martes, 14 de outubro de 2014

EQUIPO IDEAL DO BOIRO VOLEIBOL TRALA PRIMEIRA XORNADA DAS LIGAS GALEGAS:

Primeiro equipo ideal da 2014-15
A primeira fin de semana ligueira deixounos as seguintes actuacións destacadas d@s nos@s: Colocador, Rubén Martínez: a súa labor de dirección no colexio Valle Inclán foi vital para a vitoria dos nosos cadetes sobre As Mariñas de Oleiros. Rubén foi tamén un seguro de vida para o JEALSA na liña de saque, desde onde conseguiu un bo puñado de puntos par os seus. Oposto, Alexis Sanlés: gran debut en liga galega o de Alexis e por extensión de todo o equipo infantil. Destacado en labores de defensa e saque, facetas onde axudou a que o JEALSA estivera a piques de anotarse o seu primeiro set como equipo. Receptora 1, Alejandra Moledo: gran actuación ofensiva a da noiesa na vitoria das xuvenís ante o IES de Ames. O seu servicio en potencia castigou constantemente a liña de recepción das amienses. Receptor 2, Sergio Castaño: foi a punta de lanza en ataque dos infantís en Oleiros. A súa actuación en recepción e saque foi sobresaínte no debut dos máis pequenos en terras coruñesas. Central 1, Lois Vázquez: malia xogarse tan só set e medio no PM de Bertamiráns a actuación do pequeno dos irmáns Vázquez foi merecedora de formar no equipo ideal da xornada. O seu ataque foi unha das principais armas que esgrimía o seu colocador para danar o entramado defensivo do IES de Ames. Central 2, Christopher Rodríguez: seguro en recepción e atinado en saque. Esas son as credenciais que presenta o central do JEALSA cadete masculino para ser un dos destacados da xornada no Boiro Voleibol. Líbero, Sheila Outeiral: por todos é coñecido a calidade de Sheila nesta posición e o pasado sábado quedou patente unha vez máis. Segura en recepción e disciplinada en defensa axudou na vitoria das xuvenís por 0-3.

domingo, 12 de outubro de 2014

RESULTADOS NO DEBUT DOS NOSOS EQUIPOS NAS LIGAS GALEGAS 2014-15:

AS MARIÑAS OLEIROS 0-3 JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(21-25, 13-25, 16-25)-(Liga Galega Cadete Masculina)

Primeiros dous puntos para o JEALSA cadete masculino
Vitoria en tres sets do noso equipo cadete masculino na súa visita a un reforzado equipo de As Mariñas. O choque comezaba frío, con indecisións en ambos bandos. Pasada a metade de set foi o servicio do pequeno dos Martínez o que golpearía con forza na liña de recepción local para poñer en vantaxe ós nosos e pechar cunha renda cómoda o primeiro set. A partires de aquí o JEALSA atopouse máis cómodo na cancha do colexio Valle Inclán. Malia que en ataque non se mantivo unha eficacia tan sobresaínte coma en outras ocasións o ritmo de xogo marcado polos boirenses foi demasiado para os coruñeses e os dous puntos da vitoria puxeron como destino A Cachada. A vindeira semana visita ó sempre complicadísimo Municipal de San Sadurniño, a preparalo a conciencia. Polo JEALSA xogaron: Rubén M., Daniel O., Pablo N., Darío O., Gabriel S., Christopher R. e Borja S. (líbero). Como reservas estiveron Álvaro P., Manuel T., Pablo D. e Álex V.

mércores, 8 de outubro de 2014

O COMEZO DAS LIGAS GALEGAS PROTAGONIZAN ESTA XORNADA DE SÁBADO:

AS MARIÑAS OLEIROS - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(10:00h, Valle Inclán)-(Liga Galega Infantil Masculina)

AS MARIÑAS OLEIROS - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(11:30h, Valle Inclán)-(Liga Galega Cadete Masculina)

IES DE AMES - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(16:00h, PM Bertamiráns)-(Liga Galega Cadete Feminina)

IES DE AMES - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(16:00h, PM Bertamiráns)-(Liga Galega Xuvenil Masculina)

IES DE AMES - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(18:00h, PM Bertamiráns)-(Liga Galega Xuvenil Feminina)

CV BRUXAS - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(20:00h, PM Bertamiráns)-(2ª División Autonómica Feminina)

luns, 6 de outubro de 2014

DESANLACES DA COPA PROMESAS, FEDERACIÓN E GALICIA:

