domingo, 3 de marzo de 2013

ADVERSIDADE NOS RESULTADOS DA XORNADA. ¡A SEGUIR CO DURO TRABALLO!

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 UNIVERSIDADE DE BURGOS
(25-20, 25-16, 25-19)-(1ª Div. Nacional masculina)

O Náutico escalou a muralla do UBu e superou outra "final"
Importantísimo paso adiante o que deron os homes que dirixe Emilio Palacio na súa carreira por lograr o terceiro título de 1ª Div. Nacional de xeito consecutivo. Presentábase no polideportivo da Cachada un sempre perigoso equipo burgalés tendo como mellor arma un altísimo bloqueo. O choque comezaba un tanto frío. Os visitantes tentaban por tódolos medios complicar a recepción boirense coñecedores de que moitas das súas opcións de vitoria pasaban por quebrar a construcción blanquiazul e intimidar en bloqueo ós atacantes do Náutico. Os nosos resistiron á perfección e o colocador Iván Souto atopou o xeito de adentrarse na muralla visitante gracias a unha boa recepción. Deste xeito chegaban os nosos a primeira vitoria parcial, factor clave para tranquilizar os posibles nervios dun encontro con tantas cousas en xogo. O segundo set comezaba polos mesmos derroteiros. Ó tremendo acerto dos locais na sua recepción+ataque sumábase agora o aporte en bloqueo. Mario Iglesias, Jesús Vázquez, Emilio Palacio e Iván Souto fortificaron o poboado boirense para defenderse dos altos atacantes do UBu e poñer terra de por medio nun partido que agora tiña un claro dominador, o Náutico. Coa tranquilidade de ter gran parte da colleita a salvo afrontaban os nosos este terceiro xogo. O preparador local aproveitaba a ocasión para rotar ós seus xogadores e ofrecerlles minutos ós máis novos da escadra. Éstes non rexeitaron a oportunidade e cumpliron á perfección co seu cometido levando ó seu equipo a un triunfo que definitivamente demostra que a popular "maldición da charanga" non é tal. O Náutico formaba con: Iván S., Emilio P., Cristóbal Á., Gustavo R., Jesús V., Mario I. e Adrián A. (líbero). Tamén xogaron Rubén T., Miguel V., Antón P., Manuel P. e Xavier S.


REDESYL BOIRO VOLEIBOL 0-3 BURGAS VOLEI
(18-25, 16-25, 14-25)-(2ª Div. Autonómica masculina)

O Redesyl, berce dos nosos xogadores máis novos
Clara derrota do equipo filial masculino ante un serio Burgas Volei que en ningún momento tremeu para anotarse a vitoria pola vía rápida e manter ós de Adrián Alves na última praza da máxima competición senior masculina a nivel autonómico. Os erros non forzados marcaron o encontro dos boirenses. A confianza disminuía á vez que os erros se acumulaban e o bucle repetíase unha e outra vez. Coa seguridade que lles aportan os seus veteranos xogadores avanzaban os visitantes con paso firme hacia a súa 4ª vitoria da tempada sen que o Redesyl puidese facer nada para evitalo. Moitos foron os xogadores xuvenís e incluso cadetes que tiveron minutos e seguen aproveitándose desta oportunidade que o club lles brinda para completar a súa formación como xogadores nesta 2ª división. Polo Redesyl xogaron: Daniel V., Diego R., Xavier S., Alén G., Antón P., Lois V. e Juan Outeiral (líbero). Tamén xogaron Adrián O., Fran D., Adrián A., Óscar R. e Dani G.
TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 1-3 BURGAS VOLEI
(34-36, 16-25, 25-21, 22-25)-(Liga galega xuvenil masculina)

Os xuvenís perderon a batalla contra sí mesmos
Axustada e dolorosa derrota a encaixada polo equipo xuvenil masculino ante un rival directo desta liga galega. O encontro, ó igual que a semana pasada no PM de Teis comezaba con moito nerviosismo por parte dos nosos. Froito desta inquedanza cometíanse numerosos erros non habituais e os ourensáns conseguían chegar ó ecuador da primeira manga con 4 puntos de vantaxe. A partires de aquí a igualdade foi máxima. Unha gran xeira de accións en bloqueo-defensa do Trillizos na rotación de saque do receptor Xian Pérez ocasionaba a remontada local e inxectaba de electricidade o encontro. Tras repetidos balóns de set desperdiciados a ansiedade instalábase en campo boirense e desequilibraba a balanza dun set que sería chave para o desenlace do partido. A derrota parcial fixo estragos nos ánimos dos xogadores locais. No segundo set víuse un equipo moi tocado, ferido de gravidade. O Burgas, cun gran Víctor Conde no posto de receptor non desaproveitaba o baixón local e botaba máis terra encima do Trillizos. Co encontro moi costa arriba volveuse a ver a mellor versión dos nosos. Menos presionados e con orgullo conseguiron recurtar distancias nun set que dominaron de cabo a rabo. A moral boirense recibía por fin unha boa nova. No cuarto tocaba sufrir de novo. Intercambio de puntos de uns e outros que, de novo, se desequilibraba por erros puntuais e impropios dos nosos novos xogadores. Con esta derrota a clasificación para o play-off complícase pero os de Adrián Alves traballaran a reo mentras matemáticamente sexa posible. A marxe de manobra é mínima, ánimo rapaces. Trillizos: Ismael M., Fran D., Xian P., Adrián O., Alfonso R., Lois V. e Abel Sánchez (líbero). Tamén xogaron Daniel V., Dani G., Óscar R. e o cadete Antón S. 


REYCA BOIRO VOLEIBOL 3-0 BURGAS VOLEI
(25-19, 25-23, 25-14)-(Liga galega infantil masculina)

O Reyca sobreponse as baixas e gaña ó Burgas Volei
Incontestable vitoria do equipo infantil masculino a pesares das numerosas baixas coas que contaban os de Adrián Alves. Comezaba a primeira manga co ataque boirense controlando a situación en mans de Álvaro P. e Darío O. A defensa do Burgas nada podía facer ante a consistencia do Reyca en facetas ofensivas e o primeiro peldaño da escaleira da vitoria colocábano os branquiazuis. No segundo, os ourensáns aferráronse á efectividade en servicio. Lonxe de virse abaixo, os cachorros boirenses revertiron a situación pagando coa mesma moeda: Rubén M. e Álvaro P. bombardearon o campo dos de Carlos Fdez. para levarse o parcial por un axustado 25-23. No terceiro os centrais boirenses tomaron as rendas e, combinando con calidade, poñían a salvo a vitoria cuns inspirados en ataque Christopher R. e Gabriel S. Reyca: Rubén M., Álvaro P., Darío O., Daniel O., Christopher R. E Gabriel S. Tamén xogou Álex V.


O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 AD A PINGUELA
(13-25, 16-25, 14-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

O Secreto non pode co servicio monfortino
Mal partido o xogado por O Secreto Boiro Voleibol no maratón da mañá do sábado ante as 3ª clasificadas da máxima competición autonómica xuvenil. A ausencia da líbero Sheila Outeiral debilitou a liña de recepción boirense. A eficacia dende os 9 metros das xogadoras da AD A Pinguela impedía que a nosa colocadora Sara Bugallo atopase opcións cómodas de ataque durante case que toda a contenda. A esto hai que engadirlle a floxa defensa que facía que as visitantes si fosen puntuais coa súa cita no luminoso froito de accións preto da rede. Transcurridas 20 xornadas as de Emilio Palacio e Narciso Abalo ocupan a 7ª praza cunha bagaxe de 8 vitorias e 12 derrotas. A vindeira semana toca desprazamentos a terras luguesas para medirse ó actual líder, o potente EMEVE que conta por vitorias tódolos encontros desta tempada, cedendo tan só un set. O Secreto Boiro Voleibol: Sara B., Emma O., Melissa N., Ana B., Katy S. e Alejandra G. Como reservas agardaban a chamada do seu preparador Sheila P., Andrea D., Antía S. e Isa G.


INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 1-3 AD A PINGUELA
(21-25, 11-25, 25-22, 21-25)-(Liga galega cadete feminina)

As máis novas piden paso no Ingeniería Trazos
Partido difícil para as nosas xogadoras no que causaba baixa por lesión a colocadora Claudia Pinaque e no que colaboraron ata 5 infantís, 3 no septeto inicial. O Ingeniería Trazos non foi capaz de contrarrestar a potencia e precisión do servicio monfortino. Tan só no terceiro set, onde o nivel de recepción foi superior e as boirenses conseguían por primeira vez no choque puntuar con certa comodidade, se levaban as nosas unha vitoria parcial. Mención especial merece o debut doutra das máis pequenas (Laura Olveira) co equipo cadete en encontro oficial de liga galega. Tras este tropezo as de Emilio Palacio e Narciso Abalo mantéñense na 11ª posición da táboa clasificatoria a tan só unha vitoria de equipos coma o Fisioterapia Cinesia Noia. A pola escalada rapazas. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Lea G., Emma O., Sara L., Paula V., Ana B, Antía S. e Ángela A. (líbero). Tamén xogaron Irea T., Laura O e Ada V.

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL 0-3 AD A PINGUELA
(12-25, 7-25, 12-25)-(Liga galega infantil feminina)

As infantís caen ante un dos mellores equipos da liga galega
No encontro infantil feminino só houbo unha cor e foi o vermello da AD A Pinguela. O potente saque visitante era unha arma imparable para as nosas e facía que as monfortinas fosen en todo momento inalcanzables no luminoso. Por momentos a recepción melloraba pero os débiles ataques das nosas pouco podían facer ante un dos mellores equipos desta liga galega. Lea G. e Laura O. apretaban os dentes para poñer contra as cordas ás visitantes a base de servicios pero a medida era insuficiente e a AD A Pinguela chegaban con puntualidade ó cambio de saque. Duro rival que puxo a proba as evolucións das nosas no seu novo sistema de xogo que de contado traerá boas novas nas vindeiras xornadas. Ánimo nenas, a seguir traballando. Navales Chicolino: Lea G., Irea T., Paula V., Laura O., Marta S. e Luciana. Tamén xogaron Laura P., Ada V. e Vera.

1 comentario:

Unknown dixo...

Vamos equipos!!Por una vez que ganamos y perdeis,eso no es así!!Tenemos que ganar todos si o si!! ENHORABUENA AL NÁUTICO, PARTIDAZO!!