mércores, 15 de decembro de 2010

Partidos do 18 de decembro:

Nova fin de semana na que os nosos equipos emprenderán diversas viaxes a diferentes lugares do territorio autonómico e nacional. Moita sorte para todos eles e a seguir medrando.
CD CONXO-PROBOIN BOIRO VOLEIBOL
(12:00, Pabellón A Restollal)-(2ª división autonómica feminina)
Madrugan as xogadoras do Proboin para enfrentarse ás santiaguesas no seu feudo. A boirenses parten como líderes pero contan con importantes baixas este finde: Anael Gómez, Carolina Cuadros e Sara Martínez. 

IES TURISMO DE VIGO CAIXANOVA-BOIRO VOLEIBOL
(12:30h, Polideportivo municipal de Teis)-(Liga galega xuvenil maculina)
Buscarán os de Andrés Martínez volver ó camiño da vitoria en terras pontevedresas ante un sempre combativo conxunto como é o IES Turismo de Vigo Caixanova.


IES TURISMO DE VIGO CAIXANOVA-BOIRO VOLEIBOL
(14:00h, Polideportivo municipal de Teis)-(Liga galega cadete maculina)
Partido complicado o que deberán encarar os xogadores ás ordes de Andrés M. O conxunto boirense contará xa con Ismael Martínez, Lois Vázquez e Fran Dieste, recén chegados das súas respectivas seleccións autonómicas.

TURISMO DE VIGO-REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(14:00h, Polideportivo municipal de Teis)-(2ª división autonómica maculina)
Encontro termómetro para o equipo filial masculino que buscará continuar nesta 2ª división do voleibol autonómica con paso firme e pleno de vitorias e sets gañados. Cabe suliñar que poderá reaparecer o  receptor Xavier Sarille logo da lesión de nocello da que se tratou.


IES AMES-BOIRO VOLEIBOL
(16:00h, Polideportivo municipal de Ames)-(Liga provincial xuvenil feminina)
Buscarán as de Juan Resúa manterse invictas no casilleiro desta liga provincial e seguir deste xeito ascendendo na táboa de clasificados.

IES AMES-BOIRO VOLEIBOL
(17:30h, Polideportivo municipal de Ames)-(Liga provincial cadete feminina)
As xogadoras de Juan Resúa seguen cunha fulgurante xeira de resultados positivos, que as catapulta a compartir o liderado co propio IES Ames. O equipo gañador deste encontro poderá liderar en solitario a liga.

CID JOVELLANOS (Gijón)-HIPESCAR BOIRO VOLEIBOL
(19:00h, Pabellón La Arena)-(1ª división nacional masculina)
Viaxan a Gijón os xogadores de Emilio Palacio co obxectivo de acercarse aos dous equipos que a día de hoxe aparecen destacados na táboa, os cales se enfrentan entre eles nun interesante encontro desta 7ª xornada da 1ª división nacional masculina. De lograr a vitoria en terras asturianas un dos dous equipos que van en cabeza quedará a tiro de pedra dos boirenses.

domingo, 12 de decembro de 2010

Crónica da xornada do 11-12 de decembro


BOIRO VOLEIBOL 3-1 FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(26-24-25-19,23-25,25-18)-(Liga provincial cadete femenina)

Ana Bugallo bloqueando
Traballada vitoria das xogadoras ás ordes de Juan Resúa que seguen intratables neste arranque ligueiro. Baseando o seu xogo nun potente saque e nunha constancia e regularidade moito maior que a do equipo rival as rapazas do Boiro Voleibol fixéronse con autoridade co partido. Deste xeito as boirenses comparten o liderado con IES Ames, rival ao que se enfrontarán na próxima xornada do día 12 de decembro.Polo Boiro Voleibol xogaron: Ana Bugallo (22 puntos), Alba (1 punto), Sara Bugallo (12 puntos), Sheila (2 puntos), Katy (4 puntos), Melissa (12 puntos). Como reservas actuaron Sandra (3 puntos) e Andrea. 