O bloqueo dalle as dúas vitorias ós nosos en Noia
A pasada fin de semana deixounos o desenlace dos primeiros torneos oficiais para os nosos equipos nesta nova 2014-15. A colleita pódese catalogar de positiva xa que tres dos nosos equipos remataron subcampións (Copa Promesas Masculina, Copa Federación Masculina e Copa Galicia Masculina) e un deles colgouse a medalla de bronce (Copa Promesas Feminina). Os cadetes, na súa visita a Ferrolterra, gañaban por 3-0 a Narón Volea (25-10, 25-12, 25-13) e perecían por 0-3 ante o EMEVE (25-18, 25-21, 25-20) nunha mañá na que os de Adrián Alves estiveron lonxe de mostrar a súa mellor versión. Ó mesmo tempo as cadetes que dirixe Emilio Palacio disputaban a Copa Promesas Feminina no Polideportivo Municipal da Pinguela. A mañá saldouse con dúas derrotas para as boirenses. Primeiro caían por 3-0 ante EMEVE (25-12, 25-17, 25-9) e a continuación por 2-1 ante CV Ribeira Sacra (19-25, 25-19, 25-18) nun encontro que deixou moi boas sensacións para as nosas. A tarde do sábado trasladaba tódalas miradas ó Alonso Rodríguez noiés onde se disputou a xornada final da Copa Federación Masculina. Os nosos desfixéronse en primeiro lugar do que a posteriori se alzaría co triunfo, o Fisioterapia Cinesia Noia por 1-2 (20-25, 20-25, 25-19) nun choque dominado polos boirenses dende o comezo. A continuación repetiríase triunfo sobre EMEVE (12-25, 24-26, 25-21) gracias a unha espectacular actuación dos nosos en bloqueo. Para a mañá de domingo quedaba o prato forte. O Náutico non cumpliu coas expectativas na xornada decisiva da Copa Galicia Masculina e perdeu nun encontro para esquecer ante o Intasa San Sadurniño por 3-0 (25-19, 25-23, 25-21) na súa estrea matutina. Minutos despois afrontarían o seu encontro ante EMEVE con outra actitude e rozaron o título nunha disputa que remataría cun 2-1 para os locais grazas á aportación dos seus homes máis destacados (Marlon Palharini e Juan Díaz-Romeral).

mércores, 1 de outubro de 2014

NARÓN, MONFORTE, LUGO E NOIA DESTINOS NA DERRADEIRA XORNADA DE COPA GALICIA:

SÁBADO 4:

NARÓN VOLEA - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(11:30h, PM A Gándara de Narón)-(Copa Promesas Masculina 2014)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - EMEVÉ
(11:30h, PM A Pinguela de Monforte)-(Copa Promesas Feminina 2014)

EMEVÉ - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, PM A Gándara de Narón)-(Copa Promesas Masculina 2014)

CV RIBEIRA SACRA - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, PM A Pinguela de Monforte)-(Copa Promesas Feminina 2014)

JEALSA BOIRO VOLEIBOL - FISIOTERAPIA CINESIA NOIA
(16:00h, Alonso Rodríguez de Noia)-(Copa Federación Masculina 2014)

EMEVÉ - JEALSA BOIRO VOLEIBOL
(17:30h, Alonso Rodríguez de Noia)-(Copa Federación Masculina 2014)

DOMINGO 5:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL - INTASA SAN SADURNIÑO
(10:00h, P. Municipal de Lugo)-(Copa Galicia 2014)

EMEVÉ - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(11:15h, P. Municipal de Lugo)-(Copa Galicia 2014)

luns, 29 de setembro de 2014

O NÁUTICO DA A CAMPANADA NA PRIMEIRA XORNADA DA COPA GALICIA:

Cristóbal Álvarez volveu a ser un dos destacados do Náutico
Fin de semana cheo de partidos de Copa Galicia para os nosos equipos. O JEALSA Boiro Voleibol (cadete feminino) viaxaba na mañá do sábado a Narón para intentar seguir adiante na Copa Promesas Feminina. As de Emilio Palacio golpearon primeiro desfacéndose por 3-0 (25-7, 25-1, 25-7) do CV Narón Volea B. A continuación vencerían por un axustado 2-1 ó CV Pontevedra A (25-18, 25-22, 23-25) e por un claro 0-3 a Narón Volea A (12-25, 16-25, 17-25). Deste xeito clasificábanse as nosas para unha nova ronda onde se medirán na Final A ós equipos do EMEVÉ de Lugo e do CV Ribeira Sacra. Tamén na xornada matutina de sábado entraba en acción o Redesyl na Copa Federación Masculina. A Cachada presenciaba a súa derrota ante o Fisioterapia Cinesia Noia por un axustadísimo 1-2 (22-25, 25-21, 23-25) e o triunfo sobre EMEVE por 2-1 (25-22, 12-25, 25-21). O último equipo de base en entrar en acción sería o JEALSA (cadete masculino) no que a súa expedición a Lugo na mañá de domingo para disputar a Copa Promesas Masculina se saldaría cunha vitoria por 3-0 sobre o Narón Volea (25-14, 25-13, 25-21) e cunha derrota pola mínima ante o EMEVE, 2-1 (25-17, 29-31, 25-22). Todo por decidir nunha última xornada á que os de Adrián Alves chegan como líderes do torneo. O prato forte da fin de semana vivíuse na Cachada na sesión vespertina do sábado coa Copa Galicia Masculina en xogo. Os equipos do EMEVÉ (Superliga) e Intasa San Sadurniño (Superliga 2) chegaban a Boiro coa intención de ser os dominadores do voleibol masculino galego. O primeiro encontro enfrontou a lucenses e ferrolanos, vencendo os primeiros por 2-1 (25-22, 24-26, 25-23) nun encontro máis igualado do agardado. A continuación o Náutico gañaba con comodidade ós de Ferrolterra por 3-0 (25-18, 25-19, 25-20) nun partido onde a afección boirense vería en acción por primeira vez ó novo receptor branquiazul, Gabriel Del Carmen. EMEVÉ e Náutico citábanse para o derradeiro encontro. Os lucenses, con xogadores tan destacados no panorama nacional como son o receptor internacional Marlon Palharini ou o oposto de 2'04 Juan Díaz-Romeral non puideron co bloqueo-defensa local e perecían por 1-2 (25-21, 20-25, 30-28) cun desenlace de infarto. A derradeira xornada (Lugo, 4/10/2014) decidirá que equipo se fai coa hexemonía do volei galego.

xoves, 25 de setembro de 2014

A COPA GALICIA TRAE Á CACHADA ÓS MELLORES EQUIPOS GALEGOS:

Este sábado o Náutico regresa á Cachada coa Copa Galicia
Este sábado pola tarde A Cachada acollerá a 1ª xornada da Copa Galicia Masculina recibindo ós equipos senior que xogan competición nacional: EMEVE de Lugo (SVM) e Intasa San Sadurniño (SM-2). Viviremos dous partidos como pedras de toque para un Náutico que medirá as súas forzas por primeira vez nesta pretemporada. Ás 16:00h poderemos desfrutar do Intasa San Sadurniño-EMEVE co debut en competición oficial do receptor internacional Marlon Palharini nas filas dos lucenses. Ás 17:30h será o turno do Náutico-Intasa San Sadurniño e ás 19:00h do Náutico-EMEVÉ. De seguro que o espectáculo non defraudará. O sábado pola mañá, tamén na Cachada, a Copa Federación Masculina obrigaralle ó Redesyl Boiro Voleibol a empregarse a fondo ante Fisioterapia Cinesia Noia (11:30h) i EMEVE (13:00h). Lucenses e noieses medirán as súas forzas ás 10:00h. O Campo da Serra de Narón será o esceario no que as nosas cadetes disputarán a súa xornada de Copa Promesas. CV Narón Volea B (10:00h), CV Pontevedra A (11:30h) e Narón Volea A (13:00h) serán os equipos ós que se medirán. Pola súa banda o JEALSA Boiro Voleibol desprázase a Lugo o domingo 28 (Casa do Deporte) para xogar a Copa Promesas Masculina. Entrarán en acción ás 11:15 ante Narón Volea e despedirán a xornada xogando o seu encontro fronte a EMEVÉ ás 12:30h. ¡Boiro é volei!

luns, 22 de setembro de 2014

RESUMO DA 1ª XORNADA DA COPA GALICIA:

