nos postos de play-off desta LGCM. O servicio branquiazul foi un pesadelo para os herculinos na súa visita á Cachada, de maneira especial no primeiro acto. No 2º set os coruñeses melloraron. O maior poderío físico dos visitantes complicaba a defensa do JEALSA que se tiña que empregar a fondo para poñer o 2-0 no tanteador xeral do choque. Destacable a actuación en bloqueo nesta manga de Christopher Rodríguez. No 3º a efectividade do saque local baixou, feito que aproveitaría o Sta. Mª del Mar para recurtar distancias. Lonxe de deixarse afogar polas dúbidas, os nosos (con 5 infantís na aliñación) saltaron á cancha convencidos de pechar o encontro. Do pacto firmado entre a gran dirección de Daniel Olveira e Rubén Martínez e o ataque de Pablo Nieto saía a fórmula que poñería a salvo a 6ª vitoria da temporada para o JEALSA. Xogaron Rubén M., Daniel O., Darío O., Pablo N., Christopher R. e Gabriel S. Como reservas ficaban Manu T., Antón V., Borja S. e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 LICEO
(Agardando parciais)-(Liga Galega Cadete Feminina)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 STA. MARÍA DEL MAR
(25-14, 25-20, 25-15)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Pablo Nieto, destacado en facetas ofensivas
Triunfo dos infantís que os deixa a un paso de convertirse en campións da fase regular da LGIM. A presión desde a liña dos 9 metros exercida polos de Adrián Alves foi suficiente para maniatar a un Sta. Mª del Mar que vía como os boirenses camiñaban a pola 7ª vitoria do ano. O potencial ofensivo dos nosos superaba ós visitantes nos primeiros compases do choque, onde Pablo Nieto atopaba constantemente a maneira de anotar. As rotacións crearon certa confusión durante o 2º set, pero de novo a seguridade en servicio protexería as aspiracións do JEALSA. No 3º acto as cousas non cambiaban. Os nosos seguían a ser superiores co saque e en tódalas accións preto da rede. Unha das notas positivas do choque foi a actuación de Manu Tubío como colocador. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Daniel O., Pablo N., Darío O., Christopher R. e Álex V. Tamén xogaron Manu T., Borja S e Pablo D.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 LICEO
(11-25, 13-25, 13-25)-(Liga Galega Infantil Feminina)

Ningún comentario: