domingo, 12 de xaneiro de 2014

O REGRESO ÁS CANCHAS TRALAS VACACIÓNS DÉIXANNOS UN 50% DE TRIUNFOS:

XIRIAVOLEI 0-3 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(9-25, 22-25, 19-25)-(2ª Div. Autonómica Masculina)

Bo xogo e 3 puntos do Redesyl en Carballo
Serio encontro o disputado polo equipo filial masculino en Carballo para sumar a súa 5ª vitoria da temporada. Coa baixa de última hora do oposto Diego Romero por lesión se presentaron os branquiazuis no Polideportivo Municipal Vila de Noia con 5 xuvenís no septeto inicial e cunha clara intención: regresar con 3 puntos no peto. Os primeiros compases do choque estiveron marcados pola eficacia do Redesyl en bloqueo-defensa. Ismael Martínez e Adrián Armental conseguían rachar a primeira manga exercendo moita presión desde a liña de saque. No segundo parcial os locais melloraron pero lonxe de virse abaixo, os boirenses pecharon a manga cun Xian Pérez atinadísimo na súa estrea desempeñando labores de oposto. No terceiro parcial os nosos arrancaban con sensacións semellantes ás do inicio do encontro. As referencias defensivas eran efectivas e moitas eran as ocasións nas que os de Adrián Alves tiñan opción de contraataque. Bagaxe positiva a que nos deixa a visita a Carballo, con 3 puntos máis na clasificación (15) e deixando a tan só dous puntos a un Mexillón de Ouro Voleibol Rianxo que na mañá do sábado caía por 0-3 ante o EMEVE de Lugo. A vindeira semana visita a Cachada o Ames Voleibol, equipo que na primeira volta doblegou ós nosos por 3-0. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Xian P., Adrián A., Adrián G., Fran D., Lois V. e Felipe R. (líbero). Como reservas estaban Andrés M, Pablo R., Félix R., Dani G. e Juan O.

CALASANCIAS CORUÑA 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13-25, 25-18, 25-22, 26-24)-(2ª Div. Autonómica Feminina)

A lesión de Alejandra cambiou o rumbo do encontro
Bo partido o xogado polo primeiro equipo feminino no Barrio de las Flores coruñés ante un dos mellores equipos da liga. As nosas saltaron ó terreo de xogo cunha intensidade elevadísima, feito que fixo que pasaran por riba das locais na primeira manga. Xa no segundo parcial o guión do encontro cambiaría trala nova lesión de nocello de Alejandra Mato, que xerou un tremendo desconcerto entre o JEALSA que vía como o Calasancias igualaba a contenda. No terceiro houbo un forte intercambio de golpes. Co 21-20 as coruñesas aproveitaron os erros das de Mario Iglesias e colocaron o 2-1 no tanteador xeral. A cuarta manga seguía os mesmos pasos que o set precedente nuns intres de máxima igualdade. Con 24-20 para as herculinas as nosas non se arrugaron e igualaron o xogo (24-24) mais non foi suficiente para forzar o tie-break. Polo JEALSA xogaron: Ángela T., Mariana D., Alejandra G., Alejandra M., María T., Rebeca G. e Sheila O. (líbero). Tamén xogaron Carla O., Sheila P., Cristina F., Verónica D. e Katy S.

CALASANCIAS CORUÑA 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(18-25, 19-25, 26-24, 19-25)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

Bloqueo do Jealsa durante o encontro
A 6ª vitoria desta 2013-14 para o xuvenil masculino chega nun encontro gris e onde os menos habituais tiveron a oportunidade de disfrutar de moitos minutos en pista. Como dato positivo quedan as aportacións de Félix Romero no posto de central e de Jorge Dieste na súa estrea como líbero. Os dous primeiros sets estiveron dominados claramente polos nosos, que sen pisar o acelerador conseguían pechar dúas mangas que os colocaban nunha situación envexable. Os múltiples cambios xeraron desconcerto no 3º set, onde os locais aproveitaban para recurtar distancias nun apretado desenlace. Co mesmo equipo que no anterior pero cunha orde maior pecharían os de Adrián Alves un encontro para o que causou baixa Óscar Refojo. A vitoria branquiazul, sumada ó tropezo do Voleibol Dumbría en Ames abre unha fenda entre a parte alta e baixa da táboa desta LGXM. Polo JEALSA xogaron: Ismael M., Fran D., Félix R., Lois V., Xian P., Adrián A. e Jorge Dieste (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Pablo R., Dani G. e Daniel O.

CALASANCIAS CORUÑA 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-14, 25-19, 16-25, 25-18)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

As xuvenís pagan a súa falta de agresividade ofensiva
Mal encontro das xuvenís para o que as de Mario Iglesias contaban coa sensible baixa por lesión da receptora Ana Bugallo. As nosas aterraron na Coruña bastante atinadas en recepción pero a pouca agresividade en ataque e a carencia de actitude defensiva eran demasiado lastre para poder plantar batalla nas dúas primeiras mangas. No terceiro as nosas experimentaron unha variación táctica que sumada a unha gran xeira de Lea Gatbache ó servicio atoparía un antídoto para tratar o xogo das coruñesas, pero só de xeito momentáneo. Gracias a xogar con dúas colocadoras as nosas atoparon un maior repertorio de opcións ofensivas e conseguiron recurtar distancias no marcador. No 4º as malas sensacións iniciais regresaron e nada puideron facer as boirenses para ver como chegaba a 8ª derrota do ano. Polo JEALSA xogaron: Sara B., Isa G., Antía S., Alejandra G., Sara C., Katy S. e Sheila O. (líbero). Como suplente figuraba Lea G.

CALASANCIAS CORUÑA 3-1 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-15, 25-21, 22-25, 25-17)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Os nosos tentaron deter ós atacantes herculinos
Unha vez máis a diferencia de condición física foi un muro que os nosos cadetes non puideron trepar. Presenciouse un encontro aberto, con opcións de vitoria para ámbolos dous equipos e moito máis axustado do que indica o tanteador final. Dende o comezo se podía ver claramente as bazas herculinas para optar ó triunfo, os seus atacantes. O JEALSA, que presentou un sexteto inicial con 5 xogadores en idade infantil mostrouse ordeado en bloqueo-defensa pero tiña a difícil papeleta de facer fronte ós potentes envíos dos coruñeses cando conseguían trenzar o seu ataque con fluidez. Os de Boiro tentaron contrarrestar esta situación co saque pero a precisión non foi a de outros días. Malia a derrota seguimos 4º na clasificación da LGCM recibindo a vindeira semana ó seu inmediato perseguidor, o Sta. María del Mar. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Pablo N., Daniel O., Christopher R. e Gabriel S. Como reservas estaban Manu T., Álex V., Borja S. e Pablo D.

CALASANCIAS CORUÑA 3-0 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(25-7, 25-5, 25-11)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As infantís predominan na formación cadete
Difícil encontro  que afrontaban as de Emilio Palacio na cancha das 3ª clasificadas desta LGCF. Á calidade do rival engadíase unha dificultade maior, a ausencia por lesión da xogadora máis veterana do equipo (Ana Bugallo). A diferencia física fíxose notar xa dende o comezo do encontro onde as herculinas dominaban con claridade tódalas accións preto da rede. A construcción do JEALSA víase extremadamente danada polo servicio local que era o total protagonista das dúas primeiras mangas. No terceiro parcial o xogo das nosas mellorou levemente pero o ritmo coruñés era imposible de seguir para un equipo que nese momento formaba con 6 xogadoras en idade infantil. A vindeira semana as nosas terán outro rival duro de roer, o Liceo (4º clasificado) chega á Cachada con 4 puntos de vantaxe sobre o JEALSA. Polas boirenses xogaron: Lea G., Paula V., Irea T., Sara T., Lía V. e Laura P. No banco de reservas agardaban Ada V., Laura O., Verónica P. e Marta S.

CALASANCIAS CORUÑA 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(12-25, 11-25, 19-25)-(Liga Galega Infantil Masculina)

Borja S. rematando no Colexio Calasancias
Cómodo triunfo o conseguido polos infantís nun encontro que lles sirve para seguir mandando con autoridade nesta LGIM (6 vitorias no seu haber e ningún set en contra). O servicio boirense era demasiado para un desactivado Calasancias que non conseguía xerar perigo. As poucas incursións ofensivas dos coruñeses eran neutralizadas e culminadas en contraataque polo JEALSA nos dous primeiros sets. Moitas eran as rotacións que estaba a levar a cabo o técnico boirense no equipo e os rapaces responderon á perfección. Manu Tubío como colocador, Borja Santamaría como receptor e Pablo Dieste como central tiveron unha correcta actuación no seu primeiro encontro case que completo. A próxima semana o Sta. María del Mar (3º clas.) chega á Cachada. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Pablo N., Daniel O., Christopher R. e Álex V. No banco agardaban a súa oportunidade Manu T., Pablo D. e Borja S.

CALASANCIAS CORUÑA 1-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 17-25, 25-22, 23-25)-(Liga Galega Infantil Feminina)

As infantís vencen ante o Calasancias nun igualado partido
Igualadísimo foi o encontro entre os equipos infantís do Calasancias e do Boiro Voleibol que finalmente se decantou de lado barbanzano. O choque arrancaba parello e no primeiro set ningún dos dous equipos quería perder a estela do seu rival. Tan só unha xeira de servicios de Paula Vázquez conseguiría poñer a salvo o primeiro parcial para o JEALSA. A partires de aquí as boirenses, a pesar da igualdade reflectida no luminoso, foron superiores. Co seu servicio por bandeira tomaron unha iniciativa que xa non perderían ata o final do encontro e as de Emilio Palacio conseguiron os 2 puntos do triunfo por 5ª vez no que vai de liga. Tras esta vitoria, as nosas fican a tan só un punto das coruñesas na táboa clasificatoria desta LGIF, na que recibirán durante a vindeira xornada ás 2ª clasificadas, o Liceo. Polo Jealsa formaron: Marta S., Sara T., Lía V., Laura O., Ada V. e Paula V. Comezaban no banco Irea T. e Verónica P.

Ningún comentario: