sábado, 25 de outubro de 2014

PLENO DE VITORIAS PARA AS RAPAZAS DO BOIRO VOLEIBOL:

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 X.A.V. CAMBADOS
(25-12, 25-18, 25-12)-(2ª División Autonómica Feminina)

As senior estrean o seu casilleiro de vitorias
Balsámico triunfo o do noso primeiro equipo feminino sobre o XAV Cambados trala derrota sufrida ante o CV Bruxas na primeira xornada da competición autonómica. Foi un encontro controlado de cabo a rabo polas boirenses. O ritmo imposto polo JEALSA no seu complexo defensivo era demasiado para un equipo, o cambadés, que xogaba a rachas. Esta irregularidade visitante enchía de confianza ás branquiazuis que, cunha atinada dirección da colocadora Laura Martínez, conseguía anotarse os sets sen maiores trabas. Destacable a actuación defensiva das de Mario Iglesias, impedindo en todo momento que o balón caese en firme boirense. Polo JEALSA xogaron: Laura M., Mariana D., Rebeca G., Melissa N., Noelia D., Xiana R. e Paula R. (líbero). Tamén xogaron Sara B., Sheila P., Alejandra M., Katy S. e Alejandra G.


JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 C.V. SANTIAGO
(25-17, 16-25, 25-8, 18-25, 15-11)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

Melissa Novoa ataque nunha acción do segundo set
Raro, ese é o calificativo ideal para describir o encontro vivido o pasado sábado na Cachada entre boirenses e santiaguesas. Non hai máis que consultar os parciais para adivinar como foi o xogo de ámbolos dous equipos. Xeiras de bo xogo alternábanse con momentos de moitas dúbidas e desconcerto nos dous bandos. Tan só a contundencia do ataque central das nosas con Alejandra Galbán como protagonista era quen de romper a monotonía dun encontro que estaba predestinado desde o comezo a un final incerto. Así foi e tras idas a voltas o servicio das boirenses desequilibraba a balanza do tie-break para deixar os dous puntos da vitoria na Cachada e conseguir o 3 de 3 en liga para as nosas. A formación do JEALSA era: Sara B., Lea G., Melissa N., Alejandra M., Lía V., Alejandra G. e Sheila O. (líbero). Como suplentes agardaban o seu momento Laura O., Paula V. e Laura P.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-2 X.A.V. CAMBADOS
(Agardando parciais)-(Liga Galega Cadete Feminina)

As cadetes engánchanse á parte alta da LGCF
Vitoria pola mínima das rapazas que dirixe Emilio Palacio antes de visitar a cancha dun dos rivais máis fortes da competición, o Liceo coruñés. Os dous primeiros sets caían en saco cambadés, froito dos erros non forzados do JEALSA, sobre todo en recepción. A imposibilidade de crear accións de ataque era unha lousa demasiado pesada para as branquiazuis que vían deste xeito como o encontro se poñía moi costa arriba. O terceiro set comezaba coas mesmas sensacións. Foi unha gran xeira de saques da colocadora Lea Gatbache a que mudou a situación e inxectou ánimos entre as nosas. A confianza no xogo aumetaba a medida que o resutado era cada vez máis favorable e a segunda vitoria das nosas en liga chegaba nun momento inmellorable. Xogaron: Marta S., Ada V., Lía V., Laura L., Paula V., Laura P. e Irea T. (líbero). Como reservas estaban Lea G., Alejandra M., Luciana V., Lucía e Verónica P.

Ningún comentario: