domingo, 23 de decembro de 2012

DERROTAS DAS INFANTÍS E CADETES E VITORIA DAS XUVENÍS:

LICEO A 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(25-4, 25-9, 25-3)-(Liga galega infantil feminina)

Derrota das infantís en terras herculinas
Derrota en tres sets e menos dunha hora de xogo das rapazas que dirixe Emilio Palacio en terras coruñesas. Pereceron as boirenses ante a potencia do servicio herculino que, rotación tras rotación, desmantelaba a recepción do Navales Chicolino para conseguir amplas rendas no luminoso e deixar os tanteadores moi desequilibrados. Esta situación fixo estragos na moral das nosas, que vían como a as locais puntuaban sen oposición e se achegaban á vitoria final. O servicio boirense non foi tampouco o doutras citas. A inseguridade das nosas cativas dende os 9 metros permitía unha cómoda construcción das liceístas para atopar puntos fáciles. Con esta derrota as infantís ocupan o 11º posto na táboa clasificatoria, igualadas coa Escola Municipal Ourense-Dompa. Polo Navales Chicolino xogaron: Emma, Lea, Marta, Lía, Paula e Irea. Tamén xogaron Ada, Luciana, Laura Olveira e Laura Piñeiro.

LICEO 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 25-9, 25-17)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes tampouco conseguen conquistar A Coruña
A segunda mala nova na mañá do sábado chegaba da man do equipo cadete feminino que, ó igual que as infantís, caían pola vía rápida no colexio Liceo La Paz. Comezaba o encontro con igualdade e intercambio de golpes entre ámbolos dous conxuntos. Este equilibrio romperíase máis alá da metade do parcial onde, con empate a 16 no tanteador, o servicio local marcou as diferencias e deixou o primeiro xogo en peto coruñés. No segundo as dúbidas do desenlace do primeiro set persistían entre as nosas. Este factor, sumado á excelente capacidade en servicio das locais ocasionaban o abultado da derrota parcia. No terceiro o xogo branquiazul mellorou pero a positiva inercia das herculinas foi suficiente para pechar o encontro e deixar os dous puntos da vitoria na Coruña. As cadetes pechan a clasificación da liga galega igualadas co Voleibol Dumbría (13 puntos). Polo Ingeniería Trazos xogaron: Emma, Ana, Lea, Claudia, Sara, Antía e Ángela (líbero). Agardando unha oportunidade estaban as infantís Paula, Irea e Lía.

IES DE AMES 0-3 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 23-25, 18-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

Ana volve a ser importante coas xuvenís trala súa lesión
Chegaba, na tarde do sábado, a ansiada vitoria do equipo xuvenil feminino logo dunhas semanas onde os resultados non estaban a acompañar ás de Emilio Palacio e Narciso Abalo. As nosas mostráronse serias ó resolver os sets nos momentos quentes dos mesmos e demostrando que paseniño van recuperando o nivel do inicio de campaña. A aportación de Emma Ordóñez, Melissa Novoa e Ana Bugallo en ataque foi vital para que os dous puntos viaxaran cara terras barbanzanas. Especial mención merece a pequena das Bugallo que, trala súa lesión de nocello, semella estar recuperando as sensacións previas a este percance. Con este triunfo O Secreto rompe a igualdade que tiña na táboa clasificatoria co conxunto amiense, situándose cunha vitoria máis que as de Quico Bouza. Por O Secreto xogaron: Sara Bugallo, Emma, Ana, Melissa, Antía, Alejandra e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Sheila Pouso, Isa e Andrea Davila.

1 comentario:

Manu Noia dixo...

Moi boas! este ano volvemos a facer o 3x3 de nadal, vai ser este sábado (día 29) e o plazo de inscripción remata o xoves a noite. Para mais información:

http://cvnoia.blogspot.com.es/2012/12/3x3-de-navidad.html

Un saludo!