HIPESCAR BOIRO VOLEIBOL 2-3 CLUB VIGO VOLEIBOL B
(23-25,23-25,25-21,25-23,11-15)-(1ª División nacional masculina)

Bloqueo de Iván "Pas" xunto a Jesús
Dura derrota en cinco sets a que encaixou na xornada do sábado o noso primeiro equipo masculino nun partido de alto nivel e de gran emoción ata o último punto. Comezaba o Hipescar cun xogo moi sólido, disparándose no marcador do primeiro parcial e obrigando aos vigueses a consumir un tempo morto con 14-9 no luminoso. Foi a partir de este momento cando os locais desapareceron do encontro. Esta situación foi aproveitada á perfección polo experimentado equipo olívico  que se levou o xogo por 23-25. A situación de desconcerto permaneceu nos locais ao largo do segundo set. Os vigueses levaron totalmente a iniciativa este parcial e só  unha excelente racha de servicios por parte de Jesús Vázquez "Pivot" permitiu meter na loita ao Hipescar, que perecería por un axustado 23-25. No arranque do terceiro parcial o equipo local conxurábase para darlle a volta ao adverso resultado de 0-2. Mellorouse en K1 e K2 pero sobre todo houbo un acelerón considerable na intensidade e ánimo xeral dos xogadores do Hipescar. Cunha gran actuación de Narciso Abalo neste xogo (9 puntos) os boirenses leváronse o set por catro tantos de diferencia. A dinámica ascendente mantíñase no cuarto set. Forte K1 do Hipescar o que obrigaba aos visitantes a xogar a remolque no marcador ata  os derradeiros puntos do parcial, nos que o Vigo apretaba e axustaba o luminoso nun resultado final 25-23. O tie-break antoxábase moi difícil para ámbolos dous conxuntos. No inicio, os vigueses conseguiron unha vantaxe con 2 bloqueos que a posteriori sería decisiva. Tal diferencia foi levada no marcador ata o final xa que ambos equipos mantiñan con facilidade o seu cambio de saque, mais non conseguían os locais acadar un contraataque que os situara de novo no encontro. O resultado final foi 11-15.
Polo Hipescar Boiro Voleibol xogaron: Iván Souto "Pas" (6 puntos), Narciso Abalo (26 puntos), Miguel Vázquez (9 puntos), Cristóbal Álvarez (21 puntos), Jesús Vázquez "Pivot" (1 punto), Antón Pérez (4 puntos) e Adrián Alves "Chicho" (líbero). Como reservas actuaron Gustavo Romero, Manuel Pérez Andrade, Ignacio Cibeira, Daniel Eiras e Fran Outeiral.

PROBOIN BOIRO VOLEIBOL 3-0 COMERCIAL DURÁN
(25-14,25-17,25-15)-(2ª División autonómica feminina)

Carolina no bloqueo frente ás pontevedresas
Contundente vitoria en tres sets das rapazas dirixidas por Andrés Martínez que en ningún momento do encontro permitían ás pontevedresas do Comercial Durán meterse  na loita polo triunfo. Seguen as boirenses líderes invictas do grupo galego da 2ª división feminina con 6 triunfos en 6 partidos cedendo tan só un set no que vai de competición regular. Polo Proboin Boiro Voleibol xogaron: Luci Paz, María Triñanes, Sara Martínez, Anael Gómez, Alicia Novoa, Carolina Cuadros e Carla Castro (líbero). Como reservas estaban Ángela Fernández e a recén incorporada á disciplina do primeiro equipo feminino Leonor Lorenzo.

BOIRO VOLEIBOL 0-3 CV VIGO
(14-25,19-25,19-25)-(Liga galega xuvenil masculina)

Bloqueo de Martín e Diego
Derrota do equipo xuvenil masculino ás ordes de Andrés Martínez ante un duro rival como é o equipo vigués. A irregularidade local non permitía acercarse no marcador e os erros en ataque distanciaban ós nosos rapaces da vitoria. Deberán seguir traballando os xuvenís do clube, xa que o potencial deste equipo é bo tal e como demostraron na xornada anterior no derbi ante o Mexillón de Ouro VB Rianxo, facéndose coa vitoria por 3-2. Polo Boiro Voleibol xogaron: Antón Pérez, Diego Romero, Diego García, Dani Sieira, Daniel Vázquez, Martín Herrera e Adán (líbero).Como reservas estiveron Abel Sánchez, Xian Pérez e Miguel Lorenzo.


