sábado, 26 de outubro de 2013

3 TRABALLADAS VITORIAS ADORNAN A TARDE DE VOLEI VIVIDA NA CACHADA:

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-0 XIRIAVOLEI
(25-15, 25-15, 25-22)-(2ª División Autonómica Masculina)

Felipe "Brasi" volveu con vitoria ás canchas
O Redesyl, equipo filial masculino do Boiro Voleibol, conseguiu os 3 primeiros puntos da temporada na súa estrea ligueira como local. A vítima, o Xiriavolei de Carballo que se presentou na Cachada con tan só 6 xogadores, pouco puido facer nun encontro no que pagaron caros os seus erros en especial de saque. Os primeiros compases do choque describían á perfección a que sería a historia do partido. Os visitantes buscaban desesperadamente os remates dun dos seus centrais, xogador que no primeiro punto do encontro daría o susto tras unha torcedura de nocello e faría pensar momentáneamente na suspensión. Todo quedou en nada, xa que este xogador sería o baluarte ofensivo dos verdes durante todo o partido. Os nosos, malia que melloraron o seu xogo respecto ó ofrecido na súa visita ó Municipal de Ames, non tiveron unha actuación brillante. A asignatura pendente do equipo continúan a ser os erros non forzados, protagonistas especialmente durante o terceiro set. Os de Adrián Alves tiveron o total control do encontro, feito que permitiría a participación de tódolos xoves que integran o equipo B. Como anécdota destacada do encontro queda a volta de Felipe Resúa á disciplina do Boiro Voleibol tralo paréntese deste de case que dúas tempadas, benvido Brasi. A vindeira semana toca descanso, oportunidade inmellorable para correxir erros e volver á liga como un equipo máis competitivo. Polo Redesyl xogaron: Ismael M., Diego R., Adrián G., Adrián A., Lois V., Fran D. e Felipe R. (líbero). Como reservas comezaron Daniel V., Pablo R., Xian P., Juan O. e Óscar R.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-1 XUVENIL TEIS
(25-21, 14-25, 25-12, 25-18)-(Liga Galega Cadete Maculina)

Daniel O. recibe un balón no encontro do sábado
Estes cativos non paran de sorprendernos. O penúltimo capítulo da súa saga déixanos a súa primeira vitoria na LGCM. Cun 6 inicial totalmente infantil exceptuando a figura de Gabriel Seijas, os de Adrián Alves conseguiron doblegar ós vigueses do Xuvenil Teis con momentos de xogo realmente satisfactorios. Exceptuando no segundo parcial, onde o servicio visitante superou con claridade ós nosos, o JEALSA mandou no xogo e no luminoso da Cachada en tódolos tramos do partido. Destacable a aportación de Rubén Martínez dende a liña de saque, facilitando as labores defensivas dos seus compañeiros e obrigando ós olívicos a cometer cantidade de fallos na súa construcción. O vindeiro sábado visitaremos a difícil cancha dun dos favoritos da competición, a dos nosos amigos do Voleibol Dumbría. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Darío O., Pablo N., Christopher R., Gabriel S. e Álex V. Como reservas estaban Antón V., Daniel O., Pablo D., Manu T. e Borja S.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 XUVENIL TEIS
(21-25, 16-25, 14-25)-(Liga Galega Infantil Feminina)

Sara Tubío en defensa ante o Xuvenil Teis
Clara derrota do equipo infantil feminino nesta 3ª xornada da Liga Galega ante un rival que mostrou un maior poderío sobre todo dende a liña de saque. Por este motivo o encontro comezaba coas visitantes adquirindo unha vantaxe que semellaba definitiva para pechar o primeiro set pero as de Emilio Palacio paseniño foron tomándolle a medida ó parcial e xogando cada vez a un nivel máis alto contra un dos equipos que históricamente ocupa os postos altos da clasificación. A reacción non foi suficiente e as olívicas conseguiron adiantarse no luminoso da Cachada cun final de set extraordinario. As dúas seguintes mangas estiveron marcadas pola efectividade viguesa en saque, impedindo a construcción das boirenses e ocasionando nestas unha gran cantidade de erros. O traballo é o camiño máis corto para atopar a primeira vitoria nesta LGIF, ánimo rapazas. Polo JEALSA: Ada V., Paula V., Lía V., Laura O., Marta S. e Sara T. Suplentes: Irea T., Marta C., Laura L. e Verónica P.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 0-3 XUVENIL TEIS
(18-25, 16-25, 21-25)-(Liga Galega Cadete Feminina)

Lea e Ana lideraron sen sorte ó equipo cadete feminino
No encontro correspondente á LGCF enfrontábanse as nosas a un dos líderes da competición. A diferencia física entre ámbolos dous equipos quedou patente dende o comezo do partido. Malia todo, as nosas conseguiron plantar batalla durante os primeiros puntos do choque apoiándose na dupla de veteranas Ana Bugallo-Lea Gatbache. A chispa inicial apagábase a medida que os puntos avanzaban e unha vez máis as viguesas tiraron de saque para contrarrestar o xogo ofrecido polas nosas. O bombardeo do Teis dende os 9 metros dificultaba notablemente a construcción do JEALSA e outorgaba unha e outra vez oportunidades de contraataque ás viguesas que culminaban os puntos con remates contundentes. A partires de aquí só houbo un equipo na cancha da Cachada e pouco puideron facer as nosas para evitar a fuga de puntos con destino Vigo. Polo JEALSA: Lea G., Paula V., Ana B., Sara O., Lía V., e Laura P. Como reservas: Laura O., Ada V., Irea T. e Marta S.

JEALSA BOIRO VOLEIBOL 3-0 XUVENIL TEIS
(25-18, 25-21, 25-14)-(2ª División Autonómica Feminina)

Mariana remata ante o apoio de Paula, Carla, Rebe e Andrea
Clara cor branquiazul nun encontro onde o ataque e saque das de Mario Iglesias dominaron con autoridade a un equipo, o vigués, que presentaba  na Cachada unha mestura de veteranía e xuventude. A igualdade mantíñase sempre ata aproximadamente o punto nº 10. A partires de aquí a balanza desequilibrábase ó noso favor froito da actuación ofensiva tanto de María T. como de Rebeca G. Como datos a destacar quedarán a xeira de servicios de Rebe no 1º set (8 saques) e a propia da pequena dos Bugallo, Ana, no 3º (6 saques). Tras esta vitoria o JEALSA mira cara arriba na táboa clasificatoria onde fica no 4º posto só por detrás de CV Pontevedra Comercial Durán, Caldaria Voleyourense e das actuais campioas Galitrans Viajes Embajador UDC. JEALSA: Carla O., Mariana D., Rebeca G., María T., Alejandra G., Andrea B. e Paula R. (líbero). Suplentes: Sara B., Sheila P., Sara D., Katy S. e Ana B.

Ningún comentario: