sábado, 25 de febreiro de 2012

RESULTADOS DO 25 E 26 DE FEBREIRO:

XORNADA DE DEPORTE ESCOLAR
(Benxamín, alevín e infantil)
Os máis pequenos tamén compiten
Os máis pequenos do Boiro Voleibol tamén tiveron na mañá do pasado sábado a súa xornada de competición e convivencia cos outros rapaces e rapazas que se inician no noso deporte. A sede foi nas instalacións deportivas da vila de Noia e representando ó noso clube foron dous equipos alevíns femininos, un equipo alevín masculino e outro equipo infantil feminino. Boa experiencia a que os nosos pequenos viven semana tras semana viaxando e pasando as mañás de sábado cos seus compañeiros.

NARÓN VOLEA 0-3 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB
(14-25, 15-25, 7-25)-(Liga provincial cadete feminina)
As cadetes clasifícanse para a liguiña de ascenso
Vitoria a domicilio das rapazas que dirixe Emilio Palacio que lles sirve para clasificarse matemáticamente para a liguiña de ascenso á liga galega cadete. Unha semana máis o potente servizo das nosas decantou a balanza nun encontro no que o Ingeniería Trazos foi superior ó rival en todo momento. O preparador boirense aproveitou a ampla diferencia nos parciais para darlle unha oportunidade ás xogadoras menos habituais no 7 inicial e o nivel do equipo non se viu mermado en absoluto. Cabe destacar tamén o debut de Emma Ordóñez na posición de central, cubrindo as baixas de Alejandra Galbán e Sandra Fernández con solvencia. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Ana Bugallo,  Melissa Novoa, Antía Sampedro, Sara Lojo e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Ángela Alves e Isa Gómez.

CLUB VIGO VOLEIBOL 3-0 REYCA BOIRO VOLEIBOL
(25-10, 25-11, 25-13)-(Liga galega cadete masculina)
Tropezo do Reyca en Coia
Clara derrota do equipo cadete masculino do Boiro Voleibol ante o gran favorito desta liga galega, os olívicos do Club Vigo Voleibol. Os boirenses, condicionados polo bo ataque local non conseguían encadear momentos de bo xogo prolongados. Mentres tanto alternaban entre accións brillantes e imprecisións en case que todo o encontro. Como nota positiva do encontro queda a boa actuación do oposto Fran Dieste, que incomodaba desde o ataque e o servicio ó entramado defensivo vigués. Despois deste tropezo o Reyca visitará a próxima fin de semana ó IES Ames coa intención de volver ó camiño da vitoria tras correxir erros padecidos esta xornada. Polo Reyca Boiro Voleibol xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Óscar Refojo, Dani Gey, Xian Pérez, Lois Vázquez e Adrian Outeiral (líbero).

CLUB VIGO VOLEIBOL 3-0 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-16, 25-13, 25-20)-(Liga galega xuvenil masculina)
O Trillizos non pudo co Club Vigo Voleibol
O Trillizos, equipo xuvenil masculino do Boiro Voleibol caeu no P.M. de Coia ante o Club Vigo Voleibol por 3-0. A pesares do abultado do tanteador pódense extraer moitas conclusións positivas como poden ser a aportación de xogadores moi novos ó equipo xuvenil. Este é o caso dos cadetes Xian Pérez e Fran Dieste que paseniño se van asentando no equipo e mostran un potencial esperanzador para o futuro dos equipos masculinos do noso club. O encontro estivo dominado polos vigueses case que en tódolos momentos do mesmo. Ó Trillizos costáballe moito entrar nas mangas e só a partires da metade delas comezaba a enlazar accións positivas para facer dubidar un mínimo ó potente rival. O mellor xogo por parte dos nosos apreciouse no terceiro e derradeiro set onde en todo o parcial se mantivo unha distancia prudente no luminoso gracias ó bo facer dos centrais boirenses: Miguel Lorenzo e Alfonso Rey. Polo Trillizos Boiro Voleibol xogaron: Daniel Vázquez, Fran Dieste, Miguel Lorenzo, Alfonso Rey, Xian Pérez, Martín Herrera e Abel Sánchez (líbero). Como reservas atopábanse Ismael Martínez, Dani Gey, Lois Vázquez e Óscar Refojo.