BOIRO VOLEIBOL 0-3 CV VIGO
(4-25,21-25,16-25)-(Liga galega cadete masculina)

Fran Dieste nas alturas
Coas importantes baixas de Ismael Martínez e Lois Vázquez por estar concentrados coa selección galega infantil o equipo cadete masculino do Boiro Voleibol non tivo oportunidades de facer dano ao equipo olívico. O partido comezaba cos locais ausentes e cunha ineficacia e irregularidade no seu xogo moi notoria. A medida que avanzaba o partido o xogo boirense mellorou e as sensacións non foron todo o malas que prometían no inicio do partido. Polo Boiro Voleibol xogaron: Abel Sánchez, Daniel Vázquez, Fran Dieste, Raul Lojo, Óscar Refojo e Xian Pérez. Como reserva actuou Rubén Martínez.


REDESYL BOIRO VOLEIBOL 3-0 COMERCIAL DURÁN
(25-21,25-17,25-21)-(2ª División autonómica masculina)

Bloqueo do Redesyl
Claro trinufo do equipo filial masculino dirixido por Antón Pérez ante o vixente campión de liga, o equipo pontevedrés do Comercial Durán. A pesar das moitas modificacións tácticas e de xogadores realizadas durante o encontro polo preparador local o equipo gañou con autoridade e suficiencia ante un equipo con maior experiencia na competición. Cabe destacar o bo traballo táctico do conxunto, excelente en defensa e cun contrataque resolutivo durante todo o encontro sobre todo da man de Manuel Pérez "Cholo". O Redesyl continúa intratable na competición regular con tres vitorias en tres partidos e sin ceder aínda ningún set polo camiño. A pesar de contar coa importantísima baixa do receptor titular Xavier Sarille o equipo mostrou unha solidez envexable e demostrou que é un clarísimo aspirante a dominar a liga de 2ª división autonómica nesta tempada 2010-2011. 
Polo Redesyl Boiro Voleibol xogaron: Rubén Taibo "Mechas", Alén García, Diego Romero (2 puntos), Román Vidarte (4 puntos), Fran López, Antón Pérez (7 puntos) e Juan Lorenzo "Doc" (líbero). Como reservas actuaron Manuel Pérez "Cholo" (11 puntos), Fran Outeiral (1 punto), Roberto Rodríguez "Tito" (9 puntos), Luis Lustres e Juan Resúa (1 punto).


FESTA DO VOLEIBOL BOIRENSE NO HIPESCAR:

DJ Magenta
Na mañá do pasado sábado moitos dos xogadores e directivos do clube fixemos unha promoción do voleibol e da nosa propia entidade na rúa peonil de Boiro, na porta dun dos nosos partocinadores como é o Hipescar. Ali rematamos de vende-la lotería de Nadal que quedaba, así como facer novos socios e xogadores para o Boiro Voleibol. A resposta da xente e os resultados obtidos foron excelentes e a festa foi moi entretida para os cativos e os non tan cativos. Unha boa xornada amenizada en parte pola Charanga "O Trompo das Nicras" e polo noso pinchadiscos particular, DJ Magenta. Grazas a todos os que colaboron nesta actividade e grazas tamén por todo o público que arroupa ós nosos equipos nos seus respectivos encontros. Grazas

mércores, 8 de decembro de 2010

Partidos do 11 e 12 de decembro:

SÁBADO 11:

BOIRO VOLEIBOL-FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(17:00h, "A Cachada")-(Liga provincial cadete feminina)
Buscan as de Juan Resúa unha nova vicoria tralo triunfo a domicilio no derbi ante as rianxeiras do Mexillón de Ouro Voleibol. As sensacións despois das dúas primeiras xornadas son inmellorables e as nosas están en cabeza na súa competición. (Informar tamén de que Ana Bugallo e Irene están convocadas para a concentración da Selección Galega Infantil que será en Noia na xornada do domingo 12)

EQUIPOPJPGPPNPJFJCTFTCPUNTOS
1Boiro Voleibol2200621981554
2IES Ames2200631971794
3Os Bacelos Dodro2110431621543
4Fisioterapia Cinesia Noia2110341611363
5Mexillón de Ouro - Voleibol Rianxo2020361682022
6CD Conxo2020261402002


HIPESCAR BOIRO VOLEIBOL-CLUB VIGO VOLEIBOL B
(19:00h, "A Cachada")-(1ª división nacional masculina)

Miguel Vázquez
Partidazo por todo o alto o que se vivirá na tarde do próximo sábado no polideportivo boirense da Cachada.
Citanse para o evento dous equipos separados por unha vitoria na clasificación e na que os boirenses ás ordes de Emilio Palacio intentarán por tódolos medios conseguir un resultado positivo para asaltar os postos que dan dereito a acudir a fase de ascenso a liga FEV. Os vigueses chegan a Boiro como líderes invictos da competición e como actuais campións de liga polo que a vitoria para os nosos venderase moi cara nun partido que promete emocións fortes. O último precedente deste partido foi unha vitoria para o Hipescar Boiro Voleibol na pasada tempada 2009-2010 cando os boirenses venceron por 3-2 cun gran partido de Miguel Vázquez, Daniel Agra e José Luis Lojo "Cabeco" ó no que aquel momento era o líder da 1ª división.
O preparador boirense estará atento ás evolucións do seu receptor Iago Vidal, que se recupera dunha doenza na zona cervical que lle obrigou a ausentarse dos últimos adestramentos do equipo. Todo parece indicar que o receptor noiés chegará en condicións para o partido pero en caso contrario calquera dos outros receptores tomará o testigo e dará a cara no encontro como xa fixeron na xornada anterior no derbi ante o CV Rianxo.

PROBOIN BOIRO VOLEIBOL-COMERCIAL DURÁN
(21:00h, Barraña)-(2ª división autonómica feminina)
Buscarán as de Andrés Martínez manter a súa condición de invictas e líderes do grupo galego da 2ª división. O rival será o equipo pontevedrés de Comercial Durán que acadou dúas vitorias en cinco partidos para ocupar a 6ª praza da clasificación.

EQUIPOPJPGPPNPJFJCTFTCPUNTOS
1Proboin Boiro Voleibol550015140431010
2Emeve Lab. Nupel B54101243843529
3San Sadurniño54101354113409
4Voley Arteixo54101254063469
5Calasancias Coruña B54101374344059
6Comercial Durán523010104514397
7Autos Rico UDC A51405123483986
8CD Conxo51405143864306
9XAV Cambados50503153594305
10Dompa Gestión50500152423755

DOMINGO 12:
BOIRO VOLEIBOL-CV VIGO
(10:00h, Barraña)-(Liga galega xuvenil masculina)

Duro encontro para o equipo dirixido por Andrés Martínez que chega a esta cita coa moral elevada tras a súa vitoria no derbi barbanzano ante o Mexillón de Ouro Voleibol de Rianxo por un axustado resultado no luminoso de 3-2 para os locais.









BOIRO VOLEIBOL-CV VIGO
(11:30h, Barraña)-(Liga galega cadete masculina)
Difícil partido para os pupilos de Andrés Martínez que veñen de vencer en 3 sets a Bertamiráns FC Voleibol. Para afrontar o encontro os boirenses contarán coa alta de Abel Sánchez e Alfonso totalmente recuperados da súa doenza, pero terán as baixas (aínda que por un bo motivo) de Ismael Martínez e Lois Vázquez, ámbolos dous convocados para a concentración da Selección Galega Infantil, que se celebrará en Noia durante toda a xornada do domingo 12. 

REDESYL BOIRO VOLEIBOL-COMERCIAL DURÁN
(12:00 h, "A Cachada")-(2ª división autonómica masculina)

Antón Pérez dando instruccións aos seus xogadores
Volve á competición o equipo filial masculino ás ordes de Antón Pérez coa misión de continuar invictos na súa competición regular. O rival será o actual campión de liga, o sempre combativo equipo pontevedrés do Comercial Durán.
Para o encontro os boirenses contarán coa importante baixa dun dos seus receptores titulares, Xavier Sarille por mor dunha lesión de nocello e coa xa definitiva baixa de Marcos Figueira "Peiper".






ÚLTIMA HORA: MÁIS BOIRENSES NA SELECCIÓN GALEGA

Selección galega infantil masculina 2009-2010
Boas novas chegan dende a FGVB xa que despois da volta de Fran Dieste da concentración da selección galega cadete celebrada en Monforte os pasados días 6 e 7 os nosos xogadores Ismael Martínez, Lois Vázquez, Ana Bugallo e Irene Vicente figuran na lista de convocados para a concentración das seleccións galegas infantiles masculina e feminina que se celebrará en Noia o próximo domingo 12 de decembro. Noraboa para todos eles e a seguir traballando.



martes, 7 de decembro de 2010

Festa do voleibol boirense:

II EVENTO SOCIAL DO BOIRO VOLEIBOL:

O vindeiro sábado 11 de decembro a partir das 11:00h celébrarase na rúa peonil de Boiro, fronte o local patrocinador do HIPESCAR un evento de cara o público boirense coa misión de publicitar o clube, promocionar o deporte do voleibol na vila e captar novos socios e afeccionados para a nosa entidade. Agardamos a colaboración de tódolos xogadores e xogadoras vestidos co chándal do clube para botar unha man e superar así a incrible repercusión obtida o ano pasado neste evento. Cantos máis sexamos moito mellor. É o momento de devolverlle a todos os folgos que nos dan nos encontros.

