sábado, 18 de agosto de 2012

HORARIOS DE PRETEMPORADA:

¡Arranca a pretemporada!
Os equipos superiores do Boiro Voleibol comezarán a súa preparación para a temporada 2012-2013 o vindeiro luns 20 de agosto, a excepción do xuvenil e senior femininos que xa acumulan dúas semanas de traballo de pretemporada. Tódalas sesións, ata nova orde, terán lugar no Polideportivo de Barraña e os horarios serán os seguintes, tomen nota. O equipo xuvenil e filial masculinos que dirixirá Adrián Alves exercitaranse de maneira conxunta os luns, mércores e venres (18:00-20:00) e os martes (11:00-12:30). Os equipos cadete, xuvenil e senior femininos adestrarán luns, mércores e venres (16:00-18:00) e os xoves (11:00-12:30) baixo a supervisión de Emilio Palacio e Narciso Abalo. Pola súa banda o primeiro equipo masculino, adestrado por Emilio Palacio,  ocupará os turnos dos martes, mércores e venres (20:00-22:00). O corpo técnico do Boiro Voleibol é consciente de que os horarios non satisfarán as necesidades individuais de tódolos xogadores e xogadoras pero a escaseza de instalacións das que podemos dispor na actualidade reduce a marxe de maniobra dos técnicos do club. De ter calquer problema poñédevos en contacto cos responsables e tratarase, na medida do posible, de buscar unha solución. ¡Ánimo e a traballar!

luns, 13 de agosto de 2012

MARIO IGLESIAS, NOVO XOGADOR DO NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL:

Mario Iglesias (de amarelo) reforza o posto de central do Náutico
O primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol está rematando de perfilar o cadro de xogadores do seu plantel 2012-2013 co obxectivo de achegarse por terceiro ano consecutivo á coroa da categoría de bronce do voleibol español. De seguro que axudará á consecución desta meta, e moito, a última novidade dos homes que dirixe Emilio Palacio. Trátase do central rianxeiro de 1'93m. Mario Iglesias, que tras moitos anos de servizo ó CV Rianxo recala no Náutico para reforzar a posición de central despois da recente marcha de Pablo Suárez ó Intasa de San Sadurniño. Mario (25-1-1986) é un xogador experimentado na categoría a pesares da súa xuventude e destaca pola súa contundencia en labores de bloqueo e ataque, facetas nas que destacou moitos anos no club veciño. Congratulámonos de ter entre nós a unha persoa da que coñecemos o seu compromiso hacia unha entidade na que no último curso figurou de adestrador-xogador e que sabemos que encaixará á perfección no noso club. En nome da xunta directiva e de toda a familia do Boiro Voleibol, benvido Mario.

xoves, 2 de agosto de 2012

O NÁUTICO XA COÑECE RIVAIS E CALENDARIO DA 2012-2013:

Fase de ascenso 2011-2012
O primeiro equipo do Boiro Voleibol militará un ano máis na 1ª división nacional, competición da que saíu campión as dúas últimas temporadas. Os de Emilio Palacio xa coñecen que equipos participarán na competición de bronce do voleibol español e o calendario que deberán afrontar na 2012-2013. Moitas son as novidades para a próxima campaña, na que o Náutico será o único representante da nosa comunidade nesta categoría. Univ. de Burgos, C.U.V. Alcorcón (Madrid), Univ. de Valladolid, Voleibol Bera Bera (San Sebastián), Collado Vilalba (Madrid) e Salus Voleibol Oviedo acompañarán ós boirenses nesta renovadísima competición que contará con tan só 7 equipos. Os nosos arrancarán a liga regular recibindo ós madrileños de Collado Villalba o día 3 de novembro. Moita sorte rapaces nesta nova aventura, ¡a polo triplete!