AURIA VELLA VOLEYOURENSE 0-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(20-25, 21-25, 16-25)-(1ª Div. Nacional masculina)
O bloqueo boirense marca as diferenzas no Paco Paz
Vitoria en tres sets do Náutico Boiro Voleibol na súa visita ó Paco Paz para enfrontarse ó Auria Vella Voleyourense. Os de Emilio Palacio presentáronse na cidade das burgas coas baixas dos receptores Miguel Vázquez por lesión e Gustavo Romero por motivos persoais pero o equipo soubo sobrepoñerse para superar con contundencia ó seu rival. Comezaba o encontro cos boirenses conectados e concentrados en recuperar o bo nivel de xogo mostrado nos inicios da competición. A orde e intensidade defensiva dos nosos propiciaba que chegado o ecuador da primeira manga a distancia fose o suficiente como para pechar o xogo con solvencia. No segundo set o bloqueo boirense multiplicou a súa efectividade. Da man do colocador Iván Souto a primeira liña de defensa boirense fixo que a defensa se posicionara con tino e que os ourensáns non atoparan o camiño de puntuar en toda a manga. O resultado, coma no primeiro foi de vitoria barbanzá. No terceiro xogo os nosos non baixaban as revolucións do xogo a sabendas das imprevistas reaccións que o equipo local acostuma a levar a cabo. Cun inspirado Manuel Pérez no posto de receptor que atopaba sempre mans para puntuar vía block-out o Náutico camiñaba cara unha nova vitoria que os achega un pouco máis á clasificación final para a fase de ascenso á liga FEV española. Polo Náutico Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Antón Pérez, Cristóbal Álvarez, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Rubén Taibo, Daniel Agra, Manuel Pérez e Xavier Sarille


DOMPA GESTIÓN A 2-3 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(25-17, 15-25, 25-17, 22-25, 8-15)-(2ª Div. Autonómica feminina)
Carla Castro, actuou de receptora con éxito no servizo
Sufrida vitoria de O Secreto na súa visita ó Dompa Gestión A nun partido que xa non se antoxaba doado. A falta de concentración no inicio do partido fixo que o primeiro set se decantase da parte ourensá. A partires de aquí as nosas xogadoras sufrían altibaixos e, por momentos, realizábase un xogo vistoso ademais de efectivo pero esta situación non podía ter outro desenlace que non fose o set de desempate. Neste tie-break o inicio non era esperanzador para as boirenses. Un parcial de 6-0 poñía en clara vantaxe ás locais pero as de Narciso Abalo e Andrés Martínez non darían o encontro por perdido. Comandadas por Ángela Triñanes e Carla Castro dende a línea de saque (13 servizos sen erro na derradeira manga) a vitoria viaxou para terras barbanzás. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Ángela Triñanes, Katy Sampedro, Sandra Lojo, Ángela Fernández, Andrea Barreiro, María Triñanes e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Carla Castro e Sara Bugallo.

2 comentarios:

Adrián Alves dixo...

Derrotas contundentes de cadetes e xuvenís. Sabíamos que sería unha saída complicada e así foi, nós a o noso (paso a paso) que o tempo nos devolverá con alegrías deportivas o traballo que ahora fagamos.

Noraboa para as cadetes que seguen imparables e de seguir así rematarán a tempada cun balance extraordinario.

Para o Náutico pouco que decir, a traballar moito para preparar os partidos que nos quedan, que van a ser moi moi duros.

P.D: grande Manu, cada vez q sae ó campo demostra cousas. Block-out pim pam!!!

FORZA BOIRO VB!!!

Narciso dixo...

E sen non hai bloqueo, pois faiselle block-out á barilla e a celebralo XDDDD