Imaxe correspondente ó evento da pasada campaña


!Apoia ó teu clube!

luns, 6 de decembro de 2010

Resultados da xornada na ponte de decembro:

BOIRO VOLEIBOL 3-2 MEXILLÓN DE OURO RIANXO VB.
(13-25,25-21,25-23,19-25,15-11)-(Liga galega xuvenil masculina)

Remate de Martín frente o bloqueo rianxeiro
Estréase no casilleiro da liga galega o equipo xuvenil masculino do Boiro Voleibol nun partido tan especial coma un derbi co equipo rianxeiro ó outro lado da rede. Bo encontro o visto no polideportivo da Cachada por parte de ámbolos dous conxuntos ofrecendo un emocionante espectáculo ata o final do quinto set no que os boirenses puxeron punto e final ao encontro cun triple bloqueo en zona 2.
Comezaba o primeiro set con moitas dúbidas nos locais e cunha deficiente recepción que se convertía nun sinfín de free-ball  convertidas en punto polo contundente ataque rianxeiro por parte dos seus receptores.O resultado era de victoria cómoda para o equipo visitante (13-25). No segundo xogo afinou recepción o Boiro Voleibol e guiados por un gran Martín Herrera con 7 puntos de ataque conseguiu facerse co triunfo no set por 25-21. O terceiro foi o set clave para o equipo boirense pola incrible remontada dos locais. O preparador local Andrés Martínez viuse na obriga de pedir un tempo morto cun abultado 4-11 a prol dos rianxeiros. Tal decisión técnica tivo efecto inmediato no equipo e comezaron a escalada no luminoso para facerse co parcial por un axustado 25-23. Con 2-1 a favor volveron as dúbidas no cuarto set. O nivel de recepción caiu, o ánimo xeral do equipo baixou e os visitantes forzaron para levarse o set por 19-25 cun inspirado Héctor Matilla en ataque e bloqueo. Chegábase ó clásico tie-break propio dos derbis barbanzanos. A igualdade era a gran dominadora ata mediado o set onde os  rapaces ás ordes de Andrés Martínez pisaron o acelerador para levarse o xogo e o partido da man de Diego Romero (3 puntos neste parcial) e Martin Herrera (4 puntos neste parcial).
Polo Boiro Voleibol xogaron: Martín Herrera, Ismael Martínez, Dani Sieira, Diego Romero, Antón Pérez, Diego García e Adán (líbero). Como reservas estaban Daniel Vázquez, Abel Sánchez e Miguel Lorenzo.


BOIRO VOLEIBOL 3-0 BERTAMIRÁNS FC VOLEIBOL
(25-19,25-23,27-25)-(Liga galega cadete masculina)

Bloqueo de Dani e Oscar arroupados por Isma e Lois
Cómoda vitoria en 3 sets para o equipo cadete masculino do Boiro Voleibol ás ordes de Andrés Martínez que significaba a estrea no casilleiro da competición regular autonómica. A consistencia no seu K2 cuns Daniel Vázquez e Fran Dieste moi acertados en ataque (14 puntos cada un) e o efectivo servicio foron as principais causas do amplo triunfo boirense. Cabe destacar tamén o traballo de Lois Vázquez en recepción, dando unha continuidade óptima ó xogo local.
Polo Boiro Voleibol xogaron: Raul Lojo, Fran Dieste, Ismael Martínez, Xian Pérez, Daniel Vázquez e Lois Vázquez. Como reserva actuou Óscar Refojo. Causaron baixa Alfonso e Abel Sánchez.
Os artilleiros dos locais foron: Daniel Vázquez e Fran Dieste (14 puntos), Ismael Martínez (6 puntos), Óscar Refojo e Xian Pérez (4 puntos), Lois Vázquez (3 puntos) e Raul Lojo (1 punto).