Imaxe de arquivo do Redesyl
A I xornada da Copa Galicia deixounos unhas sensacións moi satisfactorias para os nosos equipos de base. Na mañá do sábado, o JEALSA (cadete masculino) desfacíase no seu primeiro partido na Copa Promesas Masculina do EMEVÉ de Lugo por 3-0. Os de Adrián Alves atoparon no seu ataque a gran baza que lles permitiría dominar con claridade o encontro. No segundo partido repetíase resultado ante o Narón Volea. Na Copa Promesas Feminina o JEALSA vencía por 3-0 os seus 3 encontros ante CV Pontevedra B, Caldaria Voleyourense e XAV Cambados B respectivamente. Na xornada de tarde o Redesyl afrontaba a Copa Federación Masculina no Alonso Rodríguez noiés ante dous sempre complicados rivais. O primeiro deles, o CV Noia, impúxose por 2-1 nun encontro no que os nosos comezaron gañando. O segundo partido enfrontábanos ó EMEVÉ, partido que rematou con vitoria boirense por 3-0.

xoves, 18 de setembro de 2014

INICIO DAS COMPETICIÓNS OFICIAIS PARA @S NOS@S:

Primeiros encontros oficiais da 2014-15 (Foto de Pol)
Esta fin de semana comeza oficialmente a tempada para os nosos equipos de base coa celebración das diferentes modalidades da Copa Galicia. A Cachada albergará desde a mañá do sábado 20 a 1ª xornada da Copa Promesas, tanto masculina como feminina para rapaces e rapazas en idades infantil e cadete. Os rapaces xogarán ás 11:30h ante o EMEVE de Lugo e ás 12:30 ante o Narón Volea (ambos en Pista 1 da Cachada) nun triangular con partidos ó mellor de 3 sets. Pola súa banda as rapazas xogarán ás 12:30h, 17:00h e 18:30 ante Pontevedra B, Caldaria Voleyourense e Xav Cambados B respectivamente (Pista 2 da Cachada). Esa mesma tarde o equipo filial masculino que dirixe Adrián Alves desprazarase ata o Alonso Rodríguez noiés para disputar a Copa Federación Masculina. Os seus rivais serán o Fisioterapia Cinesia Noia (16:00h) e o EMEVE (17:30h).

luns, 15 de setembro de 2014

GERMÁN ROMERO E GABRIEL DEL CARMEN, REFORZOS DE NIVEL PARA O NÁUTICO:

Gaby foi subcampión de España Sub-19 de VP
A un mes do comezo da Superliga 2 Masculina (18 de outubro visita A Cachada o CV Melilla) o Náutico Boiro Voleibol tén o seu cadro de xogadores totalmente configurado para afrontar a que será a súa segunda tempada na categoría de prata do volei español. O plantel da 2013-14, a excepción da baixa do central Antón Pérez e do regreso de Xavier Sarille tras un ano estudiando en Rumanía, será a base sobre a que Emilio Palacio construirá o seu novo equipo. Iván Souto, Narciso Abalo, Manuel Pérez, Gustavo Romero, Cristóbal Álvarez, Miguel Vázquez, Emilio Palacio, Mario Iglesias, Jesús Vázquez e Adrián Alves repetirán experiencia e dúas incorporacións de calidade completarán un plantel que tentará de superar as 6 vitorias acadadas no curso pasado. A primeira delas é a do central de 1'91m Germán Romero. Tralo seu paso polo CV Noia, CV Ribeira e CV Zalaeta cos que encheu de éxitos o seu palmarés particular, o de Lousame chega ó Boiro Voleibol para aportar a súa calidade preto da rede. A segunda alta branquiazul non é outra que a do vigués de 1'92m Gabriel del Carmen, un valor na canteira galega dos últimos anos. Malia a súa xuventude (20), Gaby foi unha das pezas básicas do esquema de Eloy Mahía no Intasa San Sadurniño da pasada campaña, conseguindo ser o máximo anotador do equipo de Ferrolterra (132 tantos) e un dos seus mellores receptores (23%). Xuvenil Teis, Club Vigo Voleibol, AD Cáceres e Intasa San Sadurniño son os equipos nos que formou con anterioridade o noso novo compañeiro. ¡Benvidos!

mércores, 3 de setembro de 2014

PATROCINIOS RENOVADOS PARA ESTA 2014-15:

As empresas JEALSA, Náutico Boiro - Marina Cabo de Cruz e Redesyl acaban de confirmar a súa continuidade no proxecto do Boiro Voleibol de cara a vindeira tempada 2014-2015. En nome de toda a xunta directiva en particular e a familia do volei da nosa vila en xeral queremos enviar a nosa máxima gratitude por seguir apoiando a nosa causa e confiando no traballo que levamos a cabo. Sobra dicir que os nosos éxitos son tamén vosos, mil gracias. ¡O volei está de moda!

JEALSA, Náutico Boiro e Redesyl seguirán co seu apoio esta 2014-15